publicidade hoxe
Susana: “Non son ningunha súper muller, todos temos capacidade para facer moitas cousas” - Cabecera

Susana: “Non son ningunha súper muller, todos temos capacidade para facer moitas cousas”

Susana Rodriguez e Mayalen Noriega no World Paratriathlon Event Yokohama (2014). Imaxe de ITU Media, do fotógrafo australiano Delly Carr.

Aínda que ela non se vexa como tal dende a nosa perspectiva resulta difícil pensar que calquera podería facer o mesmo. Calquera podería ser campiona do mundo de Paraduatlón ata en tres ocasións? E acadar os máis importantes títulos mundiais tamén en Paratriatlón? E que me din de estudar a carreira de medicina mentres tanto? Calquera, permítanme o atrevemento, non. Pero Susana Rodríguez si. Ela é desas persoas que son capaces de ver as oportunidades cando ninguén máis pode. Asegura que o albinismo que padece, e que lle provoca a súa deficiencia visual, lle pechou moitas portas, pero que tamén lle abriu moitas outras. Susana non acepta un “non podo”, e xa se sabe, confiar nun mesmo é acabar podendo.

Susana Rodriguez

Nome: Susana Rodríguez Gacio (Vigo,1988)

Un lugar: Mondoñedo

Un hobby: viaxar

Unha comida: ovos con patacas e chourizo cun anaco de queixo Lorán

Unha virtude: perseveranza

Un defecto: sonexcesivamente nerviosa e un pouco desordenada

Un soño: unha escola de paratriatlón en Galicia

En primeiro lugar Susana parabéns! Acabas de converterte hai uns días na Campiona de Europa de Paratriatlón. Ves de facerte co título en Kitzbühel (Austria). Como te sentes?

Moi contenta. Houbo bastantes dificultades para chegar ó campionato de Europa por mor de que a Federación se esqueceu de tramitar as nosas inscricións e tivemos que agardar por unha invitación das dez existentes para poder correr en Austria. Dende que a tivemos estaba claro que había que loitar máis ca nunca para amortizala e así o fixemos, así que estou moi contenta.

Como foi este campionato, moi duro?

Kitzbuhel é unha vila do Tirol xa preto de Alemaña. Viñeron comigo miña nai cunha amiga e Luis Piña, o meu adestrador que foi de moita axuda para acadar a vitoria. O ambiente foi moi bo e viaxamos con tempo suficiente para non ter que facer todo ás carreiras. Puidemos ver os circuítos e descansar un pouco e todo isto axuda moito o día da carreira para ter o corpo e a cabeza descansados. A competición foi dura, tiñamos rivais da talla da británica Melissa Reid e a súa guía Nicole Walters, que son actuais campioas do mundo e de Europa en 2013, sabíamos que non sería doado. Fixemos unha natación regular, pero o más importante foi o incrible segmento de ciclismo, que nos permitiu comezar a carreira a pé cunha boa vantaxe que soubemos administrar ben, aínda que rematamos cun sprint de máis de 500m.

E ganas habería de facer unha boa actuación porque ti xa sabes o que é ter unha medalla de ouro nun mundial, non si? Sodes campioas do mundo de Paraduatlón Xixón 2011, Nancy 2012 e Pontevedra 2014, ente outras moitas cousas… E cal significou máis para ti? Cal te emocionou especialmente?

O Mundial 2014 de Duatlón deportivamente non foi unha carreira das máis complicadas, coincidía cun World Paratriathlon Event en Londres e as rivais máis fortes non viñeron a Galicia. Pero o certo é que correr en Pontevedra sempre é especial polo ambiente que hai, a xente vive o noso deporte e enche as rúas para animar. Outro que destacaría é obviamente o Mundial de Triatlón de Auckland, xa que era nas antípodas e daquela case non tiñamos ningunha axuda para competir e todo se movía polas ganas e por unha ilusión tremenda. Quizás ninguén contaba con nós para ocupar esa praza no podio. E finalmente Xixón 2011, porque foi o primeiro título mundial que gañei despois do meu parón ó deixar o atletismo, ademais foi o primeiro que conseguín con Mayalen, tampouco ninguén contaba con nós e foi nesa cidade onde debutei neste novo deporte.

Susana Rodriguez e Mayalen Noriega tras facerse co título de campioas do mundoO que ten que emocionar aínda máis é estar nos Xogos, non si? É ese o obxectivo, estar en Río 2016?

Si, é un obxectivo máis. Estamos agardando a que o Comité Paralímpico Internacional publique cales das 5 categorías existentes no paratriatlón estarán finalmente nos Xogos. Só irán tres femininas e tres masculinas. Pero bueno, é iso, un obxectivo máis, hai moitos outros.

Que significaría para ti ir ás Olimpíadas? Porque ademais sería a primeira vez que o paratriatlón é deporte olímpico…

Todos os compañeiros deportistas que teñen asistido a uns Xogos din que é especial; son cada catro anos e polo tanto só se poden gañar 1 vez cada catro anos… Estar no debut do meu deporte sería xenial, despois de ir vendo dende dentro como ía evolucionando ano a ano, sería a culminación…

Lin nalgún lugar estas palabras túas, “O albinismo pechoume moitas portas pero tamén me abriu moitas outras e con iso é co que quedo, intento cada día sacar o mellor de min”. Recoñécela?

Si, e me reafirmo nela.

Que sentes cando escoitas á xente falar da importancia do que fas? Que sentes cando se fala de que es esa “súper muller”?

Se o que fago eu lle serve a alguén de axuda pois iso a min faime moi feliz, de todos os xeitos non son ningunha “súper muller”. Todo o mundo ten capacidade para facer moitas cousas, só hai que crer nos obxectivos e soños e, iso si, loitar sempre por eles.

Como foron os teus comezos Susana? Antes de meterte no triatlón, como dicías antes, fixeches atletismo. Por que o cambio?

Empecei na escola nas clases de educación física e tamén nunha piscina na que meus pais me apuntaron para aprender a nadar un ano despois de que empezara a ir miña irmá. As competicións coñecinas a través da ONCE, que cada ano facía en Madrid uns xogos escolares para nenos e nenas afiliados de todo o país. Con 10 anos participei na primeira edición e dende entón… foi un non parar!

Susana e Mayalen nunha transición dun campionato. Imaxe de ITU Media, do fotógrafo australiano Delly Carr.

A decisión de deixar o atletismo foi moi difícil para ti, e creo que che custou moito tomala. A que se debeu?

Houbo unha época da miña vida na que decidín que e onde estudar centrándome no que era o meu soño de participar no Xogos de Pekín 2008. Desafortunadamente nese momento, despois de moito adestrar, tocoume descubrir en primeira persoa iso que se comenta das Federacións Deportivas e de como de inxustamente actúan nalgunhas ocasións. Había seis prazas para rapazas españolas en atletismo nos Xogos e eramos sete coa marca mínima. Alguén tiña que quedar na casa e tocoume a min. Hoxe creo que ese mal trago me fixo aprender moitas cousas, e tamén grazas a iso din o paso de irme a Santiago a facer Medicina.

Pero non podes quedar sen practicar un deporte e decides pasarte ó triatlón…

Foi de casualidade! Estaba mirando en internet que tal lle fora a unha compañeira do Centro Galego de Tecnificación nunha competición, e entrei na web da Federación de Triatlón. Atopei unha pestana onde dicía: “Paratriatlón” e fixen clic. Aí empezou todo.

Susana e Mayalen posando na liña de meta. Imaxe de ITU Media, do fotógrafo australiano Delly Carr.Notaches moito o cambio?

O cambio foi difícil porque levaba dous anos sen facer case nada de deporte e adestrar para os 100 metros non ten nada que ver cos adestramentos do triatlón. O corpo ten que afacerse á nova modalidade.

Houbo momentos de baixón? Momentos nos que un pensa en abandonalo todo?

Claro que os hai, sobre todo os comezos son difíciles. Moita xente pensa que é chegar e encher, pero non. As primeiras tres tempadas foron obstáculos continuos e incluso agora, que se supón que cuns bos resultados deberíamos de ter moito apoio, temos que depender bastante de patrocinadores persoais para poder competir. Estamos moi atrás respecto a países como Gran Bretaña, Estados Unidos ou mesmo Italia.

Explícanos o papel da guía Susana? Como traballades?

Os guías compiten cos deportistas con deficiencia visual grave ou cegos totais, e son o 50% do equipo. Neste caso o triatlón perde o seu sentido de deporte individual e un guía decide por onde imos nadar, decide por onde imos correr, conta como vai a carreira, adestra moito para estar un punto por enriba fisicamente do deportista ó que acompaña… E despois está aí tamén fora da competición. A competición non é só a carreira senón tamén o antes e o despois, as viaxes, ir pola rúa, ler unha carta cun menú nun restaurante… Mil cousas.

No teu caso ademais creo que a túa relación con Mayalen non podía ser mellor…

É algo clave para que as cousas deportivamente saian ben. Ás dúas nos gusta moito o triatlón, nos gusta competir e disfrutamos un montón das carreiras e das viaxes. A verdade é que nos coñecemos de casualidade, nun podio dun campionato de España de ciclismo adaptado. Ela era pilota dun tándem, e eu fora arrastrada por unha amiga que quería competir como pilota miña. De aí xurdiu todo o que veu despois.

Susana e Mayalen celebrandoComo é o teu día a día actualmente Susana? Cantas horas adestras?

O día a día é un non parar dende que me ergo ata que me vou durmir pola noite… Adestro entre 3 e 5h cada día. Agora máis tirando a 5 e noutras épocas algo menos…

E como te organizas? Porque ademais estás estudando Medicina, non? Nin máis nin menos…

Organízome sabendo que teño que dispoñer de X tempo para adestrar ese día ou esa semana si ou si, e o resto vouno metendo con calzador (risas). Só algunha vez, moi poucas, dígolle a Luis o día antes dun exame que necesito quedar na casa estudando. Aínda que despois non me concentre, pero se non o fago síntome culpable! (Risas)

Cal das tres disciplinas che custou máis nun principio? E agora? Cal che custa máis?

Ó principio o ciclismo era o que máis me custaba, porque nunca o fixera. Pero agora creo que me custa máis a natación, porque nadar en augas abertas é algo agobiante cando non te decatas do que hai ó redor.

Cal che gusta máis? Cal adestras con máis ganas?

O que máis me gusta é o tándem pero non é o que adestro con máis ganas, porque é moi perigoso adestrar nas estradas deste país. Os coches respectan moi pouco ós ciclistas. Acabamos de vivir o atropelo dos oito ciclistas arroiados en Oia, que casualmente foi o día que gañamos o campionato de Europa. Ademais estivo involucrada a miña amiga e compañeira de club Aida Valiño. Gústame ir ó mar a nadar o correr polo monte, iso si.

E cal dirías que é a máis importante para acadar o éxito final? Con cal hai que ter especial coidado?

Creo que todas son importantes, a día de hoxe non se pode fallar en nada. No paratriatlón o ciclismo é fundamental, porque ó non poder ir a roda é como unha contrarreloxo. Especial coidado quizais coa natación, é importante non descolgarse moito porque despois é difícil de recuperar, e por suposto non meter a zoca nas transicións.

Cal consideras que é o teu punto forte como deportista?

O punto forte, o ciclismo e en gran parte grazas a Mayalen, que é ciclista e ademais foi pilota de tándem e iso nótase moito. Controla a bici en todo momento, incluso en circuítos complicados ou contratempos que aparecen.

E ese aspecto no que tes que mellorar?

E mellorar… Teño que mellorar en todo, pero unha cousa que teño que traballar con urxencia son as transicións!

Un momento da túa carreira deportiva que recordes con especial agarimo?

Pois a miña primeira competición con 10 anos en Madrid, un 800 metros lisos categoría alevín que gañei. Fíxome tanta ilusión…

E de cara ó que queda de tempada, como te sentes nestes momentos de motivada? Cal é a próxima cita?

Motivada si, agora falta coñecer as tres categorías que irán ós Xogos de Río e veremos que pasa… A próxima cita importante será o Campionato do Mundo de Paratriatlón, que terá lugar en Edmonton (Canadá) o 30 de agosto.

Pois moita sorte para el! Estaremos pendentes!

Susana e Mayalen dos dous equipos británicos que quedaron en segundo e terceiro lugar no Campionato do Mundo

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 11 de Xullo do 2014 | 12:29 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada