publicidade hoxe
Entroidízate - Cabecera

Entroidízate

Entroidízate. Que os soños convértense en realidade. Ou é ao contrario? Tanto ten. Ti non penses. Quero dicir que non o penses dúas veces. Agarda que desapareza o sol, ou que apareza. Que non hai sol? Que sempre hai nubes? Pero mira que es simpática. Vale, agarda que se faga de noite ou de día, tanto me ten. Colle o disfrace de frade franciscano e colorea de vivas cores unha lúa e unha estrela vermella. Ou aproveita, vestido branco, perruca loira, beizos “rojo” paixón e sae do armario, ao Marilyn Monroe.

Entroidízate. Deixa atrás os malos momentos. A tristura dun verso perdido. A desesperanza de non ter esperanza. O pesimismo dun mundo sen mar, sen sol, sen a musicalidade poética da palabra amada, amante, amiga. A mediocridade de non ter criterio. A infelicidade dunha vida infeliz. A incerteza da inseguridade.

Entroidízate. Equivócate. Falla. Fracasa. Perde. Pero érguete de novo. Abre a fiestra da fantasía e mergúllate nos teus soños. Voa polo ceo. Camiña sobre o mar. Viaxa entre as páxinas dun bo libro. Búrlate de ti mesmo. Que ninguén é quen resulta ser. Como na política. Como no facebook, 17.707 amigos na redeira da rede e resulta que tes un día gris de chuvia e vento e ondas de dez metros no corazón (léase, cicloxénese depresiva) e non te chama nin dios.

Entroidízate. E  pregúntate  –como fixeron os Supertramp nos 70- Crisis? What Crisis? Quérete. Pérdete na esmorga do entroido. Colócate estratexicamente na esquina da barra do bar, e saúda cun aceno no sombreiro, ao James Dean. Pide o mellor bourbon de Texas, vaqueiro, bébeo a pao seco, tira do peto un sobre branco, paga cun de 500, aínda que sexa falso (como la vida misma), e debuxa un sorriso de felicidade. Feliz entroido.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 28 de Febreiro do 2014 | 11:22 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"