Un raio de sol
(Para María)
Todo é tan fráxil. Onte recibín unha chamada que trouxo o desacougo á casa. Unha amiga foi diagnosticada cunha enfermidade grave e precisou de ser operada de urxencia. A media noite informáronme que saiu todo ben, intervida por un excelente equipo de doutores, Aquilino Fernández Pérez, José Luis Rodríguez Couso e Héctor Núñez Tasaico. Agora quédalle un difícil camiño pero o paso máis difícil está dado. Os que a coñecemos sabemos que é unha loitadora e que vai superar este mal momento co apoio de toda a súa familia e dos amigos.
Arestora, día de todos os santos, pasmo, que o fago moi ben, sentado nunha cadeira, no porche, ao carón de Nadal, o can labrador da familia. A escola da arte segue amosar toda a súa beleza. A chuvia non cae, póusase, solermiñamente, nas follas do limoeiro. O céspede reviviu. Os magnolios altivos saúdan ao ceo. A maceira, que este ano estivo enfurruñada e non deu nin unha soa mazá, semella máis leda. A oliveira, que vai por libre, está toda coqueta, grande e maxestosa. Un día pregunteille a Xosé Neira Vilas cando podaba a oliveira centenaria que ten na súa casa. E contestoume que o facía dun xeito totalmente natural, cando a veciñanza ía á misa do domingo de ramos e arrancaban unha ramiña ao pasar. Toda a natureza é arte. E todo é tan fráxil. Principia a zoar o vento. E abanea as follas do limoeiro e as nubes do Ceo. Entrementres, o Sol do outono, agasállanos cun raio de sol. Cólloo con suavidade entre as miñas mans. Entregareillo a María para que se recupere ben e volva axiña para xunta Nós. Un biquiño, amiga.