publicidade hoxe
A Vós - Cabecera

A Vós

A vós que andades, camiñades, tristeiros porque a estrada da Vida vos tratou mal. A vós que tanto (e tanto) tempo levades camiñando (sen rumbo), camiñando (sen prata), camiñando (lonxe de quen vos busca), como no “camiñando” (máis lonxe de quen vos agarda) de Nicolás Guillén.

A vós que non sabedes a onde ides nin de onde vindes. A vós que arelades que hoxe sexa o mañá que soñastes onte. A vós que bebedes deica perder o control da realidade porque non descubristes que o (realmente) marabilloso é o real.

A vós que morredes por mirar (léase, ollar, sentir, lembrar) a alguén para poder resucitar (léase, revivir). A vós que xa non perseguides soños, nin versos, nin cancións, nin ilusións… porque volos roubaron. A vós que sodes colecionistas de fracasos e soidades.

A vós que traballades arreo para saír do paro. A vós que ficades desesperados, afogados, atrapados nunha hipoteca ou no recibo da luz ou no corredor dun hospital ou na compra que non podedes mercar.

A vós que contemprades horrorizados os milleiros de nenos que morren por día no terceiro mundo, entrementres sobrevoan carroñeiros os bombardeos por entre o pracido ceo azul. A vós que asistides alucinados como a barbarie da cobiza e da insensibilidade (léase, capitalismo puro e duro) depilan unha a unha as árbores da Amazonia. A vós que vos poñedes encarnados cando ledes as estatísticas cos millóns de persoas que teñen sida entrementres a (santa madre) igrexa segue a condenar o uso do preservativo. A vós que asistides en directo por TV a unha guerra con bombas “intelixentes”, onde os inocentes que morren son “efectos colaterais”.

A vós (corazóns abertos) namorados da Vida. A vós que levades a verdade ancorada no peito e a dignidade pendurada no ollar. A vós que sodes un exemplo paradigmático para os “vosos”, un referente único no que nos mirar. A vós que vos rides e cantades diante do espello e non vos tendes xamais que agochar. A vós que vos aplicades no voso pequeno uni(verso) vital  a máxima do grande poeta cubano José Martí, “un home honrado é aquel que non mira como se vive mellor senón de que lado está o deber”.

A vós, vos digo, como vos ten dito Benedetti, Aceptar tus sombras, Enterrar tus miedos, Liberar el lastre, Retomar el vuelo. No te rindas que la vida es eso, Continuar el viaje, Destrabar el tiempo, Correr los escombros, Y destapar el cielo.

A vós, vos digo:  que despreguedes as ás e que voedes. Que loitedes por un mundo máis humano, máis honrado e menos malo. Que non vos rindades (insisto). Que tiredes para diante. Que principiedes novamente dende cero. Que o sol rebulideiro do día e a lúa chea da noite animaravos con todo o seu resplandor e danzará de novo a vida polas vosas veas.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 29 de Marzo do 2014 | 1:36 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"