publicidade hoxe
Adrián: “Custa moito cambiar a mentalidade e facer ver que é un deporte e que está recoñecido” - Cabecera

Adrián: “Custa moito cambiar a mentalidade e facer ver que é un deporte e que está recoñecido”

Adrián e Patricia

Nove veces campións de España, aí é nada. A última este mesmo ano. Adrián e Patricia levan nove anos bailando xuntos e parece que tal e como lles van as cousas, serán moitos máis. Adestran, dan clases, viaxan a Italia unha vez ó mes para formarse na mellor escola de baile do mundo,… En definitiva, viven por e para o baile deportivo. E non pensen que se queixan, como moito fano da falta de recoñecemento cara este deporte, que moitos aínda dubidan de que o sexa. 

Adrian e Patricia

Nome: Adrián Esperón Vidal (Pontevedra, 1989) e Patricia Martínez Pereira (Mos, 1990)

Un lugar: Adri, Pontevedra. Patri, a praia.

Un hobby: Adri,  andar en moto. Patri, nadar.

Unha comida: Adri, pizza. Patri, tortilla.

Unha virtude: Adri, non ter vergonza. Patri, ter carácter.

Un defecto: Adri, ser maniático. Patri, a cabezonería.

Un soño: Adri, ser campión do mundo. Patri, que se cumpran os soños.

Nove veces campións de España. Nove!!! Ademais dunha morea de subcampionatos e títulos a nivel nacional e internacional. Como se sente un con estas cifras ás costas?

Adri. A verdade é que é unha gran satisfacción. O traballo realizado ata o día de hoxe foi dando os seus froitos pouco a pouco e iso énchenos de ilusión e de ganas de continuar.

Patri. Ademais sempre te anima para intentar superar esas marcas.

O último campionato nacional que acadastes é o deste ano, o do 2014. Ademais do orgullo, tamén ten que supoñer unha gran responsabilidade…

Adri. Pois a verdade é que si, a medida que pasan os anos e vas gañando máis títulos, tes a máis responsabilidade porque tamén representas ó teu país nos campionatos internacionais e queres estar á altura en todo momento.

Patri. Claro, e aínda máis cando es o campión do ano pasado, a responsabilidade está aí.

Está pouco valorado o baile deportivo? Aínda se ve como un hobby sen importancia? 

Adri e Patri. Pouco a pouco imos saíndo desa visión. Custa moito cambiar a mentalidade da xente e facerlles ver que é un deporte e que está recoñecido  a través dunha Federación Española e outra Internacional. E que tamén está recoñecido polo Consello Superior de Deportes e agora o Comité Olímpico Español. Ou sexa, que é un deporte en si mesmo con varias entidades de moito peso detrás, pero isto aínda non se coñece o suficiente.

A estas alturas, e coa vosa traxectoria, aínda tedes que defender o baile nese senso? Cústalle á xente velo como unha modalidade deportiva?

Adri e Patri. Si. Custa que se fagan a idea de que é un deporte en toda regra. Aínda non se ve como tal pero así é. Ten as súas normas como calquera outro, e a súa Federación. Aí estamos, loitando para que esta visión cambie.

Vos sodes campións dos 10 bailes, non? Como vai isto?

modalidade que inclúe estándar e latino, non si? Ou sexa, todos os bailes. Pero cales son as vosas especialidades? Cal é o voso punto forte? 

Adri e Patri. Así é, somos campións dos dez bailes e tamén da modalidade Standard, que é a que poderíamos dicir que é o noso forte. Os dez bailes é o nome que se lle da á modalidade que inclúe todos os bailes, de Standard e Latino.

Adrián e PatriciaSe non me equivoco levades preto de 10 anos bailando xuntos, pero os dous bailabades xa antes con outras parellas. Por que empezastes? Sobre todo Adrián, porque naquel momento o propio da súa idade sería darlle patadas ó balón…

 Adri. Pois agora levamos nove anos bailando xuntos xa… Eu empecei ós nove anos, nunhas clases de iniciación no Casino Mercantil en Pontevedra. E a partir de aí as cousas foron xurdindo pouco a pouco. Os que empezaron foron meus pais realmente, e eu acopleime e fun con eles. Dende entonces xa non o deixei nunca…

Como vos fixestes parella de baile? Como se decide iso? Simplemente polas vosas condicións que tedes como bailaríns, ou ten que haber algo máis…

Adri. Bueno, eu pedinlle a Patri facer unha proba naquel entonces, nove anos atrás, e ela xusto se deixara coa súa parella anterior. Eu pedinlle bailar e aceptou. As condicións que hai que ter son, fundamentalmente, ter moitas ganas e ilusión, despois están os aspectos máis técnicos como poden ser a altura, o peso,… E por suposto a química. Hai que valorar moitas cousas.

Pero que é o máis importante para que a parella funcione, cal é a base? 

Adri. Para arrancar, o primeiro que ten que ter unha parella é un obxectivo común. Ter o mesmo obxectivo e as ganas de traballar e de loitar xuntos por cumprir ese obxectivo. 

Patri. E como se di sempre, esa química e ese feeling que non se sabe moi ben a que se debe pero que hai que ter.

Adrián e Patricia

O baile obriga a traballar moitas horas xuntos e tamén moitas por separado. Como é o voso adestramento?

Adri y Patri. Adestramos tres horas diarias xuntos e despois una ou dúas horas máis por separado. O adestramento é tanto técnico como físico.

Si porque ademais, tamén facedes outras actividades para estar en forma para o baile…

Adri y Patri. Si, nadar, correr, bicicleta e pilates son outros elementos fundamentais para estar en forma e poder levar os adestramentos e as competicións en condicións.  

E tamén estades recibindo clases en Italia. Como é iso? Onde? Cando? Con quen? Por que? Todo! (Risas)

Adri y Patri. En Italia atópase a mellor escola do mundo de baile deportivo. Alí están os mellores bailaríns e os mellores profesores neste momento. Imos alá unha vez ó mes polo menos, e adestramos e asistimos a clases con Paolo Bosco e Silvia Pitton, que é sete veces campioa do mundo. Alí é outra cousa… É outro mundo!

Adrián e PatriciaQueda tempo para facer algo máis? Estudos, traballo ou dedicación exclusiva ó baile?

Tempo para outras actividades a verdade é que queda pouco, sempre andamos dun lado para outro con moitos viaxes, e entre adestramentos e dar clases… Case quedamos sen tempo para nada máis. Grazas a Deus só nos dedicamos ó Baile Deportivo.

Porque, pódese vivir del?

Adri y Patri. Pódese vivir e moi ben a verdade, como de calquera outro traballo. Tes que currar moito e traballar duro pero pódese vivir comodamente.

Agora co verán estades un pouco máis relaxados en canto a competicións e demais, pero en agosto é o German Open así que moito non se pode baixar a garda… porque é unha proba importante, non?

Adri y Patri. Bueno, ó final, relaxados o que se di relaxados nunca estamos… Agora mesmo estamos en Italia, precisamente, onde nos estamos preparando para estas próximas competicións, así que isto é un sen vivir! (Risas)

E despois en novembro os Mundiais. Que significa para vos representar a España no Mundial?

Adri. Representar ó teu país nun evento destas características é un orgullo e unha satisfacción inmensa. É un dos momentos máis bonitos da tempada a verdade…  

Patri. Un séntese moi orgulloso, é unha satisfacción moi grande, pero volvemos ó tema da responsabilidade tamén…

Isto é o máximo ó que se pode aspirar, non? Ou sexa, é estar no máis alto…

Adri. Pues si, como competición é estar no máis alto, e agora hai que seguir loitando para chegar ó máis lonxe posible.

Adrián e PatriciaO que non é, é deporte olímpico. Por que non o é? Algunhas protestas neste senso xa houbo, credes que poderá chegar a selo algún día?

Adri. Chegará a selo, estou completamente convencido. Xa dimos un paso moi importante en España que foi colocarnos dentro do Comité Olímpico Español, e iso xa é moito gañado. Internacionalmente o baile deportivo xa participa nos World Games, onde se atopan todos aqueles deportes que están fora das Olimpíadas pero que apuntan a estar dentro algún día. Eu estou seguro de que chegaremos.

Bueno rapaces, e para rematar, falemos de obxectivos. Que obxectivos vos marcades para ese Mundial do que falabamos que está aí á volta da esquina?

Adri y Patri. Nos Mundiais o obxectivo é o mesmo todos os anos, porque o que queremos e seguir subindo e acadar sempre un posto mellor que o anterior, así que se conseguimos isto, misión cumprida.

E cun pouquiño máis de marxe? Como vos vedes, ou como vos gustaría vervos, a medio – longo prazo?

Adri y Patri. Esta está clara, as Olimpíadas.

Moita sorte e moitas grazas por falar con nós! 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Xullo do 2014 | 11:00 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada