publicidade hoxe
Guimarei - Cabecera

Guimarei

Pídenme que fale da miña aldea e remítovos dous escritos, o primeiro foi lido co gallo da inauguración da biblioteca “Xosé Luna”o sábado 9 de maio de 2009. O segundo foi dedicado ao equipo de fútbol co gallo do seu ascenso a segunda rexional na temporada 2012-2013.

Abro a artesa da memoria e abrolla o arrecendo da miña primeira patria. O olor do pan de millo. A miña infancia. O meu paraíso perdido. A aldea de José e Albina, a aldea da miña tribo.

Abro a artesa da memoria e fico pampo contemprando o ceo azul e branco de Guimarei. As troitas das Pinguela danzando cantareiras cara ao Liñares. A doce voz dos meus avós penetrando engordiña nos meus ouvídos. Un niño de rulas no alto dun piñeiro en Campos. O trator de Mirucho a rebosar de herba seca de Cobas. Os foguetes anunciando as Festas das Dores. E a Torre milenaria que preside estas terras.

Abro a artesa da memoria e fico honrado, ledo, orgulloso e emocionado mercede á ilusión, ao entusiasmo, ao traballo da Asociación Deportivo e Cultural de Guimarei, que soña construír un futuro mellor, un futuro esperanzador para a súa parroquia.

Ogallá que o facho de luz e ilusión desta nova estrela que alumea o ceo de Guimarei teña, por sempre e para sempre, resplandores eternos.

 

Rubo á Torre e sobrevoo a miña aldea,

toda verde desde A Cardavella a Xerlís,

e A Pinguela sorríndo orgullosa

co equipo que nos fai feliz.

 

Meu Guimarei, Guimarei, Guimarei

todos contigo no corazón,

equipo da nosa alma,

gloria, orgullo da nosa afección.

 

A xente chouta, canta, danza

unha fermosa chanson de amor,

leda, humilde e maxestosa,

baixo o Ceo de Guimarei protector.

 

E por iso todos xuntos arelamos,

cando a chuvia cae sobre a aldea gris,

que serán os teus ollos verdes, meu Guimarei

os que nos iluminen ata a fin.

 

Meu Guimarei, Guimarei, Guimarei

todos contigo no corazón,

equipo da nosa alma,

gloria, orgullo da nosa afección.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 6 de Xuño do 2014 | 6:30 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"