publicidade hoxe
Xisela Aranda: “Un deporte que require de tantas horas e esforzo debería estar moito máis valorado” - Cabecera

Xisela Aranda: “Un deporte que require de tantas horas e esforzo debería estar moito máis valorado”

Xisela Aranda competindo

A primeira vez que entrou nunha pista de squash alguén lle dixo, “algún día serás a campiona de España”. O que non sei se pensaría esta persoa naquel momento é que isto se ía cumprir ata en cinco ocasións! Despois dun ano de moitos cambios, Xisela Aranda conseguiu hai unhas semanas volver a facerse co campionato nacional. Un título, o do 2014, que sabe aínda mellor cando unha llo pode dedicar ó seu novo equipo.

Xisela Aranda

Nome: Xisela Aranda Núñez (Vigo, 1986)       

Un lugar: calquera con mar       

Un hobby: tocar o saxo   

Unha comida: empanada de zamburiñas

Unha virtude: disciplina

Un defecto: exceso de autoesixencia  

Un soño: que o squash se converta en deporte olímpico

Antes de nada, parabéns Xisela, ves de converterte en campiona de España, unha vez máis! E van cinco, non?

Si, a verdade é que cando me dixeron que algún día sería campiona de España soltei una gargallada! Agora que levo cinco creo que xa vou asimilando que esa persoa non se equivocaba…

Es a número un da selección española de Squash, canto tempo levas mantendo esta posición?

Pois fai cinco anos que represento a España en todos os torneos internacionais como número un e capitá da selección.

E falemos dos comezos Xisela, como acabaches no squash? Porque comezar comezaches co tenis e o pádel, non si?

Empecei xogando ó tenis con 4 anos. Con 14 deixeino porque sentía que non era o deporte que de verdade me enchía nin ó que quería dedicar gran parte do meu tempo. É dicir, esforzo e vitorias non ían da man… Estiven un ano sen facer deporte e o meu corpo sentía que o precisaba. Entón apunteime ó ximnasio e o dono, que xa sabía que a raqueta non se me daba mal, invitoume a probar co squash. Cando saín da pista díxome que algún día sería campiona de España, el foi! Como dicía antes, soltei unha gargallada e dende ese día… ata hoxe! Non ía mal encamiñado… O pádel simplemente foi unha ponte para sacar algúns cartos mentres conseguía a miña licenciatura.

Coñecías o deporte de antes? Digamos que o squash non é un deporte tan típico…

Eu xa o coñecía antes de probalo pero nunca sentira o que é xogalo, meterse na pista a practicalo. Unha vez me vin dentro decateime de que nunca disfrutara tanto dun deporte. Co squash sinto que si que van da man o esforzo e as vitorias.

Que ten o squash Xisela?

O squash é un deporte completo, onde se traballan todos os músculos, incluso os que non sabías nin que existían! Pero ademais para min o squash vai máis alá… Eu cando pecho a porta da pista, transfórmome e convértome en xogadora. Deixo fora á outra Xisela.

Xisela Aranda posando cun dos seus premiosTen que resultar moi difícil manterse tanto tempo no máis alto nivel… Como o fas? Cal é o segredo?

Sen dúbida, como todo nesta vida, o difícil non é chegar, é manterse! O único segredo é traballo, traballo e máis traballo. Debes confiar en ti, ter ganas de estar aí, de seguir gañando partidos, de non caer no conformismo. A disciplina é a única que te leva a conseguilo. E por suposto, ter un club que te apoie e un equipo detrás con que traballes a gusto, iso é imprescindible.

Ti compatibilizaches esta traxectoria deportiva coa túa carreira universitaria, ou sexa que disciplinada tes que ser…

Cando algo che gusta tanto non o ves como un sacrificio, velo como un premio, sénteste afortunada por poder estudar e ademais practicar o deporte que adoras. Non pode supoñer un sacrificio. Obviamente hai días nos que me sentía esgotada, pero o deporte tamén me proporcionaba a desconexión dos estudios que ás veces tanto necesitaba.

Cal dos títulos acadados gardas con máis agarimo? Cal é o máis especial para ti?

Pode que o último campionato de España fose o máis especial. Viña dun cambio de club, cun entorno novo, cun novo adestrador, un novo equipo,… Foi un cambio moi grande e non tiven tempo para asimilalo ben, pero a pesar de todo, o esforzo deu os seus froitos e conseguín ese quinto campionato de España. Por iso penso que foi o máis especial, precisamente por ter a todo ese equipo detrás apoiándome incondicionalmente, quizais por iso foi o torneo ó que acudín con máis presión, por non querer defraudalos a eles. Merecían esa vitoria.

Cóntanos algunha anécdota, algún momento especial. Algunha competición ou recordo que che siga emocionando, xa sexa para ben ou para mal…

Pois foi no último campionato de Europa individual en Valenciennes (Francia). Estes torneos sempre son moi solitarios, pasas moito tempo de soidade antes, durante y despois de cada partido, e se as cousas non saen como esperabas axiña aparecen as pantasmas, ou viceversa, se sae todo ben non podes celebrar as vitorias como che gustaría. Normalmente xogas un partido ó día e tes moito tempo libre. O meu adestrador, Miguel Novegil, apareceu alí por sorpresa coa súa familia. Non o podía crer! Sen dúbida converteron este torneo en especial por todo o que puiden compartir con eles. E se aínda por enriba, o rendemento deportivo acompaña e consigo o sétimo posto, que é a miña mellor posición nun europeo ata o momento… Pois que máis vou a pedir!

Xisela Aranda recibindo o recoñecemento da súa cidade. Co alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Ti onde adestras? Hai moita afección en Galicia? E en Pontevedra?

Adestro nas instalacións do Squash Pontevedra, no Complexo deportivo Rías do Sur e no estudio de GV Sports. O squash é un deporte que en Galicia ten moita afección e a verdade é que hai moita canteira que ven detrás pisando forte. Creo que o feito de que os dous campións de España sexan galegos tamén axuda xa que os nenos ven en primeira fila o que eles mesmos queren ser no futuro. En Pontevedra en concreto tamén estamos traballando moito cos nenos e teñen un preparador físico tres días á semana e adestramentos de squash específicos para cada un. Estase facendo un bo traballo.

Que lle dirías a quen non coñeza este deporte? Como o definirías?

Diríalle que o squash é moito máis que un deporte, é unha “maneira de vivir”. Cando te metes na pista o esforzo é agónico, pero despois, a satisfacción é incomparable á doutros deportes que tamén tiven a sorte de probar. Ves unha pista baleira e o teu corpo pídeche máis. Sabes perfectamente que detrás dese cristal todos os que te están vendo notan esa respiración acelerada, esa gota de suor que che cae… É como un escaparate e tes que evitar que o teu rival se dea conta porque aproveitaría as túas debilidades. É o deporte máis completo que poida existir, e no squash a cabeza é determinante moitísimas veces para a vitoria, non só é unha cuestión de físico. Ó que non o coñeza eu invítoo a que probe, xamais viviredes unha adicción máis sa ca esta!

Ou sexa, tanto para practicalo como para afeccionarse, o importante é probar, non?

Si! O primeiro é meterse dentro dunha pista, non me preguntes por que, pero ten algo que te engancha, te atrapa e xa non che deixa saír! E aqueles que non tiveran a oportunidade de velo, que vaian ver un partido en esencia pura! Ves como o corpo chega a bolas impensables, o ruído da bola no cristal mentres preparas o golpe, eses minutos interminables que pode durar un punto, o pracer cando a bola se dirixe a ese punto determinado que sabes que é mortal para o teu rival… Creo que o squash o definiu moi ben Julio César cando dixo… “Veni, vidi, vici”, porque isto é squash “Venir, chegar e vencer”, independentemente do resultado do partido. Se o das todo, o resultado é o que menos importa.

Xisela ArandaDirías que está suficientemente apoiado, ou que entra dentro do grupo de deportes minoritarios ós que se lle presta pouca atención?

Encantaríame que estivese máis apoiado. Un deporte que require de tantas horas e esforzo debería estar moito máis valorado. É unha pena que en xeral non se poida vivir deste deporte, quizais se algún día chegamos a ser olímpicos isto sexa máis sinxelo…

Que pasaría se todos os títulos que acadaches ti os acadara outro deportista nunha disciplina máis “famosa”? Daríaselle máis visibilidade?

Sen dúbida o problema é a visibilidade que teñen este tipo de deportes. Se fose outra disciplina, por suposto que se coñecería moito máis aos que lideran as clasificacións e gañan os campionatos. As redes sociais axudan para chegar a moita máis xente, pero os medios de comunicación son os que deben impulsar a estes deportes.

Como valorades o feito de que non sexa olímpico?

Para min é unha auténtica inxustiza, non me entra na cabeza que unha disciplina así non se inclúa nas olimpíadas. Con isto non quero dicir que outros deportes no deban estar, pero cada un sabe o que custa conseguir as súas metas, é obvio que as miñas no son fáciles.

Pódese vivir do squash?

En España pódense contar cos dedos dunha man a xente que pode vivir do squash. Creo que é unha pena. Eu non me podo queixar, porque afortunadamente estou patrocinada por Naffta, Tecnifibre, GV Sports, Salming, TCO Tatuajes Costa Oeste, Nutergia. A pesares de que son consciente de que a miña xubilación desgraciadamente no ma asegura este deporte.

Xisela Aranda posando cun compañeiro e amigoE como valoras a situación do deporte feminino? Hai aínda diferenzas neste senso?

Claro que as hai! Pero isto non é unha cuestión do squash ou do deporte en si. Isto é cuestión das persoas, que non valoran o esforzo duns e outros da mesma maneira. Para min resulta moi duro que nun mesmo torneo, nas mesmas condicións, cos mesmos esforzos, nalgúns sitios os homes cobren case o dobre que as mulleres. En pleno século XXI! Afortunadamente cada vez son menos, pero…

Como se presenta o futuro Xisela?

Nestes momentos non podo pedir máis! Grazas ó cambio radical que houbo na miña vida deportiva, dinme conta de que non toquei teito e de que me falta moito por facer e por aprender. Ademais esta primeira parte da tempada non puido ser máis positiva. Agora mesmo, non che podo dicir o que vai pasar a longo prazo, pero traballando como o vin facendo nos últimos meses, e co esforzo que está a facer todo o equipo que teño detrás, agardo poder conseguir máis logros deportivos. Non me marco unha data tope. Iso si, cando chegue o momento de deixar a competición, a lo menos ó nivel que estou agora mesmo, non me preguntes como, pero algunha maneira atoparei para seguir vinculada a este deporte. Cando hai unha espiña que se che crava no corazón desta maneira é imposible sacala.

Moitas grazas Xisela.

Xisela Aranda

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 14 de Xullo do 2014 | 11:00 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada