publicidade hoxe
Juanma Marrube: “O equipo atópase ben e preparado para a recta final” - Cabecera

Juanma Marrube: “O equipo atópase ben e preparado para a recta final”

Juanma

Optimista e satisfeito, así se amosa Juanma nesta recta final da Liga. O obxectivo está claro, meterse dentro dos oito primeiros postos da clasificación para poder xogar o Play Off. Polo de agora, mantéñense oitavos, polo que a clave está en manter os bos resultados que viñan acadando antes deste pequeno parón, e non deixar de mirar para a final da Copa Xunta, pois logo de eliminar ó Azkar, sería unha mágoa deixala escapar. 

Juanma Nome e apelidos: Juan Manuel Marrube Rodríguez

Un lugar: A Mariña

Un hobby: A familia

Unha comida: Son de boa boca. Un bo peixe, unha boa carne. Gústame a boa cociña

Unha virtude: O  traballo

Un defecto: A impaciencia

Un soño: Deportivamente, seguir gozando do fútbol sala e do deporte en xeral

En primeiro lugar Juanma, como vai a tempada? Como se atopa o equipo?

E o noso segundo ano en Primeira División e a valoración é positiva, temos que ter en conta onde nos atopabamos a tempada pasada. Está claro que nos gustaría estar mellor clasificados.O equipo atópase ben e preparado para esta recta final de campionato.

E a nivel persoal? Como te atopas? Como valoras a tempada que estás a facer?

A gusto e satisfeito co traballo e o meu rol no equipo. Un sempre é esixente consigo mesmo; tal vez a miña achega ao gol do equipo podería ser algo mellor.

Nestes momentos estades oitavos na clasificación, que tal vos vedes? Cales son os vosos obxectivos?

O noso obxectivo é estar entre os 8 primeiros a final de tempada, para disputar o play off polo título. Esta fin de semana pasada descansamos e teremos que analizar como nos deixan os resultados rivais; quédannos cinco encontros, e aí veremos se somos capaces de acadar o obxectivo.

Como vos definirías en relación co resto dos equipos da liga? Cal dirías que é o voso punto débil en comparación ós demais? E o forte?

Somos un equipo en formación, ao cal se lle puxeron unhas expectativas moi altas. Creo que a nosa maior dificultade é que somos moi irregulares. Pero tamén é certo que ó mesmo tempo podemos plantarnos en calquera pista e gañar.

Porque o que está claro é que en Galicia hai nivel no fútbol sala, non?

Sen dúbida somos a comunidade con maior representación, iso é bo para o noso deporte, aínda que penso que debería de ter maior repercusión tanto para a súa difusión coma para o seu fomento na base.

“O noso obxectivo é estar entre os 8 primeiros a final de tempada, para disputar o play off polo título”

E en canto a lesións e esas cousas, como ides? E de ánimos e motivación? Xa vai quedando pouco tempo…

Están Christian e Hugo na recta final das súas recuperacións. Agardamos que se incorporen xa, xa teñen moitas ganas de que chegue a próxima semana para volver competir.

Tamén dará ánimos a Copa Xunta, non? Eliminar ó Azkar sempre motiva… (Risas) Como se presenta a final?

JuanmaEstá claro que gañar un derbi sempre é especial e máis se serve para meterte nunha final. Preséntase moi atractiva, porque unha final sempre o é! Agardamos poder gañala.

Fálanos un pouco dos teus comezos e da túa traxectoria. Como empezaches a xogar ó fútbol sala?

Comecei a xogar no colexio con seis anos coma calquera rapaz. Logo xoguei ao fútbol ata os dezaseis anos e volvín ao fútbol sala nos xuvenís do Cefire Burela para logo formar parte do primeiro equipo. Posteriormente xoguei en Avilés, Melilla, Cartaxena, Ourense, Burela, Lugo e volta para Burela.

Como foi a túa traxectoria e que etapa ou que equipo dirías que foi a máis importante para a túa formación?

“Gañar un derbi sempre é especial, máis se serve para meterte nunha final, coma a da Copa Xunta”

A traxectoria para min foi moi bonita e, sobre todo, positiva. O aspecto que máis me axudou foi o feito de saír xogar fóra, porque me axudou a formarme moito máis como persoa e xogador que se estivese na casa.

Cal é o teu mellor recordo dentro da pista? E o peor?

O primeiro Play OFF de ascenso co Burela e a Recopa de Europa en Lugo, sen dúbida son os dous momentos que teño máis gravados. E no outro lado, a lesión de hernia discal da tempada pasada, foi o máis duro.

Bueno, e con respecto á actualidade, o último partido contra o Montesinos Jumilla non foi moi ben… Algunha valoración? 

JuanmaSempre que se perde a valoración é negativa. Neste caso era un partido importante para asegurar a oitava posición e a renda de puntos que posuíamos. Perdemos esa renda pero aínda así somos oitavos.

E despois parón, que no voso caso se alonga unha semana máis porque vos toca descansar, demasiados paróns? Non poden ser contraproducentes ás veces?

Penso que si, pero hai que aceptalo. No noso caso cortounos a progresión que estabamos a ter no xogo, sobre todo o mes de Europeo.

O próximo partido será contra Gran Canaria, como o ves? Como se presenta a cousa?

Será un partido moi difícil, dende logo. É un rival que aínda ten opcións de salvar a categoría e vai pelexar por elo. Xogando como locais son un equipo, ó que está custando gañarlles, non hai máis que ver as últimas xornadas.

Moita sorte Juanma e moitas grazas.

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 24 de Marzo do 2014 | 1:10 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada