Manoele de Felisa
Da súa avoa materna herdou un nome fermoso, tenro, musical, Manoele de Felisa. Sendo un pereiriño de oito anos principiou no Mundo da Música… dende aquela nunca deixou de musicalizar os Versos na partitura da Vida. Tiña sede e, claro, bebeu: Emilio Batallán, Amancio Prada, Andrés do Barro, Pablo Milanés… foron para o noso cantautor unha auténtica fervenza musical. En 1999, coñeceu a Suso Vaamonde, foi como rubir a Castrolandín e deixarse empapar polo Orballo de Medianoite, “orballo como vai caíndo, lento, como o vestixio platónico das horas, como o tempo…” Se tivese que escoller un lugar no Uni(Verso) seguramente ficaría co seu Macondo íntimo, Piñeiros, a súa aldeíña especial na Vila do Baño de Cuntis. Se tivese que escoller un froito da Terra recollería dos teus ollos uns saborosos Limóns, froito que lle permite dedicarse ao que máis ama, a música. Se tivese que escoller unha chanson na súa sinfonía vital cantaría calquera das que fala de Nós e nos fai sentir Galicia. Manoele, Manoele de Felisa, unha das voces máis profundas, máis auténticas e máis fermosas que temos no noso país… pero é que ademais, e non é pouca “cousiña”, Manoele, Manuel Vázquez Fernández é unha das persoas máis cariñosas, cercanas e reivindicativas que coñezo. Mil parabéns, Amigo.