publicidade hoxe
Quico Otero: “Competimos na liga, conseguimos a Copa Xunta e entramos na de España, foi unha boa tempada” - Cabecera

Quico Otero: “Competimos na liga, conseguimos a Copa Xunta e entramos na de España, foi unha boa tempada”

Quico Otero, na semifinal da Copa España (Xuño 2014)

Era a súa primeira tempada á fronte dun equipo feminino, pero se hai algo que lle gusta a Quico Otero son os retos. Amante da competición e do fútbol sala en si mesmo, como adestrador asegura que o máis importante é coñecer ben ás túas xogadoras, esa é a única maneira de facer un verdadeiro equipo. Pesa ás dificultades, el conseguiuno e o título de Mellor Adestrador que ven de recibir confírmao. Todo apunta a que seguirá no banco do Burela a vindeira tempada, aínda que outra das virtudes dun adestrador tamén é a discreción, iso dende logo.

Quico Otero

Nome: Francisco Ramón Gómez Otero (Viveiro, 1961)

Un lugar: Praia de Area (Viveiro)

Un hobby: fútbol Sala

Unha comida: moi da casa, filete con patacas e ovos fritos

Unha virtude: a capacidade de sacrificio

Un defecto: son demasiado confiado

Un soño: continuar adestrando moitos anos

Antes de nada, parabéns Quico, parabéns pola tempada que fixo o equipo. Malia todo non puido ser e a Copa de España que acabou marchando para Madrid. Como foi valoras a vosa actuación? Como foi a cousa?

Ante todo debo felicitar ao Atlético de Madrid pola tempada, tanto na liga regular coma na copa. Queriamos dedicarlle unha boa Copa á nosa afección e estivemos a piques de chegar a final pero o rival soubo xogar moi ben os últimos minutos. Quizais tamén polo cansas que chegaron as miñas xogadoras ao final do encontro. Por iso, a valoración non pode ser positiva, aínda así a afección soubo recoñecer o noso esforzo e deunos unha gran ovación de despedida.

A maiores do propiamente deportivo, que supuxo para o equipo celebrar aquí en Burela esta Copa de España? Tamén é algo importante, non?

A nivel institucional sempre é importante celebrar este tipo de eventos, dálle categoría ao club e ademais sempre hai un respaldo social importante, posto que acude moita xente ao noso pavillón e é un espello para as xogadoras que queren practicar o noso deporte. Ademais o club quere potenciar as categorías de base femininas.

Malia non poder facervos con este título, como dicía, foi unha boa tempada, non? Que opinión tes ti dende dentro?

Empezamos con un plantel moi curto, a xogadora brasileira Marcela que viña a liderar, chegou lesionada e non puido debutar. Isto obrigoume a darlle moitos minutos a xogadoras que agora ao final seguramente as necesitariamos máis frescas. Malia todo isto tamén tivo o seu lado positivo, xa que xogadoras coma Lara dispuxeron de moitos minutos. A pesar de todo, estivemos competindo na liga ata o penúltimo partido e conseguimos a Copa Xunta e entramos na Copa de España. Penso que foi unha boa tempada.

Pregunto pola túa opinión, porque a dos demais xa a coñecemos, ves de acadar o título de Mellor Adestrador de Primeira División Feminina. Que tal senta? Orgulloso?

A pesar de ser un título individual, non o vexo así. Pablo, Neco, Ramón e Alberto foron uns compañeiros de traballo comprometidos e responsables. Estou orgulloso naturalmente, pero polo meu equipo.

E satisfeito tamén co traballo do equipo en si? Algo que dicirlle ás rapazas?

Salvo algunha excepción, estou moi contento ca actitude, a competitividade, o compromiso e a capacidade de traballo que tiveron durante a tempada.

Quico Otero dando organizando ó equipo na semifinal da Copa de España (Xuño 2014))

E en concreto a Peque? Ven de recibir ela tamén o recoñecemento da Asociación Nacional de Adestradores de Fútbol Sala como mellor xogadora…

Peque demostrou estar a un nivel altísimo, ten merecido o recoñecemento de mellor xogadora e máxima goleadora.

Que caian os dous no mesmo equipo, tamén é para destacar, non? Para sacar peito… (Risas)

Son recoñecementos ao traballo dun equipo, naturalmente que sacamos peito.

E ademais contento estás, porque quedas no Burela, non? Firmaches renovación xa?

Está todo moi avanzado.

Ademais foi a túa primeira experiencia cun equipo feminino. Un equipo máis ou tiña unha dificultade engadida por este motivo?

Foi unha experiencia diferente aínda que no deportivo non as atopei.

O que tamén é certo é que chegabas a un equipo cun listón moi alto… Viña de ser campión con dobrete…

Naturalmente, sabía a onde me metía. A min gústame competir, e o reto era moi grande. Perdemos xogadoras de gran nivel e esperemos que pouco a pouco o equipo que se está formando chegue a ese nivel.

Gústache competir, e acadar grandes retos. Tamén en Burela, neste caso co Cefire, conseguiches o ascenso a División de Honra no seu momento. Como recordas aquilo?

Iso xa queda lonxe, aínda que naturalmente nunca o esquecerei…Burela Pescados Rubén tras rematar a Copa de España 2014 xogada en Burela

Desta pregunta estarás farto xa, pero cales son as principais diferenzas entre un equipo masculino e un equipo feminino? Ou son tópicos?

As maiores diferenzas posiblemente estean na potencia e na velocidade, que si que son algo diferentes. Agora ben, no demais están equilibrados.

Que é o máis importante nun adestrador?

O máis importante é coñecer ben ó teu equipo, persoal e deportivamente. Esa é a maneira de poder sacarlles o máximo rendemento. Intentar ser xusto, aínda que iso é o máis difícil. Os xogadores e xogadoras pensan máis neles mesmos que no grupo, si logras facer grupo é máis fácil.

Como comezaches ti nesta profesión? Cando e por que te fixeches adestrador?

Empecei a adestrar un equipo para xogar os maratóns e gustábame a riqueza táctica e estratéxica que tiña este deporte. Algunhas delas perdéronse un pouco e deberiamos recuperalas, aínda así segue a ser un deporte bonito para ver e xogar.

Que momento deportivo che gustaría vivir? Con que título ou en que situación che gustaría verte?

Confórmome con seguir adestrando neste deporte que me apaixona, e si o merecemos agradezo todos os títulos que veñan.

E xa para ir rematando Quico, algunha novidade que nos poidas adiantar? Algún fichaxe na mente de cara a vindeira tempada? Algunha saída próxima?

Primeiro confirmar a miña continuidade, despois xa falaremos.

Grazas Quico.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 16 de Xuño do 2014 | 12:40 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada