Carlos Loureiro
O profesor, escritor e entrañable amigo, Carlos Loureiro Rodríguez, vén de acadar, polo seu infindo traballo a prol da lingua, o Premio San Martiño, concedido pola Asociación Cultural O Brado da Estrada.
A desgraza – como ben apuntaba o galardoado cando lle dei os parabéns- é que teñamos que andar a premiar este labor. Pero as “cousiñas” son como son. E este Premio, coa que está caendo, semella máis necesario que nunca.
Na historia contemporánea da literatura de noso, o labor do profesor Carlos Loureiro é recoñecido como o investigador que foi quen de sacar do limbo do esquecemento a figura de Manuel García Barros. El é o seu biógrafo. E el foi o refacedor (léase editor) da súa obra, as Aventuras de Alberte Quiñoi (en colaboración co profesor Xesús Oreiro Pensado), os Contiños da Terra, Enredos, Dos Meus Recordos ou da peza teatral, Carta da Habana.
No ámbito deportivo, sempre colaborou a prol do fútbol base co clube da súa parroquia (na que fixo de todo, xogador, directivo, secretario na súa fundación e en 17 tempadas, mesmo ten pintado en múltiples ocasións o campo de San Martiño). Froito de todas esas vivenzas e inquedanzas xorde a publicación, Callobre CF dos alicerces a 2002. Un libro que é moito máis que a historia dun clube. É a historia dunha parroquia exemplar. Unha historia vital construída paseniño coas 185 páxinas de amor a unha aldea que o viu nacer e onde escoitou (e cantou) por primeira vez o himno galego.
Como membro de Edicións Fervenza fixo, tamén, de todo, encargouse da supervisión lingüística, da edición e tradución de obras de teatro, da coordinación de publicacións, de presentador da Festa da Poesía, de xogador no Partido de fútbol a prol da lingua. E tirou do prelo unha magna obra, froito de moitas horas de pescudas literarias, o Diccionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes.
Todo este traballo sempre foi á par da súa brillante profesión docente que dende o ano 1983 desenvolve no IES Manuel García Barros.
Foi distinguido como Socio de honor da “Sociedad Hijos del Ayuntamiento de A Estrada” en Cuba; e coa medalla de “Amigo da Solaina” concedida pola Fundación Paco Lareo. E o que é máis importante a súa traxectoria ética e estética é toda unha lección de honestidade e xenerosidade.
Velaí, contada polo atallo (como diría Neira Vilas), o camiñar, na estrada da vida, do profesor e escritor, Carlos Loureiro Rodríguez. Parabéns, amigo.