Os espíritos libertadores dos Valladares de Vilancosta
A Pili Gorís
Nunha paisaxe enmeigada con arrecendo a mimosas, mirando ao Pico Sacro, no costaneiro lugar de Vilancosta, na freguesía de San Vicente de Berres, pertencente á vizosa terra da Ulla estradense, érguese a casa grande dos Valladares. O berce dun dos clans con máis avoengo de Galicia, unha das familias fidalgas máis cultas da nosa terra que –descoñecendo o noso glorioso pasado lírico medieval– foron quen de loitar a prol da nosa cultura, da nosa lingua, do noso país.
O Patrucio do casal, o avogado José Dionisio Valladares (1787-1864), foi colaborador de Fontán no Mapa de Galicia e no Diccionario histórico-estadístico de Pascual Madoz. Asemade cultivou a poesía, participa nun libriño de Gozos á novena da Virxe da Guía xunto cos seus fillos Sergio e Marcial.
Dos irmáns do lexicógrafo poderiamos subliñar o labor do malogrado Sergio (1823-1855), que ten escrito algúns ensaios e mesmo chega a colaborar co seu irmán no solidario Álbum de la Caridad. E a súa irmá Avelina (1825-1902), a Cantora da Ulla –como gustaba de chamala o egrexio Manuel García Barros (que principia a escribir en galego da man amiga dos Valladares)– que coa súa obra poética en galego convértese nunha das mulleres que vai participar no rexurdir das nosas letras.
E por riba de todos eles, o señor de Vilancosta, Marcial Valladares (1821-1903), autor dunha prolífica obra nos distintos campos da lingüística e da literatura (poesía, narrativa, lexicografía, gramática, economía, historia, folclore, música…) polo que é considerado na Historia da Literatura Galega como un precursor no uso do galego nos primeiros tempos do rexurdimento, un dos primeiros refacedores da cultura galega.
Por todo isto non é de estrañar que outro estradense (de corazón) Antón Losada Diéguez (sobriño neto político de Marcial) cualificase aos Valladares como espíritos libertadores.
“Os galegos de hoxe –escribiu en 1925 o precursor do Seminario de Estudos Galegos no xornal El Emigrado– non se decatan de todo o valor do traballo daqueles homes, daquelas mulleres que aínda sendo señores, escribían en galego, facendo erguerse do chan coa luz da arte a fala humilde, sinxela e aldraxada, tan aldraxada como entonces o eran Galicia e os galegos. Eran os tempos en que era mala crianza falar galego, en que os galegos, tiñan vergonza de falar aos señores como falaban á súa nai ou aos seus fillos. ¡Tempos mouros xa pasados!
Avelina Valladares foi un dos espíritos libertadores, como o seu irmán Marcial”.