Charly: “É un deporte de contacto pero non só se limita a dar golpes”
Dicir kick boxing é para moitos dicir boxeo , aínda que é certo que teñen as súas similitudes, teñen tamén as súas diferenzas. Para coñecer un pouco máis a fondo este deporte temos a Charly, que ven de converterse hai uns días no subcampión de España desta modalidade e que acaba de encargarse da celebración do campionato galego. O ano pasado estivo a piques de facerse co título mundial, un soño que mantén moi vivo e que non pensa esquecer. Coa disciplina, a constancia e a forza que ensina o kick boxing a quen o practica, parte do camiño xa o ten andado, agora tócanos a nós seguirlle a pista ben de preto… |
Nome: Carlos López Pereira (Tomiño, 1988) Un lugar: por descubrir? Tailandia, espero poder ir en non moito tempo. Un hobby: entre outros, e aínda que non me podo permitir practicalo demasiado, o motocross. É algo que me fascina dende moi pequeno. Unha comida: unha boa picaña, con moitas patacas fritas e unha Cola Zero. Unha virtude: capacidade de sacrificio e constancia no que me propoño Un defecto: despistado? Non o seguinte! (E non é polos golpes ehhh) Un soño: chegar ao máis alto deportivamente, ser campión mundial e que todo o meu traballo sexa recoñecido. |
Para comezar Charly, poñámonos en situación. Para os menos expertos na materia, que é o kick boxing?
Pois o kick boxing é un deporte de contacto no que se poden usar os golpes tanto de puño (boxeo) como de pernas (taekwondo, por exemplo). Pódense combinar os dous pero sempre baixo unhas regras e respectando zonas do corpo que non se poden golpear, como as costas, a caluga, os xenitais…
Que relación ten co boxeo?
Pois os kick boxers e os boxeadores somos curmáns por así dicilo (risas). A execución é a mesma, loitamos de pé e sempre fronte a fronte co rival. A primeira vista, a única diferenza que poderiamos apreciar é que no boxeo soamente están permitidos os golpes de puño e no kick boxing tamén podemos usar as pernas. Despois hai algunha diferenza máis, como pode ser a posición de combate, a maneira de desprazarse e colocarse, a forma de defender os golpes… Estas xa son cousiñas menos apreciables para unha persoa que descoñece estes deportes.
É un deporte que chegou a nós hai relativamente pouco, non? Onde está a súa orixe?
Pois a súa orixe está en Xapón e aínda que non o pareza xa leva un largo tempo entre nós, o que pasa é que os deportes minoritarios van saído a flote pouquiño a pouco. En Galicia xa tivemos un campión do mundo de kick boxing no ano 1999, que foi Manuel Planas, pero bueno, aínda queda moito por facer. A base de traballo chegaremos!
En que situación se atopa o kick boxing en Galicia? Hai moita xente que o practica?
Pois no Campionato Galego da fin de semana pasada, que foi aquí en Goián, en Tomiño (hai que tirar para a casa!), xuntáronse máis de 30 competidores. E a verdade é que poderían ser máis, pero o que pasou foi que a principios deste mes fomos ó Campionato de España a Pamplona e algúns dos competidores xa deron por finalizada a tempada. Así é que podemos dicir que o kick boxing está en plena progresión nestes momentos. No nacional eramos preto de 400 participantes, así que imaxínate! Bastantes máis que en anos anteriores, un dato tamén moi a ter en conta e moi positivo.
E mulleres? Hai afección feminina ó kick boxing?
Gústame esta pregunta! Pois persoalmente nestes momentos teño unhas 15 alumnas; todas elas descoñecían o kick boxing, pero case todas as que o probaron nalgún momento, repetiron! Non é un deporte de homes nin de un perfil concreto de persoas, é un deporte para quen queira e teña ganas de practicalo. Por certo, teño que dicir que estou orgullosísimo de todas e cada unha das miñas Spartanas! (Risas)
En canto ó nivel, como estamos de nivel tanto en Galicia como en España?
Pois penso que o nivel de Galicia respecto ao de España é bastante bo, xa que acadamos unhas cantas medallas no campionato nacional; agora ben, o nivel de España de cara a Europa ou ó resto do mundo, penso que aínda é relativamente baixo. Hai algunhas excepcións, pero é necesario moito traballo para igualarnos ós países potentes, países que ademais teñen moitos anos de experiencia.
Que pode aportar este deporte? Que lles dirías a todos aqueles que o ven dende fora e mesmo se asustan un pouco?
Disciplina, respecto e deportividade, estas son algunhas das características deste deporte. Cousas que a min ademais me serviron para formarme como persoa. É un deporte de contacto, ata aí todos de acordo, e iso é o que pode asustar, pero ó mesmo tempo non só se limita a dar golpes. Hai moitas formas divertidas de adestrar, polo menos nas miñas clases! E ademais permíteche mellorar moito fisicamente e en todo o que respecta á coordinación, a elasticidade, a propia autoestima e, sobre todo, é unha forma de divertirse ao tempo que se fai deporte.
Dirías que é un deporte perigoso?
Esta é unha pregunta bastante común, á que normalmente respondo con outra pregunta… A que nivel falamos? Se o teu obxectivo é practicalo a nivel competición, pois é evidente que estás exposto a lesións, como en calquera outro deporte! Pero se polo contrario simplemente queres aproveitar os beneficios do kick boxing a nivel afección, aproveitar todos eses valores dos que antes falabamos, entón pódoche asegurar que as posibilidades de lesión son ben poucas.
Que é o máis importante para practicar kick boxing? Cal dirías que é a clave deste deporte?
A nivel competición, unha das cousas máis importantes, por non dicir a máis, é o aspecto psicolóxico. Hai que ter unha gran capacidade de sufrimento acompañada de moita constancia. É un deporte moi completo e necesita moitas máis cousas, pero sen isto as demais non funcionan.
O que haberá é moito traballo de ximnasio non?
Pois por norma xeral si, aínda que todo depende do momento da tempada e da maneira de traballar de cada adestrador… Persoalmente eu si que traballo bastante no ximnasio, para complementar os meus adestramentos.
E precisamente falando de ti Charly, como comezas a practicar kick boxing? Cando te metes nisto?
Pois alá polo 2006, despois de 9 anos facendo piragüismo, a miña vea competitiva necesitaba de algo máis! Dende ben pequeno me gustaron os deportes de acción e de combate pero nunca tivera a oportunidade de practicalos. Faláronme dun ximnasio en Portugal, a 15km da miña casa, no que practicaban Kung Fu (sanda), e así foron os meus inicios. A raíz de aí funme facendo con contactos e coñecendo e competindo no full contact, boxeo e kick boxing. Actualmente sigo competindo nos tres, aínda que me decanto polo kick boxing.
Ademais da morea de títulos que tes aquí, competiches tamén a nivel internaciona, non sei se cambia moito a cousa ó saír de aquí…
Cando saes fóra, botas de menos as comodidades de casa así e, sobre todo, o apoio da afección, que sempre me ten acompañado alí a onde vou e para min é importantísima. A últimas competicións que teño feito foron en Portugal, tamén podemos dicir que foron internacionais, non??? (Risas)
Cal foi o teu mellor momento como deportista? E o peor?
Uf! Con esta pregunta mándasme dun extremo ao outro… O mellor momento, sen dúbida, foi ter a posibilidade de disputar o título do mundo. Todos eses anos de adestramento e sacrificio foron recompensados nese momento e deron os seus froitos. Para min, estar alí, loitar ata o final, facerlle fronte a un campión do mundo de verdade e acariciar o título por momentos… Todo iso, xa foi unha vitoria! Pola outra parte, o peor momento chegou apenas un mes despois, cando un mal golpe nun torneo me provocou o que acabaría sendo máis dun ano de baixa. Por momentos non sabía se podería volver a competir… Todo o que tanto me custara conseguir, esvaeceuse en cuestión de segundos! Agora sei que podo, queda moito traballo e moito camiño por andar, pero sei que podo…
E con respecto a ese Campionato Galego do que falabamos antes, como saíu todo?
Todo foi como se esperaba e o público respondeu incluso mellor que o ano pasado, ó pavillón faltoulle nada para chegar ó cheo absoluto! Tamén acompañaron os resultados, xa que tiven un campión e un subcampión galego. Así que, moi contento! Ademais outra cousa que foi todo un acerto foron os inchables para os pequenos, que triunfaron ao máximo (risas).
Ti fuches o que te encargaches da organización, pero desta volta non competiches…
Organizar e competir por experiencia propia non é o mais idóneo. O que si fixen foi unha exhibición de boxeo.
Como se leva a organización dun evento deste tipo? Bótanse en falta apoios? Implícanse as administracións ou ó ser un deporte dos chamados minoritarios ten menos axuda?
Contei co apoio do Concello de Tomiño, ademais de diferentes locais e empresas que colaboraron, sen eles sería imposible afrontar a organización dun evento así.
Tes algún obxectivo marcado nestes momentos? Algunha meta posta? Algo que che gustaría acadar…
Acabo de conseguir a prata no campionato nacional, teño agora algunha cousiña en proxecto que aínda non podo confirmar, pero fareino en canto poida. O obxectivo é o mesmo, chegar ao máis alto posible, imos a seguir intentándoo sen dúbida algunha.
E para rematar Charly, queres dicirlle algo a alguén? Ás administracións, á xente que estea empezando, ós que teñen mala imaxe do kick boxing…
Pois xa que me das a oportunidade, dar as grazas a toda a miña xente, familia, amigos, compañeiros, alumnos… A todos os que me apoian e que poñen o seu graniño de area en cada evento que se realiza. Para que as administracións nos atendan primeiro temos que ser nós, os profesionais deste deporte, os que traballemos correctamente, os que fagamos un bo traballo e quitemos todo o positivo do noso deporte. Apoiarnos entre nós e apoiar os eventos que se van facendo é fundamental. Aos que están empezando, mándolles todo o ánimo, para que manteñan a constancia e a dedicación, fundamentais para progresar. E a vós agradézovos o anaco dedicado a este deporte!
Grazas a ti Charly!