Fútbol e Literatura
En que se parece o fútbol a Deus? Di o escritor uruguaio Eduardo Galeano que “na devoción que lle teñen moitos fieles e na desconfianza de moitos intelectuais”.
Teño lido que o balón é redondo coma o planeta, coma o ventre da nai, coma o sol rebulideiro e que Cando o porteiro toma carreira e xuta ao aire semella que o esférico vai bicar o ceo. Vai ir alén dos límites da vida cotiá. Quizais nese horizonte é onde se atopan fútbol e literatura.
Había un velliño no meu barrio estradense de Bedelle que cando saía de casa os domingos pola tarde e ía á Baiuca, a ver ao CD Estradense, sempre (chovese ou non chovese) levaba paraugas. Un día preguntáronlle ao señor Manolo para que levaba o paraugas se non chovía e el respondeulle, “nunca se sabe filla, nunca se sabe, pode vir unha treboada en calquer momento”.
E seguía camino entrementres debuxaba nos seus beizos un lixeiro sorriso. O paraugas, eu sabíao perfectamene, era para endereitar ao árbitro no caso que se torcese.
O Fútbol como argumento literario é un tema, un xénero literario máis, onde o drama, a comedia ou a épica están presentes.
Fútbol e literatura comparten o espazo do relato. Eu diría que o fútbol gañou terreo nas follas brancas dun libro, e a literatura penetrou engordiña polo verde céspede dun campo de fútbol.
Sempre gocei do fútbol a pesares de ser un espectáculo moi desprestixiado no eido da cultura supoño que por mor da súa omnipresenza nos medios ou por ser un dos negocios máis lucrativos do mundo.
Hai evidentemente multiples excepcións de escritores que, vencendo prexuízos pseudoculturais, decidiron “saír do armario” e manifestarse abertamente como afeccionados e fanáticos do balompé.
Peter Handke, dramaturgo, tiña un libro que se titulaba O medo do porteiro ao penalti. E o escritor francés Albert Camus, que chegou a xogar de porteiro, apuntaba que o fútbol era un gran invento social, porque permitía seguir odiándonos sen necesidade de matarnos.
O meu admirado Mario Benedetti, autor dunha das pezas dramáticas (Pedro y el capitán) que máis me impactou, sorpréndeme cun poema dedicado a Maradona. O grande poeta Rafael Alberti dedícalle uns versos ao porteiro húngaro Franz Platko. E o humorista e escritor arxentino Roberto Fontanarrosa é autor dun dos contos máis fermosos sobre o fútbol, 19 de diciembre de 1971 no que nos fala do gol de “palomita” de Aldo Pedro Poy. E poderiamos seguir falando da literatura e fútbol en autores recoñecidos como o peruano Bryce Echenique, o colombiano García Marquez ou o mexicano Juan Villoro autor de Los once de la tribu. Dios es rendondo.
O autor da Colmena, Camilo José Cela, escribiu en 1963, Once cuentos de fútbol. Julián Marías, autor de Salvajes y sentimentales é do Real Madrid entrementres que Vázquez Montalbán, autor de El delantero centro fue asesinado al amanecer foi un recoñecido culé.
Outrosí sucedeu na literatura de noso. Manuel María (adestrou ao equipo de fútbol da Academia Balmes) ía con Uxío Novoneyra a Riazor aos partidos do Deportivo da Coruña ao que denominaba o “depurativo”). A prosa poética de Manolo Rivas trouxonos o relato de “O Mister e Iron Maiden” que ten como protagonista a Arsenio Iglesias, adestrador do Superdepor. O meu bo amigo, Xosé Vázquez Pintor escribiu a primeira novela protagonizada por un futbolista celeste, Lume de Biqueira. E tenme contado Xosé Neira Vilas que el mesmo era na Arxentina seareiro do San Lorenzo de Almagro e nas bancadas do Estadio Pedro Bidegain (seguramente) ten coincidido co actual Papa, Francisco I, grande afeccionado ao fútbol.
En Edicións Fervenza tiramos do prelo hai algúns anos o libro titulado O primeiro partido de Fútbol da autoría do actor de actores, Fernando Iglesias “Tacholas” . E, na colección “A Pinguela Teatro Escolar para ler e representar”, a peza teatral, O Partido de fútbol do século do dramaturgo cuntiense Fernando González Graña. Coido que a primeira peza teatral galega que ten como argumento o fútbol.
En definitiva, un bo partido de fútbol é sempre unha boa historia para contar. Tanto o manexo do balón como o da linguaxe, sexa nos pés de Valerón ou nas mans sensibles de Neira Vilas constitúen un auténtico desafio para a creatividade.