Luis Fernández: “A oitava posición no meu primeiro mundial é un bo posto”
Unha oitava praza para a primeira vez que un compite nun Mundial, é dende logo, como estar orgulloso. Así se amosa Luis Fernández, o que é o único galego que ten nestes momentos o equipo de slalom nacional. Este xoven padexeiro está a adestrar moi duro para chegar ó máis alto deste deporte, aínda que para elo tivera xa que facer sacrificios como deixar o seu Salceda de Caselas natal e trasladarse ó Centro de Tecnificación de La Seu D’Urgell. |
Nome: Luis Fernández Pereira (Salceda de Caselas, 1996) Un lugar: Australia Un hobby: Montar en bicicleta Unha comida: Pizza de bacon Un soño: chegar a unhas olimpíadas |
Cóntanos Luis, como foi o Mundial? Que tal che foi? Como valoras a túa actuación?
Pois na primeira baixada da clasificatoria non me foi moi ben, tiña unha penalización de 50 segundos. Pero a segunda foi moito mellor e clasifiqueime sexto para a semifinal. Na semifinal si puiden facer unha moi boa baixada e clasifiqueime cuarto para a final. O tempo que fixen na final era para estar na terceira posición, pero tiven doce segundos de penalización e iso levoume á oitava posición. Aínda que bueno, para ser o meu primeiro mundial é un bo posto. Nas patrullas si que demos conseguido medalla, fomos bronce.
E que tal a experiencia? Supoño que incrible…
A experiencia foi moi boa, non so por poder competir a nivel mundial, senón por poder adestrar nesas condicións tan boas, e ademais polo feito de poder visitar os sitios mais bonitos de Australia tamén.
Como tes comentado ti mesmo noutras ocasións, é moi importante coñecer os segredos do río. Neste sentido, Australia sería un escenario difícil supoño…
A canle artificial ó principio era complicada, pero á vez era moi agradable remar nela porque tiña cousas que eran moi bonitas. Ó principio custoume adaptarme, pero pouco a pouco conseguín afacerme e cada vez atopábame mellor na auga.
O feito de clasificarse para estar no Mundial xa era un logro en si mesmo, non? Iso xa é como para estar orgulloso…
Si, só o feito de estar no equipo nacional júnior e poder ir o mundial xa era un logro. Con iso o reto estaba cumprido, pero unha vez alí para min tamén era moi importante facer un bo resultado. Por sorte ó final conseguino.
Ademais co engadido de volver a poñer o toque galego no equipo nacional, non si? Nestes momentos non había ningún…
Fai uns anos estaban no equipo Mario Fontán e Antía Loira, pero neste mundial fun o único galego que conseguiu entrar no equipo.
Nas probas que disputaches para acadar esa clasificación viuse que te atopas nun gran momento de forma, non si? Dirías que estás no teu mellor momento?
Estaba nun momento de forma moi bo, pero sempre se pode mellorar. Agora, despois do mundial, atópome mellor que antes e aínda con máis ganas de adestrar.
De feito os teus adestradores din que a túa progresión foi “espectacular”. Traballo custará tamén mellorar a este ritmo… Moi duro?
Bueno, mellorar sempre custa pero se te esforzas e lle pos ganas sempre ves a melloras, algunhas veces máis e outras menos, pero sempre se mellora.
Dende setembro estás concentrado no Centro de Alto Rendemento de La Seu D’Urgell. Como está a ser a túa estancia alí? Como é o teu día a día? Cantas horas adestras? Hai tempo para algo máis? Fálanos da túa estadía no centro.
Así é, dende setembro estou alí. E o meu día a día pois… De luns a venres vou a clase polas mañás, estou en primeiro de bacharelato este ano, e polas tardes adestro. Así todos os días salvo algúns luns que temos descanso. E despois as fins de semana pois tamén adestramos. O número de horas pois depende un pouco do día… Máis ou menos ó redor de unha hora, hora e media, e os sábados mañá e tarde. Si, algo de tempo para facer máis cousas inda queda.
E se miramos cara os principios Luis, como comezaches a facer slalom?
Eu comecei facendo augas tranquilas cando tiña doce anos, e ó ano seguinte empecei xa a facer slalom porque me parecía máis entretido ca pista.
E como foi a túa traxectoria? Pasaches do teu club ó centro de Tecnificación de Pontevedra, non? Cóntanos.
Si, estiven dous anos no centro de tecnificación deportiva de Pontevedra e tiña como adestrador a Iván Silva. No meu segundo ano no centro quedei campión de España, e o ano seguinte xa fun para a Seu.
Que é para ti o máis difícil na carreira dun deportista de elite?
O máis complicado e controlar os nervios e saber competir sen que che xoguen unha mala pasada. Ás veces os nervios pódenche fastidiar unha competición.
E se falamos do slalom en si, que é o máis importante deste deporte? Que dirías que é o fundamental para triunfar no slalom?
Nas competicións o mesmo que en calquera outra, o tema de controlar os nervios. Cando estás competindo tes que tratar sempre de pensar con calma e facer o que ti sabes, non intentar facer mais do que sabes.
E que é o que ten o slalom para enganchar a quen o practica?
Este deporte tenche que gustar dende o principio, se a primeira vez que o practicas non che gusta, xa non che vai a volver a gustar por moito que o intentes. É así.
Hai moitas diferenzas dun río a outro? Que tipo de ríos son os mellores? E sobre o caudal e as condicións? Que tipo de condicións prefires ti para competir?
Cos ríos non teño moito problema, normalmente gústanme todos, pero algunhas veces cústame adaptarme a el.
Cal é o teu seguinte obxectivo Luis? Onde tes os ollos postos neste momento?
Dentro de pouco vou participar nunha copa de España, e a principios de xullo teño o Campionato de Europa en Macedonia.
Creo que para poder disputar as probas que se che presentan agora, o máis importante é o tema dos patrocinios, non? Está difícil a cousa para acadar financiamento?
Para Australia necesitaba pagar uns 1400 euros, porque a Federación Española só puido pagar a metade. Ó final conseguín o diñeiro grazas ó Concello de Salceda de Caselas e a Deputación de Pontevedra. Tamén á xente do meu pobo que me axudou moito.
E a longo prazo? Cales son as túas metas no futuro?
Seguir adestrando e poder seguir pertencendo ó equipo nacional. E poder seguir mellorando e disfrutar sempre deste deporte.