publicidade hoxe
Unha tose literaria - Cabecera

Unha tose literaria

O Pasado sábado asistimos cuns amigos a unha cea solidaria que se celebrou no restaurante Río Liñares da Estrada. Pasámolo moi ben e ademais, iso é o importante, colaboramos nunha boa causa, axudar a José Manuel, un neno ao que lle desexamos un futuro venturoso. O caso é que a noite foi coma un río, que diría Cunqueiro. É moi reconfortante ver como xente anónima, sen ningún interese nin afán de protagonismo, está presta a botar unha man xenerosamente, no que faga falta.

Ao día seguinte, espertei cunha lixeira irritación de garganta e desde aquela a tose acompáñame a todas partes. No colexio déronme un remedio caseiro infalible, coller non sei cantos figos pasos, poñelos a ferver, e colar o líquido, pero, son un vago, e non o fixen. Ía preparar un xarope con limóns do limoeiro da casa, mais finalmente decanteime por meterlle unhas pílulas de própole que resultan moi eficaces e tamén son naturais. Por certo, deille unha ao meu amigo Anxo e espetoume, textualmente, “remexeume o estómago”. Non debeu ser para tanto porque pouco despois dábamos conta dunha saborosa paella, aínda que a “cousiña” deu para botar uns risos.

O mércores á tardiña asistín, taciturno, coa miña flamante tose irritativa, invitado polo concello da Estrada, á entrega do Premio de teatro, Manuel Daniel Varela Buxán. Este ano, van alá tres edicións, gañouno Santiago Cortegoso, a min tocoume, deferencia que agradezo profundamente, facerlle entrega da peza teatral A cerna, ao gañador do pasado ano, o sobranceiro escritor da parroquia chantadesa de Merlán, auténtico animador da cultura galega en Cataluña, Xosé Lois García.

E hoxe, a tose fixo acto de presenza na radio local, e na rolda de prensa posterior para presentar no Concello a vindeira edición (van alá oito) da Festa da Poesía. Unha festa que (como manda a tradición no noso país) tamén é gastronómica, na mesma podemos saborear, sentir, gozar e intuír, palabras, versos, cantigas e poemas.  

Hai uns minutos, viña de pasear con Nadal, chamoume desde Compostela, unha xornalista chamada Cristina, quería saber da festa. Foi unha conversa moi agradable, con tose incluida, por suposto. Comenteille que nunha ocasión, Federico García Lorca dixo que a poesía é algo que anda polas rúas. Que se move, que pasa ao noso carón. Todas as cousiñas teñen o seu misterio e a poesía é o misterio que teñen todas as cousiñas.

Arestora, co artigo xa rematado, vou tomar un caramelo de limón que me mercou a miña raíña e non sei se visitar ao meu médico. Xa o estou escoitando, “o que tes é unha tose literaria”. Pois non digo eu que non. Boa semana. 

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 6 de Decembro do 2013 | 10:55 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"