Jorge Abal: “A BTTinto discorre por camiños que ás veces levan décadas pechados”
Quizais sexa este un dos seus valores fundamentais. Camiños e sendeiros descoñecidos, con paisaxes e vistas que para os amantes da bici de montaña son todo un luxo. Tan só leva tres edicións, pero a deste ano rompeu todas as expectativas e, a pesares do mal tempo que se viviu o domingo, pechou con 2600 participantes, aí é nada. Jorge Abal, un dos organizadores do evento, asegura que a valoración é moi positiva, tanto da proba como da saúde deste deporte na nosa comunidade, onde o nivel é cada vez máis alto. |
Nome: Jorge Abal Nartallo (Cuntis) Un lugar: O monte Lobeira, entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa, alí encontro paz e tamén recupero forzas para afrontar novos proxectos Un hobby: a BTT Unha comida: espagueti boloñesa Unha virtude: iso deben contestalo os que me coñecen Un defecto: cando quero algo non paro ata conseguilo, aínda que non teño moi claro que sexa un defecto… (Risas) Un soño: construír un circuíto permanente de BTT en Cuntis, pero agora mesmo coa que está caendo case prefiro un traballo fixo e despois xa nos poremos co circuíto |
O primeiro Jorge é facer unha valoración. Cóntanos, que tal foi a BTTinto 2014 que se celebrou a pasada fin de semana? Como a valorades dende a organización?
A miña opinión persoal é positiva, penso que foi un éxito. Aínda que hai cousas que mellorar, a valoración é moi positiva e así o demostran os centos de mensaxes de felicitación que estamos recibindo. A verdade é que fai tres anos non pensábamos en xuntar tanta xente en tan só tres edicións, pero aí están eses 2.600 participantes que sitúan esta proba entre as máis numerosas de España.
BTT que é bici de montaña…
Si, a BTT non é outra cousa que a Bicicleta de Montaña de toda a vida, que dende hai uns anos experimentou un aumento espectacular no número de persoas que o practican.
E quizais por iso a BTTinto tivo este éxito… Que ten esta proba para motivar tanto ós ciclistas?
Esta é unha moi boa pregunta. Persoalmente penso que o éxito da BTTinto está na boa sintonía que hai entre os membros da súa organización. En primeiro lugar está o Concello de Ribadumia, que apostou por este evento dende a primeira edición e puxo todos os seus medios a disposición dos membros da organización. E en segundo lugar, pero non menos importante, están os tres clubs colaboradores; Armenteira e Punto, CC Salnés e CDM Xesteiras, do cal formo parte. Isto non é habitual, e esa unión danos unha gran vantaxe, xa que contamos con gran cantidade de socios que traballan durante meses na procura do mellor dos percorridos, na limpeza e preparación, na marcaxe e recollida das marcas, etc. E, por suposto, o día da proba prestan asistencia durante todo o percorrido, polo que tamén se da unha unha sensación extra de seguridade ós participantes.
E o ambiente ten que ser bo porque tamén hai un gran número de voluntarios dispostos a axudar…
Por suposto! Deles non me quero esquecer porque son case cen voluntarios os que colaboraron o día da proba, ademais de protección civil e as empresas patrocinadoras, que nestes tempos de crise continúan apostando pola Bttinto e por outras probas deportivas. Sen eles isto tampouco sería posible.
E iso que o tempo non acompañou nada…
Se chega a facer bo tempo non sei a cantos participantes poderíamos chegar! A mágoa é que con tanta chuvia non puidesen gozar das fermosas paisaxes que se poden ver dende distintos puntos do percorrido.
E ademais desas vistas, como definirías o circuíto?
Para o deseño do percorrido contamos con un personaxe moi especial, Monso, membro de Armenteira e Punto. El mellor ca ninguén sabe como sorprendernos cada ano, con propostas que de entrada poden parecer imposibles, pero que unha vez se fan realidade… Cando vemos o resultado non podemos máis que agradecerlle o gran esforzo que fai durante meses na procura destes sendeiros e camiños. En moitos casos levan pechados décadas, e nós mesmos somos os que nos encargamos de limpalos.
Todo un luxo para quen os percorre… Que ademais pode ser calquera porque hai varias posibilidades, non? Unhas máis sinxelas e outras non tanto…
Nesta terceira edición, volvemos apostar por tres modalidades: BTT, combinada e andaina. A BTT son dúas rutas libres e non competitivas. A primeira ten 35 quilómetros e unha dificultade física e técnica de nivel medio, está marcada con frechas e cintas verdes e sae e chega a Barrantes. Á segunda é a ruta verde, á que ademais poden ir engadíndolle tramos que elevan o nivel a medio-alto e a distancia a 47 quilómetros. Despois está a combinada, que consiste en percorrer 35 quilómetros en BTT de dificultade media e unha vez rematados, completar correndo a ruta da Andaina, que son 20 quilómetros máis. Esta poderíamos dicir que é de dificultade alta, máis aínda tendo en conta as condicións meteorolóxicas deste ano. E por último está a andaina, que discorre por rutas ben coñecidas como son a senda de San Martiño e a Ruta da Pedra e da Auga, con algunha modificación para non coincidir cos participantes da ruta BTT. A dificultade tamén é media-alta.
Que tal de nivel? Moitos profesionais ou máis ben afeccionados?
A BTTinto é unha proba non federada e non competitiva, polo que non acostuman a participar profesionais. Aínda así, sempre contamos coa participación de ciclistas de alto nivel que empregan esta proba para adestrar. De todos xeitos a gran maioría son cicloturistas non federados que só buscan novas experiencias, aventura e, como non, disfrutar dunha xornada de auténtico BTT.
E alguén que destacar especialmente? Algún nome relevante? Xa sexa por ser unha figura deste deporte ou por ser unha revelación saída desta proba…
Sempre contamos coa presenza dalgunha figura relevante no mundo do ciclismo, nesta edición o gran Álvaro Pino fixo de padriño, e non só iso, senón que ademais participou e completou o percorrido. Pero como dicía, non é unha proba para profesionais, así que a min persoalmente éncheme de ledicia ver ós rapaces novos, como ó pequeno Jesús, que con tan só 7 anos, foi quen de completar o percorrido xunto co seu pai.
Dende os clubs que organizades o evento, cal é o voso obxectivo? Con que finalidade poñedes en marcha esta actividade?
Nos aportamos a nosa experiencia, posto que xa levamos organizado outros eventos de gran éxito e de moita afluencia de participantes dende hai algúns anos. O Club Xesteiras, en Cuntis, onde ten a súa sede, organiza dúas rutas ó ano, a Ruta BTT do Lacón que ten lugar en inverno e que leva tamén tres edicións cunha media de 800 participantes, e a Ruta BTT do Xesteiras, que é no verán e cunha media de 700 participantes. Ademais organizamos carreiras de montaña, como o Trail Vila de Cuntis, e andainas todos os meses.
Canto tempo leva preparar unha BTT como a BTTinto?
Pois isto poderíano contestar mellor as nosas familias, porque son eles os que nos aturan durante meses nos que parece que só falamos de Bttinto! Ata a miña filla de sete anos me di que só penso en rutas de BTT, como di ela! Xa en serio, este ano comezamos no mes de xaneiro e dende entón foron cinco meses de duro traballo no monte, reunións, papeleos, enviar e responder miles de mails, procurar patrocinios, etc. Pero é o que nos gusta e con amigos como Luis, Jorge, os socios de Armenteira e Punto, CC Salnés todo é máis sinxelo.
E falando do que é a BTT en si, como están as cousas para este deporte Jorge? Dirías que está a acadar máis recoñecemento pouco a pouco?
Eu penso que cada vez hai máis xente que coñece e practica deporte e por suposto o BTT e todos os deportes ó aire libre están experimentando un auxe moi importante nos últimos anos. De todos os xeitos, na miña humilde opinión, os que dirixen as federacións non prestan a atención que merecen ós miles de cicloturistas que, cos seus cartos, pagan licencias para non ter nada ou case nada a cambio.
Botades Apoios? Circuítos? Instalacións?
Botamos en falta unha federación que apoie os eventos cicloturistas, que firme acordos coa administración e tamén con empresas privadas para que nos resulte máis accesible conseguir as cousas que precisamos para organizar estes eventos. Cousas como as ambulancias, os avituallamentos, os elementos para montar a saída e a chegada… E por suposto, unha reivindicación que levamos moito tempo facendo, é a baixada da licenza federativa de 1 día para que poidamos facer probas federadas a un prezo razoable. Non pode ser que a federación cobre 12 euros por un seguro de un día cando nos facemos ese seguro por 1,2 euros.
Como está o nivel en Galicia? Temos bos corredores?
Por suposto que temos bo nivel en Galicia, os nosos corredores están facendo grandes resultados en probas moi importantes como os 101 peregrinos, os 10.000 del soplao, Monegros, Titan Desert, etc.
E canteira? Temos novas xeracións para tomar o relevo na nosa comunidade? (Con rapaces como Jesús, semella que si…)
Mentres os clubs sigan traballando haberá canteira, e os rapaces novos poderán ter algunha oportunidade. Pero botase en falta un pouco máis de axuda por parte da administración. As axudas ós clubs non chegan para cubrir os seus gastos, e así dificilmente poden sacar adiante os seus proxectos. En cambio son outros, que non se lixan no monte, os que ingresan os fondos que deberían ir directamente a quen organiza probas, crea escolas e fomenta o deporte.
Bueno, e xa para rematar Jorge, agora que? A pensar na BTTinto do ano 2015?
Pois aínda que pareza mentira xa estamos traballando na Bttinto 2015, si! Pero non llo digas a miña filla (Risas). Xa rematamos de limpar o monte, recollendo todas as marcas e demais, e agora estamos pechando esta edición, atendendo as consultas dos participantes, montando vídeos e albumes coas miles de fotos que temos, facendo balance, elaborando estatísticas,… Pero xa estamos pensando en como mellorar a BTTinto 2015.
Pois agardamos sexan moitos máis os participantes aínda! Grazas Jorge!