publicidade hoxe
Un paporrubio no Universo - Cabecera

Un paporrubio no Universo

Hai uns minutos, cando me dispuña a escribir estas liñas, na soleira da ventá da miña habitación, pululaba, todo gallardo, un paporrubio precioso, dun verde subido, coa gorxa e o peito rubios coma o ouro. Ficaba pampo, mirando cara á oliveira. Corrín á procura do móbil para lle facer un retrato que inmortalizase o momento. Pero cando fun premer o botón, veume o riso e non tirei a foto. Lembreime daquel magnate millonario que tiña un Van Gogh gardado na caixa de seguridade da cámara acoirazada do seu banco e, por medo a que llo roubasen, conformábase con contemplar unha réplica que tiña no salón da súa mansión.

A realidade, a poesía, o misterio, o sagrado, a vida, non se pode recoller nunha instantánea, a non ser, claro está, que esta sexa feita dende o corazón.

Onte mesmo, nunha tertulia argallada polo meu amigo Gonzalo, na que participaron ademais o actor Xoque e un banqueiro singular chamado Darío, coñecín a Rodrigo, un poeta de Ecuador, afincado na nosa vila.

Con tan só doce anos participou nunha manifestación onde foi detido e torturado, daquela escribiu o seu primeiro poema. Descubriunos o primeiro libro que mercou, un exemplar do Manifesto Comunista de Karl Marx. Falounos dun xornal cun nome absolutamente xenial, El Universo. Noticias de Ecuador y del Mundo. Describiunos, con orgullo e paixón, a Rafael Correa, o Presidente do seu país; parándose pormenorizadamente na constitución impulsada por este, na que a sociedade civil pode participar na vida política, na que se recoñecen as linguas indíxenas, na que a natureza ten dereitos; en fin, unha das máis avanzadas (progresistas) de América.

E por suposto, falounos tamén de escritores do seu país, do poeta Iván Carvajal e do escritor, ao que comparou con Kafka, Pablo Palacios, todo un adiantado ao seu tempo, autor dun libro marabilloso de contos titulado, Un hombre muerto a puntapiés.

De todas as cousiñas que nos relatou a que máis me impactou foi que a primeira vez que se namorou, tiña dezaseis anos, fíxoo bailando cunha canción de Joan Manuel Serrat.

Por certo, se me pedisen un artigo para o devandito xornal ecuatoriano, non o dubidaría nin un intre, escribiría un que levase por título, “Un paporrubio no Universo”. Boa semana. 

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 10 de Xaneiro do 2014 | 5:43 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"