publicidade hoxe

Os meus beizos nos teus beizos

O vaso sempre cheo. Un día de moita chuvia. Os meus beizos nos teus beizos. O ar da Congostra batendo con forza no Malecón da alma. Unha luzada de sol que loita por saír entre as follas dun limoeiro que dá laranxas. Sementar con agarimo palabras no xardín. Recoller de vagariño unha cestada de versos libres nas pólas máis altas das árbores. Os soños fiados co escintilar dos teus ollos. O  Coppini cantando a de malos tempos para a lírica. E mirar (sempre) aos ollos da xente. E camiñar. E pasear. E (per)correr. Correr por todos os recunchos da estrada da Vida. E só parar, para coller impulso. Procurar forzas para lle poñer peito ao novo ano. To be or not to be. Pois claro, William, claro, esa é a cuestión. Ser. Estar. Sentir. Cavilar. Reflexionar. E calar. Ficar mudos. Escoitar o eco do silencio. E bicar. 2014 bicos, alomenos. E saber perder que é sempre gañar. E mergullarse todos os días no Mar da curiosidade, da ilusión, do desexo, do amor. Fuxir da mediocridade (léase dos mediocres). E reto(mar). Sempre o mar noso de todos os días. A palabra. O diálogo. As conversas cos amigos no Pazo de Laiovento. E agardar unha sentenza digna (ou sexa xusta) entrementes a bandeira de Nunca Máis ondea no Elsinor do noso corazón. E voltar ao principio. Lembras? Repite comigo, amodiño, o vaso sempre cheo. Un día de moita chuvia. Os meus beizos nos teus beizos.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 3 de Xaneiro do 2014 | 12:08 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"