publicidade hoxe
Manuel Hernández: “Hai unha imaxe errónea do golf, pensando que é un deporte de xente adiñeirada” - Cabecera

Manuel Hernández: “Hai unha imaxe errónea do golf, pensando que é un deporte de xente adiñeirada”

Manuel Hernandez

Colleu o primeiro pau ós seis anos, cando acompañaba ó seu pai ó campo de golf de Monforte. Seguro que máis dun sorriso burlón se lle escapaba a Ángel naqueles tempos vendo ó seu fillo tratar sequera de mover a bola. Ese mesmo sorriso é o que se lle debuxa agora, once anos despois, ó ver a ese mesmo cativo, disputando as probas máis importantes do mundo coa Selección Española de Golf.  

Manuel Hernandez Nome e apelidos: Manuel Hernández González

Un lugar: Doral Golf, en Miami  

Un hobby: fútbol

Unha comida: macarróns con chourizo

Unha virtude: a capacidade de sacrificio       

Un defecto: en ocasións teño demasiado espírito crítico

Un soño: formar parte do equipo europeo da Ryder Cup

En primeiro lugar, como foi o ese Match España – Francia Sub 18 que disputaches hai unhas semanas? En que posición remataches a proba?

É unha proba que se celebra dende hai 35 anos, e na que participaron xogadores da talla de Sergio García ou José María Olazábal, e sempre é no campo de Pau en Francia. É unha proba por equipos en formato Match Play, polo que non hai posición individual nesta proba. En canto ó match, perdemos, pero non estou descontento co xogo a nivel individual.

Satisfeito no aspecto deportivo? Contento cos resultados que estás a opter?

Si, a verdade é que cada vez vas aprendendo máis. Máis que no aspecto da técnica, sobre todo no que se refire a estratexias no campo. E os resultados, a pesar de estar comezando aínda a tempada, son satisfactorios.  

Teñen que selo porque non todos os días vai un convocado coa selección nacional, ese Match tivo que ser unha gran experiencia… Aínda que ti xa foras anteriormente, non?

Esta foi a primeira vez que fun convocado como equipo, as veces anteriores fun coa Federación Española pero non como equipo, senón a nivel individual, así que como membro da Selección foi a primeira vez e q a verdade é que a experiencia foi inesquecible. Estás cos compañeiros, que fomos todos escollidos no grupo de traballo da Federación Española, e é algo incrible a verdade.  

Tamén competiches en moitas ocasións coa selección galega, hai moitas diferenzas? Que tal co equipo?

Levo formando parte da selección galega dende o ano 2009, polo que alí todos nos coñecemos dende hai tempo. Isto tamén fai que a relación ademais de deportiva, sexa tamén de amizade. Compartimos moito máis que o deportivo.

“Estar na selección supón estar no máis alto que se pode estar, non hai outra convocatoria máis importante”

Como foi o momento no que recibiches a noticia? Onde te atopabas? Quen cho dixo? Colleute por sorpresa ou xa sabías que podía ocorrer?

Pois mandoume un correo electrónico Loreto, que é a secretaria do comité amateur masculino da Federación Española. Eu estaba no instituto nese momento. Todos os que formamos parte do grupo de traballo da Federación temos opcións, pero a competencia é moi dura e hai moi bos xogadores, así que tampouco pensas que vaias a ser ti…

Manuel HernandezE que significou para ti ser seleccionado para formar parte do equipo nacional? 

Foi un premio ó esforzo e ó traballo, a verdade é que foi unha gran alegría. Supón estar no máis alto que se pode estar, non hai outra convocatoria máis importante, así que… Que máis se pode pedir?

E para a túa carreira? Trátase dun paso importante na túa traxectoria, non si?

O feito de formar parte da selección nacional é moi importante para o currículo deportivo, ademais corrobora a decisión do Consello Superior de Deportes, que no mes de decembro nomeoume deportista de alto rendemento.  

O teu currículo está cheo de títulos, é imposible nomealos todos,  así que, cal dirías que é o máis importante que acadaches ata o momento?

O máis importante é o de campión de España Benxamín. Aínda que tamén foi moi importante para min o terceiro posto no campionato de España Infantil, xa que despois dun primeiro día moi malo no que ía no posto número 76, nos dous días seguintes remontei ata ese terceiro posto e iso clasificoume para que a Federación Española me levara ó Reid Trophy a Londres.  

“No golf non se concibe enganar ó árbitro como ocorre noutros deportes, de feito, ó contrario, ti es o teu propio árbitro”

E o que recordas con máis cariño ou con máis emoción? Houbo algún especial?

Foi moi especial por ser o primeiro torneo internacional, o Top 10 no Doral Publix Junior de Miami. A verdade é que foi moi emocionante e un gran escenario.

Como empezaches no golf? Non é un deporte típico ó que xoguen os nenos, como foron os teus principios?

Empecei acompañando a meu pai ó campo de “Pich and Putt” de Río Cabe en Monforte. Tiña uns seis anos e empecei intentando darlle á bola. Gustoume e dende esa continúo xogando no mesmo sitio, no Río Cabe de Monforte.

Recordas a túa primeira competición? Como foi?

Creo que tiña uns sete anos. E foi tamén alí, en Río Cabe. O torneo era de Mitsubishi Electric, e era para nenos. A verdade é que non recordo como foi o resultado pero naquel momento iso era o de menos! Eramos un grupiño de xogadores e xogadoras, pero de todos eles agora solo continúo eu… A verdade é que o pasabamos moi ben!

Por que che gusta este deporte? Que ten de especial? 

Manuel HernéndezÉ un deporte que ten algo, e o que o proba xeralmente repite e acaba enganchado… Sempre queres facelo mellor que o día anterior e ese reto é moi atractivo. Ademais creo que transmite valores moi importantes como son a disciplina, o esforzo e sobre todo, a honradez.  No golf non se concibe enganar ó árbitro como ocorre noutros deportes, de feito, ó contrario, ti es o teu propio árbitro.

Cantas horas lle dedicas ó adestramento? Tes que prescindir doutras cousas? É difícil de compaxinar?

Sen ser as fins de semana, unha media de tres horas ó día. E despois as fins de semana máis. Entre os estudos, as clases de inglés e as clases de reforzo, se tes que adestrar quédache pouco tempo para ti. Fagas o que fagas tes que telo todo moi organizado. É difícil compaxinar, pero o máis difícil son as competicións fora de Galicia, porque aí tes que perder clases, e moitas veces tes que cambiar exames de data,… E no meu caso, teño moita sorte porque no meu instituto (Daviña Rey de Monforte), pórtanse moi ben neste sentido e danme bastantes facilidades.

En que situación se atopa o golf en Galicia? Hai moita afección? E xogadores?

“Esa idea de xente adiñeirada, fai que as institucións non se fagan cargo do golf do mesmo xeito que se fan doutros deportes”

A pesares de que se poida pensar que en Galicia chove moito e que as condicións non son as máis idóneas, a verdade é que a afección é bastante grande e existen moitos clubs con historia e calidade importantes. Por exemplo, a Zapateira da Coruña ou o Aeroclub de Santiago e Vigo. Hai un número imporante de xogadores.

Cres que está suficientemente apoiado polas institucións? Hai instalacións apropiadas?

Sempre se tivo unha imaxe errónea do golf, pensando que é un deporte de xente adiñeirada, algo que é totalmente falso. Hoxe en día pódese xogar ó golf perfectamente sen ter que gastar moitos cartos. O caso é que esa concepción, esa idea xeneralizada, fai que as institucións non se fagan cargo do golf do mesmo xeito que se fan doutros deportes. En canto ás instalacións, creo que estamos moi ben, concretamente onde eu xogo, en Monforte, temos dúas instalacións moi boas en menos de 14 quilómetros. O campo de Augas Santas en Ferreira, con 18 buratos e o de Pitch and Putt de Río Cabe. Isto é un luxo para calquera que practique este deporte.

Manuel HernandezComo é o nivel? Hai bos golfistas na nosa comunidade? 

Penso que os xogadores de máis nivel se encontran precisamente entre os máis mozos. De feito as seleccións ás que pertencín o ano pasado (junior e cadete) están xogando na primeira división, competindo coas grandes federacións do resto de España. Dígoche máis, este ano a selección infantil quedou segunda clasificada no seu interterritorial.

E a nivel nacional? Que nivel hai en España? Estamos á altura dos mellores?

Nos niveis internacionais os xogadores españois sempre quedan ben clasificados. Na proba máis recente á que podemos facer referencia, no mes de febreiro, no Campionato Internacional de Portugal, dentro do Top 10 atopábanse tres xogadores españois.

Está suficientemente valorado o golf?

Creo que a xente dubida se é un deporte ou un xogo simplemente. Pero si estás competindo a certo nivel, teste que preparar física, técnica e mentalmente como ocorre con calquera outro deporte. Se o practicas cos teus colegas, como pasatempo, efectivamente é un xogo, pero unha cousa non quita a outra.

Quen é o teu referente deportivo? En que espello te miras para mellorar?

Para min o referente é Rafa Nadal, por todo o que representa. É unha imaxe que todos os deportistas deberías seguir. Outra persoa que me chamou moito a atención dende sempre é José María Olazábal. Coincidín recentemente con el, por segunda vez, e tiven a oportunidade de xogar con el. Foi na final do torneo Lacoste Promesas no Sella. É unha persoa que o gañou todo no golf (Masters de Augusta, Ryder Cup de xogador e de adestrador, Salón da Fama,…), e cando estás con el tes a sensación de que estás cun xogador máis do teu club, ten unha humildade digna de gabar.

“Para min o referente é Rafa Nadal, por todo o que representa, é unha imaxe que todos os deportistas deberías seguir”

E agora, cal é a seguinte parada? Cal é o próximo campionato? Onde tes posta a mirada?

Afortunadamente durante o mes de marzo non tiven ningunha competición, polo que estou tendo algo de tempo para preparar a segunda avaliación. A primeira semana de abril, que está xa aí á volta da esquina, é o Campionato de Madrid e en Semana Santa o campionato de España Sub 18 en Valencia.

E no futuro? Como che gustaría que fora a túa carreira? Ata onde che gustaría chegar?

Nun principio quero centrarme nos estudos porque é moi difícil vivir do golf. Agora mesmo tamén estou preparando exames para a Universidade Americana, de feito no mes de xaneiro fixen xa a primeira proba co fin de poder estudar como bolseiro en Estados Unidos. Deste xeito podería compaxinar os estudos co golf.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 31 de Marzo do 2014 | 2:10 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada