Dicir don Manuel Reimóndez Portela
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é construír, ensoñar, amar. Si.Si. Amar. Amar A Estrada dende a profundidade da Vida. El que tiña os pés chantados á Terra, a raiceira, o hórreo vivo da memoria. El que gustaba de viaxar –e perderse de vagariño por entre as nubes do Ceo– coas ás dun soñador e sobrevoar o Pico Sagro e a Torre de Guimarei e o Castro de Barbude e o noso Versalles Galego e todos e cada un dos recunchos das nosas 51 parroquias, dende o A de Agar ata o V de Vinseiro.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é estudar, pescudar, falar. Si.Si. Falar. Falar do Ulla e das súas xentes, que son as nosas xentes. El que sabía que non existe nada máis máxico que a realidade. El que afirmaba que o maior tesouro do Universo é o que está máis preto de nós, a carón do noso corazón, o noso ricaz patrimonio artístico e cultural.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é valorar, testemuñar, acreditar . Si.Si. Acreditar.
Acreditar na autenticidade dun profesional da medicina. El que foi un médico a antiga, saudable e humana usanza, seguidor da filosofía de Roberto Nóvoa Santos. El que sempre amosou o orgullo de ser un médico de aldea. E que tiña como títulos honoríficos, outorgados pola sabedoría popular, o de San Miguel, o médico da alma, o doutor dos pobres.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é unha amencida ou unha posta de sol. Si.Si. Unha posta de Sol. Azul Futuro Branco Esperanza. El que gustaba de contemplar o nidio resplandor do vagalume. El que era quen de tocar cos dedos as máxicas raiolas do luar no seu Macondo paradisiaco de San Miguel de Castro.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é verse reflectido, identificar, recoñecer. Si.Si. recoñecer. Recoñecer aos nosos emigrantes. El que foi emigrante na súa nenez en Cuba, a súa patria de adopción e que se sentía orgulloso de ter vivido case porta con porta do fogar nativo do gran poeta, José Martí. El que, 46 anos despois, rememorou, redescubriu, volveu a vivir, sempre da man da súa dona Victoria e na compaña dos seus amigos, dos seus irmáns, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, a infancia habaneira.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é proclamar, amentar, nomear. Si.Si. Nomear
Nomear un Espírito Libertador da nosa Lingua. Proclamar o Compromiso Integral con Galicia.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é recordar, conmemorar, lembrar. Si.Si. Lembrar
Lembrar ao pai, ao avó, ao irmán, ao amigo, ao Mestre, que fica por sempre nun recuncho do noso corazón. El que sementou en Nós a mellor colleita do Mundo, a do amor á Terra. E que ilumina coa súa obra, co seu comportamento ético e estético, as nosas Vidas.
Dicir don Manuel Reimóndez Portela é homenaxear, dignificar, honrar. Si.Si. Honrar
Honrar ao noso pobo da Estrada… da Estrada da Vida. Porque –e del tamén o aprendimos‐ os pobos que honran ás súas glorias hónranse a si mesmo. E honrar a don Manuel Reimóndez Portela é Honrar aos bos e xenerosos. E iso, amigas e amigos, fainos a todos mellores persoas.