publicidade hoxe
Lidia Mesías: “Temos algunhas dificultades pero continuamos sumando puntos que é o importante” - Cabecera

Lidia Mesías: “Temos algunhas dificultades pero continuamos sumando puntos que é o importante”

Lidia Mesias

Cun título de Liga xa no seu haber, Lidia Mesías non dubida; o seu soño é repetir. Polo de agora non pinta mal a cousa para o Burela FS, que ocupa nestes momentos o segundo lugar na clasificación a só dous puntos do líder, o Navalcarnero. Así de axustada quedou a clasificación despois de que as lucenses caeran na casa das madrileñas na xornada pasada por un axustado 4 a 3. Lonxe de desanimarse, este resultado dalles aínda máis forzas ás para continuar na loita.

Lidia MesiasNome e apelidos: Lidia Mesías Espiñeira

Un lugar: Narón

Un hobby: Deporte

Unha comida: Calquera ben preparada

Un soño: Repetir o da tempada pasada

Como valoras a tempada Lidia? Está indo ben, non?

A valoración é moi positiva. Estamos a oito partidos do final e de momento estamos aí arriba.

Como se atopa o equipo? Que tal estades de ánimos? E en canto a lesións e esas cousas?

A verdade é que a maioría estamos sobrecargadas e con molestias, pero imos aguantando. Estamos moi motivadas e ese ánimo dánolo os resultados. Ata agora estamos con dúas baixas, Paula e Maite pero iso, motivadas e con moitas ganas.

E a nivel persoal como te atopas ti? Como valoras o teu traballo?

Atópome ben aínda que os partidos nótanse e van minguando cada vez máis. E simplemente son unha xogadora máis, que achego todo o que podo sempre en cada partido.

Cales dirías que son os vosos puntos fortes en comparación cos demais equipos? E os débiles?

O noso punto máis forte é a rapidez, todas achegamos todo o esforzo que podemos en cada partido e somos un equipo rápido. En canto ós débiles, diría que sobre todo o feito de que somos un cadro moi curto, e case non temos cambios. Iso dificulta as cousas.

Gañar a liga sería…

“O noso punto máis forte é a rapidez, todas achegamos todo o esforzo que podemos en cada partido”

Asombroso, repetir un soño.

Fálanos dos teus principios Lidia. Como empezas a xogar ao FS e por que? Non é o deporte típico das nenas non? (Por sorte esta pregunta cada vez ten menos sentido, pero na nosa xeración aínda…)

Como a maioría, empecei no colexio, porque os meus compañeiros sempre me dicían de xogar con eles e sempre me viñan buscar a min; nunca me importou!

E como foi a túa traxectoria? En que equipos estiveches e como te fuches decantando de que isto podía ser máis que un hobby de fin de semana?

Hai xa catorce anos que comecei a xogar ao fútbol sala, vin que co balón era feliz e non me importaba xogar onde fose; cada vez gustábame máis. Estiven no FS Narón, Valdetires e levo 5 anos no Burela. Sobre todo gústame moito a competición, competir e conseguir metas.

Pódese vivir do fútbol? Sobre todo, pódese vivir do fútbol sala sendo muller?

Lidia MesiasNon, e sendo muller é máis difícil aínda! A maioría de nós intentamos compatibilizar o fútbol sala con outra cousa como estudos ou traballo, se non é imposible.

Cres que está o suficientemente apoiado este deporte?

Penso que non. O apoio económico é un dos piares fundamentais de calquera deporte e por desgraza hoxe en día o fútbol sala non está o suficientemente apoiado, non como se merece.

Que sentiches no momento que soou o teléfono por primeira vez e che dixeron que estabas convocada para xogar coa selección? Onde estabas e como foi o momento?

Estaba na casa  e dixéronmo algunhas compañeiras do equipo. Non o cría; pensei que estaban de broma. Ata que vin a convocatoria non o crin de verdade. Foi unha sorpresa marabillosa.

“Que me convocaran para a selección dixéronmo as compañeiras do equipo. Pensei que estaban de broma”

E como foi a experiencia?

A experiencia inesquecible.

Supoño que se aprende moito, se coñece moita xente… con que te quedas? Que foi o mellor? E o peor? Se e que o houbo.

Por suposto que si, quedo co conxunto de xente que hai aí dentro traballando e que nos axuda en todo, e tamén co gran grupo humano que se formou. É incrible a coordinación que hai. Se tivera que dicir unha cousa mala… Que rematara!

Lidia MesiasE de afección? Como estamos de afección en España o fútbol sala feminino? E en Burela?

É bastante boa aínda que hai lugares nos que se vive máis que noutros, hai algúns sitios nos que son máis apaixonados por este deporte. Da afección do Burela, que vou dicir? É a mellor e axúdanos moito en cada partido que xogamos. Temos que  darlle as grazas por estar sempre aí.

Como valoras os últimos partidos?

Imos gañando e resolvendo con algunhas dificultades, e con moito traballo tamén! Pero continuamos sumando puntos que é o importante.

Como foi o partido da última xornada? Navalcarnero era un rival complicado…

Esperábase un gran partido e así foi. Foi un partido aberto ata o final onde ambos equipos estivemos loitando pola vitoria, que ao final se decantou do lado do Atlético. Elas, a diferenza nosa, souberon aproveitar as oportunidades que tiveron. Non obstante, a pesar da derrota, era un partido máis dos moitos que nos quedan, onde se xogaban tres puntos e agora non podemos lamentarnos. Temos que seguir traballando ata o final porque aínda quedan sete partidos e poden pasar moitas cousas. Agora ó pensamos no partido do Móstoles, que é o máis importante.

E como se presenta ese encontro? Xogades na casa que sempre é importante e o Móstoles a priori é un rival asequible…

Sabemos que o Mostoles, a pesares da situación na que está, é un grande equipo con grandes xogadoras e tamén elas se xogan moito por saír de aí. Así é que van vir moi motivadas e con moitas ganas. Nós temos que facer o noso partido e traballar os 40 minutos para levar os tres puntos.

Moita sorte Lidia!

 Lidia Mesias

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 3 de Abril do 2014 | 6:40 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada