A metade do Ceo
A María Xosé Matalobos Dono
Dixo a escritora Xohana Torres no discurso de ingreso da Real Academia Galega que as mulleres sosteñen a metade do Ceo. E a protagonista de hoxe é unha desas mulleres loitadoras. Chámase María Xosé, Sefa para os amigos, e é mestra, educadora, empresaria, animadora sociocultural, galeguista, labrega, nai e avoa.
Como mestra desenvolve o seu traballo cotiá mostrando unha profesionalidade singular. O seu exemplo caeu sobre xeracións e xeracións de nenas e nenos que hoxe son pais e avós.
No eido empresarial rexentou, xunto co seu marido Manuel Lodeiro Barreiro, a (mítica) discoteca “Chaplin” en Santa Cruz de Rivadulla; e xa na década dos oitenta, a “Carpintería Loga” asentada na paraxe dos Bolos, parroquia de Lagartóns (A Estrada) de ónde é oriunda.
Ten participado en toda clase de actos socioculturais celebrados no eido escolar e da sociedade estradense, sempre sen facer ruído, un paso atrás, e sen querer nunca xamais ningún tipo de protagonismo nin recoñecemento.
Ten elaborado cantares para o Nadal, coplas para os encontros dos Xenerais do Ulla ou feito adaptacións de textos dramáticos. Grande cultivadora das palabras, ten un galego exquisito tanto na súa oralidade como na expresión da súa escrita. E un valor engadido, sempre exerceu de Labrega, traballa na terra (en Lagartóns e Camanzo) co mesmo agarimo e entusiasmo co que leva impartido docencia durante toda a súa vida.
Ten colaborado con Edicións Fervenza en multitude de actos, en todas as edicións da Festa da Poesía, en moreas de exposicións, obras teatrais, recitais e na supervisión lingüística de moitas publicacións.
Xosé Neira Vilas ten dito de Sefa que é “Mestra vocacional e amante das nenas e dos nenos”.
A escritora Concha Blanco diríxese á mestra dicíndolle “na árbore que aí teño e ti coidas colgaría ás palabras forza, ledicia, agarimo, discreción. Nai, docente, empresaria, vocación. Pois todo iso es ti, María Xosé: un amor.”
O sobranceiro escritor Xosé Vázquez Pintor, di, “María Xosé: quero que saibas que moito alén das cicloxéneses, hai un tempo de acougo e de memoria feliz por aqueles tantos anos de vocación e de convivios coas xeracións que gardarán os nosos rostros e os nomes coma nun soño. Velaí a certeza e o agarimo. E o limoeiro ha ser contigo tamén nas sendistancias do Foxo e de Galiza, sempre. Querémoste! Unha aperta ben grande dende o mar de Cangas”
O escritor da vila do Baño Héitor Picallo, cóntanos, “os motores da verdadeira educación están en persoas como María Xosé. Visíbeis ou non, resultan realmente necesarias para producir o movemento, o dinamismo e a inercia que outros mestres e mestras han imitar.Graciñas e unha aperta.”
A poeta de Compostela Rosalía Morlán, defínea como unha “Mestra xenerosa e sensible, que soubo alumear os camiños da vida dos nenos e nenas.”
Rosa Ferreira, directora do CEIP do Foxo, coméntanos, “a súa xenerosidade no esforzo e nos afectos, a súa responsabilidade, a súa sensatez e sobre todo a súa discreción, superan os límites dunha grande mestra profesional”.
Teño para min que María Xosé decatouse hai moito, moito tempo, de que as “cousiñas” importantes da vida, as imprescindibles, como poden ser a formación, o respecto, a tolerancia, a dignidade, a educación, a cultura, a lingua… pódense adquirir na escola. E traballou sempre para conseguilo, de vagariño, como se fan as grandes “cousiñas”.
Por iso mesmo ten a admiración e o respecto de toda a sociedade estradense, de toda a comunidade educativa do CEIP do Foxo, de todos os que tivemos a infinda sorte, a infinda honra de poder traballar ao seu carón.
Por iso mesmo, benquerida amiga, es unha desas mulleres que sostén a metade do Ceo.