Cantos de lembranza
Sentimento profundo. Amor vivo e rotundo. Así é o sentir que o Balbino soñador de Xosé Neira Vilas levou no seu corazón cando, por volta de 1949, emigrou na procura de novos horizontes. A paisaxe vital e humana dese anaco do mundo chamado Gres acompañaría por sempre ao noso poeta.
A ponte, a beira do río, a cerdeira, os bacelos, a auga, a pedra, o sol, o vento, as lousas do camposanto, a escola, o pantrigo, os zocos do avó Santiago, as cantigas da avoa Maripepa Arteaga, o pai, a palabra agarimosa da nai, e Anisia (sempre Anisia), fican presente no universo creativo do noso creador máis universal.
Vou e veño// Oíndo a vella fala,//uliscando recendos// que acenden a memoria,// remoendo lembranzas,// recuando nos días// para que as contas canxen…
A raigame. A memoria. O revivir. Ninguén morre –tenme dito moitas veces o noso escritor máis sobranceiro-, mentres haxa alguén que os recorde (que os reviva), que o escriba, Dende lonxe (Buenos Aires, 1960), Dende Gres (Galicia, 2004); e agora, Cantos de lembranza (2014), o sentir, o latexar, o palpitar de Xosé Neira Vilas na Voz dun dos cantautores máis auténticos da nosa terra (que cando levaba as vacas a pacer facía un nó na punta da corda que lle servía como micrófono), Manoele de Felisa.
E na derradeira// sinto// que o mundo non dá voltas,//que o tempo non é certo,//que todo permanece.//Eternamente.
Así pois, ficarei emocionado no Salón Teatro de Compostela, o vindeiro 28 de maio ás 21 horas, escoitando estes Cantos de lembranza, a palabra de Xosé Neira Vilas na engaiolante voz de Manoele de Felisa. Marabilloso.