publicidade hoxe

A Feira da Construción

Hai uns anos un escritor da República das Letras da Coruña chamoume (iso si, moi cariñosamente) para facerme partícipe dunha súa descuberta, unha pequena errata que atopara nun libro de Edicións Fervenza (un “o” onde tiña que haber un “a”).

E o abaixo asinante contestoulle (iso, si, moi cariñosamente) con este artigo: meu querido amigo, que queres que che diga, levas razón pero os que andamos no mundo da edición, o que primeiro aprendemos é que a errata é invencible. É imposible controlar todas as letras dun libro. Algún día hei de contar o que nos ocorreu coa biografía que Martín Veiga escribiu sobre Antón Avilés de Taramancos.

Non abonda con corrixir unha e outra vez. Ese microbio de orixe descoñecida, como definía Ramón Gómez de la Serna, a errata, segue vivo século tras século, publicación tras publicación. Mesmo hai autores que as teñen recollidas, como é o caso de José Esteban no seu Vituperio de la errata.

Así atopámonos con que as homilías impresas de Clemente XI presentaban unha errata importante cuxo impacto visual provocoulle unha apoplexía que lle fixo perder a vida en poucas horas.

Vicente Blasco Ibáñez, na primeira edición da súa obra Arroz y Tartana, quería escribir “aquella mañana doña Manuela se levantó con el ceño fruncido” pero a boa de dona Manuela apareceu impresa non co “ceño” senón co “coño fruncido”

Garcilaso de la Vega pretendía escribir nun verso, “y Mariuca se duerme y yo me voy de puntillas” pero escribiu, “… y yo me voy de putillas”.

La Dama de las Camelias, a popular obra de Dumas viu a luz como La Dama de Les Camèlles.

Outras erratas veñen dadas polo sentido do humor do seu creador, segundo Nicolás Guillén o libro Confieso que he vivido de Pablo Neruda debería titularse, Confieso que he bebido.

Cando don Miguel de Unamuno, tan serio el, foi a Alicante a impartir unha conferencia, o xornal local, na primeira páxina, subliñaba en grandes letras, visítanos o ilustre profesor don Miguel de “Unamemo”. Esta foi, seguramente, unha desas erratas intencionadas de alguén que non lle quería ben ao xenial escritor. Por certo, don Miguel levou tal cabreo que non deu a conferencia.

E do libro No Pazo de Laiovento tiramos esta pequena xoia, cando Francisco Pillado Maior e Manuel Lourenzo rematan isa magna obra que leva por título Antoloxía do Teatro Galego (1982), entregáronlle o orixinal ao único editor que era quen de asumir un textos desas características, Isaac Díaz Pardo. Como pasaban os meses sen que o editor lles dese unha resposta sobre o futuro do libro, un día que estaban reunidos os autores coas súas donas, Montse, a muller de Manuel Lourenzo, apuntou que o mellor era chamalo para saír de dúbidas. Levantouse, foi cara ao teléfono, falou con el, explícoulle que estaban falando do tema da Antoloxía e preguntoulle se pensaba publicala. A resposta de Isaac foi a seguinte:  “Dilles que non se preocupen, que o libro ímolo presentar na Feira da Construción”. Cando Montse comentou que, en todo caso, sería na Feira do Libro, el retrucoulle: “Non, mellor na Feira da Construción porque é un ladrillo de carallo”. E é que mentres existan erratas haberá literatura ou… é ao contrario?

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 23 de Xuño do 2013 | 4:14 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"