
Borja Ríos: “No Taekwondo o aspecto mental é importantísimo”
Foi tantas veces campión de e subcampión de España que unha xa perdeu a conta. Borja Ríos é un dos representantes dunha xeración que está a poñer ó Taekwondo galego no máis alto. No máis alto dos pódios e no máis alto dos rankings, a pesares de que no máis alto das prioridades institucionais segue sen atoparse. O último metal deste pontevedrés, chegou hai apenas uns días, en Castellón. Unha prata no Open de España que vale aínda máis polas forzas que da. Todo un impulso para comezar a mirar xa cara a próxima tempada. |
![]() Un lugar: a praia Un hobby: se podo vou facer Snowboard ou xogar ó fútbol cos amigos. Pero o que máis fago é ver moitas series e películas (risas) Unha comida: creo que é a pregunta máis difícil! Pero si teño que escoller un bo cocido galego, sexa na época que sexa (risas). Unha virtude: son moi observador Un defecto: a inseguridade Un soño: ir ás olimpíadas |
En primeiro lugar Borja, parabéns por esa prata que ves de conseguir en Castellón, que tal? Como foi o campionato?
Pois eu torcera o nocello esa semana, e doíame un pouco ó golpear, pero ó acabar o primeiro combate (que foi contra un rapaz de Portugal) fixéronme unha vendaxe moi boa e nos demais combates xa non notei molestias. O segundo foi contra un catalán e as sensacións xa foron moito mellores. Encontreime mellor e máis confiado. O terceiro foi outro catalán e aí máis asentado aínda, ata que chegou a semifinal que foi contra un gran rival e amigo, Nuno, de Portugal.
Un combate o da semifinal que disfrutaches moito, non?
Si! Foi o combate máis axustado e estratéxico, e a verdade é que o disfrutei como facía tempo que non disfrutaba un combate. A final contra Mario Silva estivo bastante axustada. En xeral tiven boas sensacións. Este ano compito na categoría olímpica de 58 kg e neste campionato, así como no nacional universitario competín na que era a miña categoría os anos anteriores, 63 kg. Así é que me encontrei máis forte, rápido e áxil, tanto mental como fisicamente.
Este ano revalidaches o título de Campión de España Universitario por terceiro ano consecutivo, non si? Como foi este campionato e como valoras estes tres títulos?
Si, a verdade é que o campionato foi bastante divertido. No equipo da universidade hai un gran grupo e coñecémonos todos. É un campionato moi bonito e sen tanta tensión como o resto, iso faiche gozar máis. Estes tres títulos axúdanme a continuar, e a recordar que aínda habendo malos momentos sempre se pode levantar cabeza. Dan confianza para seguir adiante.
Ademais tamén es subcampión de España absoluto deste ano…
Para ser a primeira vez que competía en -58Kg non estivo mal! Sempre vas coa esperanza de gañar pero…
De cal dos teus títulos ou campionatos estás máis orgulloso?
Do que me sinto máis orgulloso é do mundial universitario. Un mundial é un mundial…
Como foi a experiencia da selección? Como se viven eses momentos en conxunto?
Como levo competindo coa selección dende pequeniño, e os meus compañeiros tamén , pois cando imos a campionatos xuntos somos como unha pequena familia. Coidamos os uns dos outros, axudámonos e apoiámonos no que sexa. Cada vez que compite un é como si estivera competindo unha parte de nós. Son moitas horas de convivencia e non as cambiaría por nada.
Que obxectivos tes? Que metas te marcaches?
Bueno, esta tempada só me queda o Open de Suíza do 6 de xuño. Adestrar seguirei adestrando e axudando a Lúa, que ela ten o Gran Prix dentro de pouco e como che dicía, axudámonos sempre os uns ós outros. Os meus obxectivos para o ano que ven son gañar o nacional sénior, colocarme o máis alto posible no ranking e competir no campionato do mundo.
Si, o Open de Suiza os días 6,7 e 8 de xuño, irei na categoría de -63Kg e espero que se me dea tan ben coma este pasado Open de España, aínda que está difícil , intentarase (risas).
Como te atopas nestes momentos? Que tal estás fisicamente?
Bueno, neste Campionato fixen unha escordadura no dedo e xa tiña esa pequena no nocello… Pero hai que seguir adestrando e recuperando estas pequenas lesións porque a verdade é que estou a un nivel de forma bastante bo. Aínda que queda moito por mellorar e moitos detalles que matizar… (risas).
E a nivel mental? Como estás de motivación? Atópaste forte?
A verdade é que este Open e este campionato universitario déronme bastantes forzas, que xa levaba unhas cantas probas sen pasar de segunda rolda, e queiras que no iso sempre afecta un pouco…
Nestes momentos a que nivel estás adestrando Borja? Cantas horas ó día adestras?
Adestro catro horas diarias, dúas sesións ó día de dúas horas cada unha. Os sábados e os domingos fago unha soa sesión, se non é no Centro de Tecnificación como pola semana, fágoa co meu irmán no club HEBE ou vou a correr ou algunha outra cousa.
Estás centrado no Taekwondo ou queda tempo para máis cousas? Estudos, traballo?
Centrado estou no Taekwondo, e algo de tempo queda, pero pouco. Estudo Fisioterapia na Universidade de Vigo e dou clases de Taekwondo en Taekanart, que é o club do meu irmán. É difícil, pero hai que compaxinar, porque do Taekwondo non se pode vivir.
Esa era a miña seguinte pregunta, difícil vivir disto…
En España como moito consegues algunha beca pequena ou algo así… Pero non da para moito. Con iso pagas algunha das viaxes e pouco máis…
E como xurde todo isto no teu caso Borja? Creo que o do Taekwondo che viña xa no sangue, non? Case era obrigatorio comezar… (Risas)
(Risas) Pois si! Meu tío tiña un ximnasio e eu estaba alí, xogaba cos nenos e pouco a pouco foime gustando cada vez máis… De pequeno combinaba fútbol con Taekwondo, pero chegou un momento que xa non me daban as horas e tiven que decidir.
Cando deixou de ser un hobby e pasou a ser máis seria a cousa a nivel competición?
Xa dende pequeno empecei a ir a campionatos nacionais. Creo que ós 10 anos máis ou menos, pero non de combate claro, de pumses e exhibición. Seria, o que se di seria, a cousa púxose cando quedei por primeira vez campión de España Sub-21. A partir de aí empecei a adestrar máis e despois de ir ó Europeo Sub21 entrei no Centro de Tecnificación e empecei a tomalo en serio de verdade! (Risas)
Nunha ocasións dixeches que a medida que fuches medrando, evolucionaches no aspecto mental. A que te refires?
Antes era moi conservador y pouco ofensivo, era demasiado defensivo e arriscaba moi pouco o case nada. Todo iso limitábame bastante á hora de competir. Agora son un competidor moito máis agresivo, máis mentalizado nas cousas que teño que facer e sempre buscando opcións novas, sen limitarme ó seguro.
E é que o aspecto mental xoga un papel importante neste deporte, non?
No Taekwondo o aspecto mental é importantísimo. Ás veces veste co marcador por debaixo e no es capaz de puntuar e hai que manter a calma e seguir buscando opcións para puntuar sen desesperarse. Neste deporte si desesperas é moi fácil que te marquen una patada na cabeza de tres puntos e se despeguen máis no marcador. As cousas chegan por si soas pero hai que estar aí para collelas! (Risas)
Que supón o Taekwondo para ti? Que papel xogou na túa vida?
Agora mesmo supono todo! Cada vez que vou a un campeonato son moi feliz, a sensación de estar no pavillón cos teus vendo o deporte que amas e ó máis algo nivel, é incrible! Bueno e competir xa é como unha droga, sempre queres máis e máis! A verdade estou moi centrado no Taekwondo agora mesmo, pero sen deixar os estudos nin o traballo, porque amor polo deporte si, pero hai que ser consciente que isto non dura para sempre e de algo hai que vivir…
Como te ves no futuro? Que metas te marcas máis a longo prazo?
Pois si puidera chegar á olimpíada, porque non? (Risas)
Grazas por conversar connosco Borja!