Unha tarde de verán
Pasamos a tarde do xoves na parroquia de Berres, de visita na casa da nosa amiga Pili. Fomos ver a Lucha, unha mastín que vén de traer ao mundo sete cachorros, sans e fortes, seis femias e un macho.
Ela vese ben, unha nai feliz, un pouco delgada, recuperándose do esforzo que supón amamentar a todos os fillos. Pola súa banda, Lucho, o rei da manda, anda feito un padrazo, non deixa que ninguén se achegue á súa prole sen dar o seu visto bo. Évos ben certo, os animais moitas veces dánnos leccións de animalidade (léase humanidade) ás persoas.
Logo visitamos unha plantación de 150 castiñeiros que loitan, mirando ao Pico Sacro, por rexurdir desta terra verde e vizosa. Mesmo xa temos planeado un magosto para dentro de catro anos (que o tempo pasa voando) coas castañas que han vir.
Na tardiña desprazámonos ata o Areal, un deses recunchos máxicos do noso país, un deses tesouros paradisiacos da nosa terra, que (por suposto) non veñen en ningún catálogo de ningunha axencia de viaxes de Europa.
Este espazo, único e irrepetible no uni(verso), é coidado (léase agarimado) polo amigo Gañete, que por alí estaba co Prisciliano do teólogo e escritor Xosé Chao Rego, nunha man e co paquete de tabaco na outra.
Gañete é unha desas persoas anónimas, á vez que imprescindibles, que precisan as aldeas, os pobos, a humanidade para progresar. A próxima vez levareille de agasallo dous libros que están fondamente vencellados a esta parroquia, Marcial Valladares Núñez. Cantigueiro Popular de Marcial Valladares (Ed. Fundación Cultural da Estrada), e Ond´o Sol facheaba ao amañecer, vida e obra da cantora da Ulla, Avelina Valladares (Ed.Fouce).
De súpeto, estando no Areal, veume a seguinte cousiña á cabeza. Imaxinádevos un dublinés, un sueco, ou mellor aínda, un alemán da Alemaña, logo de aterrar no aeroporto de Lavacolla, pedíndolle ao taxista en alemán, “por favor queremos ir a Berres, a ver o río Ulla, que neses paraxes seica baixa máis coqueto que en ningures.”
E o taxista (moi competente no plurilingüismo) espetaríalle nun perfecto inglés-galaico, “faltaría máis. Non hai fallo”. E facendo un alarde de sabiduría profesional, proseguiría, “e voulle dicir outra cousiña, ademais poden visitar vostedes o costaneiro lugar de Vilancosta, que lle queda, moi preto, na mesma parroquia, e é o berce dos Valladares.
“Dos Valladares?”, Preguntaría atónito o fillo maior do alemán que estuda Filoloxía Galega na Universidade Merkeliana de Alemaña. “Si. Señores –continuraría o taxista- unha das familias fidalgas máis cultas e con máis avoengo de Galicia, Don Marcial e a súa irmá, a poeta do rexurdimento, Avelina Valladares…”
O caso é que á tardiña, voltei para a casa contento e aínda tardei unha miga en decatarme de onde me viña a ledicía que sentía (dende as dedas ata a cabeza) cando ía de volta, rubindo polas loucas curvas de Paradela e Transmonte, camiño da Estrada da Vida.
Ata que por fin, dei co epicentro da alegría. Velaí vai, uns cans, uns castiñeiros, un río, uns amigos, unha aldea, a familia, uns cantos turistas alemáns (de Alemaña, por suposto), a lembranza de tres libros, e alá arriba, no cumio desta tarde de verán, o Pico Sacro.