publicidade hoxe
Bicos a moreas - Cabecera

Bicos a moreas

Entre as nubes do outono, cos beizos frieiros bica o vento vello as follas do ceo. E da beira da Pinguela chegaban cantigas. Empurradas polo vento. Enchoupadas na brisa. E bicando os horizontes, as árbores espidas fuxían voando no cabo do día. Cando queiras sentir un muac na túa faciana, (re) le este artigo e verás que che pasa.

Regaláchesme un bico, meu amor. E voei entre as nubes, dun universo secreto, de arume de estrelas e zume. Quixera ser bolboreta, meu amor. E bicar o teu bico dourado. Abrir as ás moi feliz. Voar por sempre ao teu lado.

Hai bicos a moreas. Bicos no Faro, á beira do mar, coa marea viva, con arrecendo a sal. Hai Bicos aireados de flor e mel (ata mañá, durme ben). Bicos frescos de noz e limón (bos días. Érguete Sol). Hai bicos agarimosos, que pronuncian o teu nome. Hai bicos prohibidos que se dan co ollar. Hai bicos eternos, os da memoria. Hai bicos do adeus, os do final. Xa o dicía don Miguel de Unamuno, “besos que vienen riendo, luego llorando se van y en ellos se va la vida, que nunca más volverá”. Hai bicos rosalianos, na fronte unha Estrela, no bico un cantar. No seu infindo ollar, mirábase o mar. As ondas aloumiñaban os seus pés ao camiñar. E o ar feiticeiro dáballe un bico na man.

Hai bicos de cores. Hai cores do amañecer. Hai cores como bicos. Bicos tenros de pracer. Son bicos de aloumiños. Son aloumiños do anoitecer. Durmir arrolado por estrelas. Que fermoso é!

En fin, amable lector, a estrada da vida dános bicos (se nós sabemos mirar), para descubrir o Uni(Verso) temos que aprender a amar. Por iso, un desexo para este Nadal, do abrente ata o solpor, versos, bicos e amor. Boa semana.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 13 de Decembro do 2013 | 2:48 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"