Librerías Paraíso
O outro día, nunha conversa cun grupo de adolescentes -todos eles magníficos lectores- preguntáronme cal era a mellor librería?
A mellor, respondinlle sen dubidalo nin un intre, é aquela na que mercas o teu libro. Aquela na que o libreiro te aconsella sobre unha obra determinada. Aquela na que te deixan remexer, ollar, tocar, palpar, cheirar a novela aínda que non a merques. Aquela na que se non o teñen, buscan o teu poemario alén finisterrae. Como facían os libreiros do meu pobo. Pepe da “Faro” que soñaba con ter un espazo de seu, dedicado á lectura; ou o libreiro Maceira, que sabía que vender libros non era como vender allos.
Para ilustrar o papel que deben xogar os libreiros na lectura, conteilles o que lle sucedeu a Carlos Casares cando entrou nunha librería na Rúa do Vilar, en Compostela. Corría o ano 1967, e o libreiro, un tal Eduardo Hérnandez, meteulle entre as mans un libro que denominou de “alta plumilla”. Casares levouno máis que nada por non desairar a quen puxera tanto eloxio da obra. Levouno sen ilusión pois o nome do autor nin lle soaba. Chegou á súa casa e leuno de corrido. Foi así (con 26 anos) como descubriu Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez.
Faleilles, tamén, da mítica librería (editora) “Follas Novas” inaugurada o 15 de xullo de 1957 (aniversario do pasamento de Rosalía de Castro) en Buenos Aires, destinada a distribuír o libro galego en América. Ensoñada por dúas das persoas que máis aman os libros, Xosé Neira Vilas e a súa dona, a escritora e intectual cubana galega, Anisia Miranda.
E dunha das librerías máis fermosas que descubrín coa miña familia, a “Libraría Lello e Irmao”, que ocupa un edificio neogótico, sito no centro de Porto, preto da Torre dos clérigos. Aínda que non menos interesantes son a “Shakespeare and Co” en París, onde os libros enchen todos os recunchos dos corredores. A “Grand Splendid”, na capital da Plata, un teatro reconvertido en librería que utiliza os palcos como espazos de lectura. Ou isa outra librería paraíso, “Acqua Alta”, en Venecia, que ten no interior nada menos que unha góndola.
E de volta ao noso país temos a Librería “Maraxe” de Cangas, rexentada por Lito, un ex-xogador do Celta de Vigo que cambiou o balón polos libros. Alí participei hai anos na presentación dunha peza teatral, O retábulo das marabillas no país do chapapote (Ed. Fervenza) de Xoán Carlos Riobó. Ao rematar o acto e tras asistirmos –in situ- á representación, a cargo dun grupo de rapaces, Lito agasallounos cunhas sabedeiras empanadas das que demos boa conta.
Aínda que se hai algunha librería pola que sinta auténtica devoción é a “Libraria Couceiro” de Compostela, todo un galano para os sentidos. O profesor Ricardo Carvalho Calero comparaba ao libreiro Xesús Couceiro con Ánxel Casal, ambos os dous foron as persoas que máis traballaron a prol do libro en Galicia.
E é que o amigo Xesús Couceiro é un deses libreiros que coñece perfectamente o fondo da súa librería, segue paso a paso a producción editorial e dispón dun olfato finísimo para localizar bibliotecas vellas, ademais de adiviñar os gustos dos clientes.
Non é de estrañar, xa que logo, que todas estas librerías, e na que ti merques amigo lector, sexan un auténtico paraíso para todos os que gozamos do Mundo dos Libros.
Por certo apúntame meu fillo que na Librería “Lello” tense gravado algunha escena de Harry Potter.