Rubén Fernández: “Tratarei de volver a facerme co título de Campión de España”
Ten quince anos pero como todos os grandes, xa sabe o que é estar no máis alto do podio. Rubén Fernández converteuse en Campión de España de MotoCross en 85 cc con tan só 13 anos, e tanto lle gustou a experiencia que no 2013, xa na categoría de 125 cc., repetiu e volveu a facerse co primeiro posto. E iso que competía unha categoría por enriba da que lle correspondería por idade. Unha traxectoria digna de seguir ben de preto a deste vigués, que leva a paixón polas motos no sangue. Se non que llo pregunten ó seu pai. |
Como vai a tempada Rubén? Como están indo as cousas este ano?
Neste momento estou disputando o Campionato de España de 125 c.c., ata o de agora corrín tres probas das sete que conforman o campionato en total e vou en primeira posición.
Levas tres campionatos de España seguidos. No 2011 e 2012 en 85 cc. e no 2013 xa en 125 cc. Como se sente un cando se fai co número un en 3 ocasións?
Pois moi satisfeito polo traballo que fixemos ata o de agora a verdade.
Ademais, estes resultados destacan aínda máis se temos en conta que tes 15 anos. Fixécheste co primeiro campionato de España con 13, non eras demasiado novo?
Os campionatos chegaron un pouco antes de tempo. Sobre todo debeuse á miña altura que foi o motivo que me levou a cambiar de categoría antes de tempo. A moto quedábame pequena e tiven que cambiar, de aí que se adiantara todo un pouco.
De feito tiveches que pedir permiso á Federación para cambiar de categoría, non? Como foi iso?
Si, tiven que pedir permiso á Federación porque segundo o regulamento actual, ata os 15 non se pode correr cos maiores. Tiven que pedir permiso e por sorte déronmo, así que o ano pasado xa puiden correr en 125, que é onde estou este ano tamén.
E como foi ese cambio para ti Rubén? Foi difícil afacerse a unha moto máis grande?
O primeiro mes foi un pouco complicado, aínda que co tempo adapteime moi ben á moto. A pesares de ser o primeiro ano, despois das primeiras probas de adaptación, conseguín gañar o campionato de 125 cc. Sub 18.
Con que moto disputaches o campionato? É a mesma coa que corres agora?
O campionato de 85 cc. corrino cunha Suzuki, e o de 125 cc. cunha KTM, que é a mesma marca que levo agora.
Fixécheslle cambios? Que modificacións ten?
As suspensións están feitas por Pepe Carballido de Teps Suspensión en Vigo, e o motor está preparado en Barcelona por David Tomás de Dtworks. Con estas preparacións conseguimos adaptar a moto a min, á miña condución.
Fisicamente supoño que tamén sería un cambio importante, notaches moito a diferenza?
Ao principio si porque tirábame moito dos brazos. A a potencia que tiña a moto loxicamente era moito maior á que eu estaba acostumado e, ademais, as mangas pasan de ser de 15 minutos a ser de 20. Parece que non pero iso nótase moito e hai que estar moi ben preparado fisicamente.
“Tiven que pedir permiso á Federación porque, segundo o regulamento actual, ata os 15 non se pode correr cos maiores” |
E como se desenvolveu o campionato do ano pasado? Ías disposto a facerte con el xa no teu debut ou foi unha sorpresa?
Foi un pouco sorpresa, sobre todo ata a metade da tempada. Segundo foi avanzando o campionato xa vimos que había posibilidades, por como foron as primeiras carreiras. Ó principio non íamos pensando no resultado, pero segundo foi avanzando a tempada vimos que había opcións.
E iso que tiveches unha caída que che dificultou un pouco as cousas, non si? Como foi ese incidente e que supuxo para a ti?
Durante o campionato tiven dous incidentes. Na primeira carreira que foi en Almenar (Lleida), na primeira manga, fixen segundo; e cando estaba a disputar a segunda manga, un piloto caeu diante miña e coa súa roda traseira partiume un dedo da man esquerda, polo que tiven que abandonar. Estiven un mes ca escaiola e quitáronma tres días antes da segunda carreira, polo que tiven que ir sen adestrar. Aínda así fixen primeiro. O outro incidente foi no circuíto de Taboexa (As Neves). Despois de facer unha mala saída e de ir remontando toda a manga ata chegar á segunda posición, no último salto para entrar en meta, o piloto que viña tras de min saltoume enriba e caemos os dous. Aínda así erguinme e entrei en segundo lugar. A segunda manga non a puiden disputar por prescrición médica.
E a pesares de todo isto, e da inexperiencia, puideches facerte co campionato. Como viches ós teus contrincantes? Porque o nivel sería alto…
Tiñan bastante máis experiencia ca min, xa que eu era o máis novo da categoría. O nivel era moi alto; de feito eses pilotos están nos primeiros postos da seguinte categoría de 250 cc.
A nivel adestramentos, como o levas? Moito ximnasio? Moitas horas enriba da moto?
O ximnasio non o piso. Adestrar ca moto so as fins de semana, e este ano adestramos moi pouco antes de empezar o campionato, debido o mal tempo e á chuvia que tivemos en Galicia. É bastante difícil levar os estudos e os adestramentos, de feito por iso só adestro as fins de semana. Cando as carreiras mo permiten tamén xogo ao fútbol no equipo de Matamá. E no verán e en vacacións vou co meu pai e meus irmáns a facer footing e bicicleta.
Un non parar! E se miramos cara atrás Rubén, cara os comezos, como foron? Como empezaches nisto?
Meu pai xa corría, e nos de pequenos íamos ás carreiras a velo correr a el. Ao principio comprounos unha moto de 65 cc para os tres, para que o acompañaramos cando el ía adestrar. Eu tiña daquela cinco anos, meu irmán Sergio seis e Fran oito. Despois viría unha segunda e unha terceira moto. Así houbo un tempo en que corríamos os catro: meu pai en veteranos e nos os tres en 65 cc. Nin que dicir ten que el, Paco Rial, tería algo que ver… Está claro que el é o principal culpable.
Cal é esa frase, ese consello que máis gravado tes de teu pai?
Que hai que ser humilde e que o importante das carreiras é disfrutar dos amigos e si se gaña mellor.
“Todo o que sei aprendino do meu pai, sempre me ensinou a ser humilde e disfrutar” |
As técnicas cambiaron dende o seu momento pero, continúas aprendendo del? Ou a estas alturas xa dirías que es un experto?
Todo o que sei aprendino del. Como el di, antes facíase todo a base de forza, agora trabállase máis a técnica. Agora o que se busca é co mínimo esforzo sacarlle o máximo partido a moto. Nese senso si que cambiaron as cousas, pero bueno, eu todo o que sei seino grazas a el.
O que tamén debe ser difícil neste momento é o tema económico. Tedes apoio suficiente?
Desde os nosos comezos contamos ca axuda de Rodamoto e de Construcciones Vernet, que continúan na actualidade. As axudas que temos son a maioría de material: a roupa de Shot, o casco de Shiro, as botas de Shidi, os aceites de Bardahl, as cubertas de Pirelli, as pastillas de freo de Galfer, recambios de Dagan off Road, e a marca de motos KTM a través do concesionario Anca de Vigo, os adhesivos da moto de Valver en Vigo, as gafas de Scott. Tamén nos axuda a empresa Granitos del Louro en Porriño. A maiores o noso fisioterapeuta Suso Santomé e os nosos amigos do Foro de Enduro Galicia que cos seus donativos nos axudan a non tirar a toalla. O problema é o diñeiro para os desprazamentos, de aí que aínda que queremos saír ao Campionato de Europa, cada vez e máis complicado.
Xa tiveches algunha experiencia a nivel internacional?
Con 9 anos corrín o Masterkid (carreira internacional en Bélxica) en dúas categorías, e fixen dous terceiros, detrás dun piloto americano e outro francés. Con 10 anos, cando corría en 65 cc, fixemos dúas probas do Campionato Europeo e conseguimos un décimo posto (estaba ca escarlatina) e un cuarto en Alemaña. Tamén fixemos unha internacional (Masterkid en Bélxica) cun quinto posto. A miña maior ilusión é poder saír de España e facer un Campionato de Europa completo, como fan moitos dos meus rivais, pero a cousa está moi difícil porque a economía agora mesmo non mo permite e as axudas non chegan para iso.
Polo de agora, de cara a esta tempada, estás centrado no nacional, non? É ese o obxectivo?
Si, polo de agora vou primeiro no campionato e teño posibilidades de repetir título, así que tratarei de pelexar por el. Está complicado, xa que os meus rivais son bastante fortes, pero faremos o que poidamos.
E a longo prazo entón, miramos cara fora?
“A miña maior ilusión é poder saír de España e facer un Campionato de Europa completo” |
O meu obxectivo é poder facelo, poder correr o Campionato de Europa. O problema é que, si de aquí ó ano que ven non o consigo, como diría a miña avoa, quedarei para vestir santos porque os demais seguirán evolucionando e eu quedarei estancado.
Esperemos que non sexa así Rubén! Moitas grazas e moita sorte!