Aroa Freije: “A natación gústame moito, a esgrima tamén, pero coa que máis disfruto é co tiro”
Gran nadadora, moi boa en carreira, espectacular no tiro e traballando duro para mellorar na esgrima. Si, falamos dunha rapaza, non vaian a pensar. Falamos de Aroa Freije, que acaba de colocarse no número 28 do ranking mundial acadando así a clasificación para os Xogos Olímpicos da Xuventude. Cun pé posto xa en China, consegue manter unha media de nove no instituto (4º da ESO) e o que chama aínda máis a atención, consegue facer todo isto sen perder un enorme sorriso que leva por bandeira alá donde vai. |
Nome: Aroa Freije Torneiro (Lugo, 1998) Un lugar: Sidney Un hobby: o deporte Unha comida: lasaña Unha virtude: son moi forte de cabeza e adoito lograr o que me propoño Un defecto: o desorden Un soño: ser medallista olímpica |
Para comezar cóntanos que tal en Budapest, Aroa? Acabas de volver hai uns días desta cita que era mi importante, o Campionato Mundial Júnior, como che foi?
Ía un pouco nerviosa, porque era o meu primeiro campionato do mundo e así como chegamos, dixéronnos que era o máis forte de toda a historia! Sentíame un pouco inferior e falta de experiencia porque era das máis pequenas e á miña esgrima aínda lle falta moito para chegar ao nivel dun mundial posto que aínda son cadete… Despois dunha moi boa semifinal, aínda que pouco contenta co tiro, cumprín o meu obxectivo de meterme entre as 36 mellores e así poder disputar a final ao día seguinte. Na final un mal trago na esgrima marcou todo o resto da proba. Aínda saíndo última á combinada e lonxe do grupo, puiden remontar suficientes postos para lograr a expectativa da tempada: a clasificación para os Xogos da Xuventude.
Un obxectivo que xa tiñas moi claro, hai que estar en China na Olimpíada Júnior, non?
Era o obxectivo dende Setembro de 2013 e agora ségueo sendo pero cun pouco máis de ganas e motivación!
Que significaría para ti estar nesas Olimpíadas Aroa?
É realmente un soño que teño dende hai uns anos ao ver o que ía mellorando pouco a pouco. Ademais calquera deportista teno como a cume do que fai, por iso estou moi orgullosa do traballo que levo feito, e teño aínda máis ganas de seguir loitando.
A esta proba en Bucarest chegabas nun moi bo momento, logo de gañar a Copa de Europa en Portugal, o bronce en Cataluña e a sexta praza en Birmingham, contenta coa tempada?
É verdade que o que levo de tempada é para destacar, e de feito nin eu mesma contaba con estes resultados, pero ao final o feito de loitar e deixalo todo en cada adestramento fixo que fora así.
O que está claro é que ti xa sabes ben o que é gañar. Es campiona de España dende os 9 anos e terceira de Europa. Supón unha responsabilidade engadida o feito de conseguir o éxito tan nova?
Si, con respecto ao resto de xente da miña idade véxome un pouco máis madura, sei o traballo que teño (que é estudar e adestrar) e ademais vexo as cousas con outra perspectiva. O feito de non ter case tempo libre axúdame a centrarme máis no que teño que facer e así rematar antes para poder facer algo de vida social (falar ou quedar cos meus amigos, xogar co meu irmán pequeno…). Ademais os meus obxectivos son moito maiores con respecto aos que teñen ós da miña idade.
E falando do Pentatlón en si Aroa, cóntanos, en que consiste? Son cinco deportes en un, pero creo que se van incorporando disciplinas segundo se vai subindo de categoría, non?
Isto teño que explicalo a cotío xa que moita xente o descoñece (Risas). O pentatlón consiste en cinco modalidades que son: natación, esgrima, equitación e a proba combinada de carreira e tiro. A nivel nacional nas categorías menores (ata cadete, non incluída) so compiten con tres modalidades, que son a natación e a combinada. En cadete incorpórase a esgrima e en júnior a equitación. A nivel internacional hai unha pequena variación porque os cadetes aínda non incorporan a esgrima, continúan con tres modalidades.
No teu caso, acabas de incorporar a esgrima e como comentabas aínda non te sentes con moita confianza nesta modalidade, non?
A esgrima e un dos deportes mais divertidos do pentatlón, pero ata agora non se me da moi ben xa que a idade e a experiencia son factores moi importantes, por iso intento sempre poñer a máxima atención e ir aprendendo.
Mesmo fuches a Barcelona para perfeccionala. Como foi a experiencia?
Si, fun dúas semanas este ano ao CAR para adestrala, xa que alí adestra Bondi que é un dos chaquetas vermellas de todo o mundo. Agora en xuño vou a ir outra semana de concentración a Tata (Hungría), un centro especificamente de esgrima, e é un dos máis cotizados do mundo.
E veste adestrando fora nun futuro ou prefires adestrar aquí?
Eu creo que coma na casa en ningún lado, agora é certo que se sigo a este nivel terei que marchar, xa que a equitación aquí non se podería practicar a altos niveis.
Cal é a disciplina que máis che gusta? Con cal disfrutas máis?
A natación gústame moito, a esgrima tamén aínda que adoito pasalo algo mal porque non son moi boa… Pero coa que máis disfruto sen dúbida e co tiro, xa que é a disciplina na que máis forte estou.
Cal dirías que é a clave do éxito no Pentatlón?
Para ser un bo pentatleta non tes que destacar moito nunha modalidade, senón estar a un alto nivel en todas. Pero é certo que na que non se pode fallar é na esgrima, debido a que é a que máis puntúa.
E como acabaches ti practicando este deporte?
Eu empecei co triatlón, e como as federacións están xuntas, decidín probar, gustoume e aquí estou!
Cantas horas adestras ó día?
En total unhas 5 horas ao dia, algúns máis e outros menos.
Como se compaxina isto cos estudos? En que curso estás agora e como o levas?
Agora estou en 4° da ESO e de momento leveino moi ben, cunha media de nove na segunda avaliación. Como dicía antes, a falta de tempo libre fai que teña que centrarme máis e aproveitar cada minuto do día.
Iso si, supoño que moito tempo libre non quedará, entre adestramentos e viaxes…
Pois non, a verdade, máis ben falta tempo moitas veces!
Di a túa adestradora que tes unha gran capacidade de sacrificio. Que che parece? Estás de acordo?
Si, estou de acordo. Aínda que ás veces chegue moi cansa duns adestramentos a outros, procuro esforzarme sempre e dar todo o que podo.
E que che di a xente? Xa mencionabas antes que adoitas ter que explicar en que consiste o Pentatlón, non?
A xente está asombrada de como son capaz de facer todo á vez e destacar tanto nos estudos como no deporte, adoitan animarme a apoiarme para todo. E si, antes case ninguén sabía o que era o pentatlón pero eu creo que agora xa e algo mais coñecido.
Como te ves a longo prazo Aroa? Como te planteas o futuro?
Non me gusta facer plans para o futuro, so aprender do pasado e vivir o presente. O futuro xa chegara, non hai que anticipalo. Polo de agora iso, prepararei o Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing 2014.
Moitas grazas Aroa e moita sorte!