publicidade hoxe
Ramón Martínez: “O ascenso suporía o orgullo de que o equipo volva subir por méritos propios” - Cabecera

Ramón Martínez: “O ascenso suporía o orgullo de que o equipo volva subir por méritos propios”

Ramón Martínez

Ramón Martínez, é un deses capitáns con todas as letras. Un deses xogadores que nace no seu club, que se forma no seu club e que acaba volvendo a el para encher de alegrías á afección, ou o que é o mesmo, ós seus veciños. O Mecalia Atlético Novás está a piques de xogar unha Fase de Ascenso que suporía, non só o regreso á División de Honra Prata, senón tamén, o colofón final a unha tempada de 10.

Ramón MartínezNome e apelidos: Ramón Martínez Fernández

Un lugar: Muíños do Folón

Un hobby: balonmán e sendeirismo

Unha comida: peitugas de polo con puré de patacas

Unha virtude: simpático e alegre

Un defecto: algo cabezón

Un soño: ascender a División de Honra Prata e viaxar máis

Antes de nada Ramón, parabéns pola tempada que fixestes! Supoño que contentos cos resultados, non?

Pois si, gañamos todos os encontros excepto un e iso é unha ledicia! Ademais xogando a un bo nivel a pesar das moitas lesións que tivemos.

Era a fase de ascenso o voso obxectivo? Como foi evolucionando a tempada?

O equipo fíxose pensando en acadala fase. Todo o contrario sería algo de decepción por todo o  traballado durante o ano. Temos un equipo moi equilibrado, fanse cambios e non se nota diferenza de un a outro.

O que toca agora, dende logo sinxelo non é! Como ves a fase de ascenso? Complicada?

Na fase de ascenso todos partimos coas mesmas opcións, pero si é certo que nos temos o factor cancha que nos vai dar moitos ánimos para dalo todo e moito máis. Os equipos que chegaron a fase e por méritos propios.

Son tres equipos en tres días, non? Cóntanos como vai a cousa e sobre todo como a valorades. Moi duro?

Si, o sistema é así. Consiste nunha liguilla entre os catro equipos que forman o grupo, nos que xogamos todos contra todos. E claro que é duro, os que non estean ben fisicamente vano pasar mal.

Cal dos rivais se presenta como o máis perigoso?

Para min os tres, non me fío de ninguén! Pero se tivese que escoller un, diría que o Nava. Aínda que quedou segundo no seu grupo, é un equipo con experiencia en fases de ascenso e que leva anos pelexando por subir.

Ramón MartínezO que é de agradecer, como dicías, é xogar na casa. Imaxino que isto daravos máis forzas, non?

Pois si, é un factor moi importante. O pavillón estará a reventar e apoiándonos do principio ao final, será un inferno seguro!

Como están as cousas no vestiario? Por unha banda, a nivel físico como vos atopades? E por outra, a nivel anímico?

No vestiario somos como unha familia. Estamos moi unidos. Fisicamente penso que ben, ademais levamos moito tempo preparando esta fase.

“Na fase de ascenso todos partimos coas mesmas opcións, pero si é certo que nos temos o factor cancha”

Pode pasar factura o cansazo?

Non penso que o cansazo nos pese. Xogando na casa penso que iso non debería existir.

E agora imos falar de ti Ramón (que medo!). Es un dos xogadores da casa como se adoita dicir, non? Por que decidiches escoller este deporte en lugar do fútbol? (A pesares de que había unha oferta do Celta, tamén non?)

A casa dos meus pais está pegada ao pavillón, entón nun principio compaxinaba o balonmán co fútbol. Pero ó final escollín o balonmán porque non me gustaba xogar á chuvia… E menos sendo porteiro!

Ramón MartínezComo recordas a túa etapa no Octavio? Como foron aqueles anos?

En xuvenil chamoume Octavio, onde xa estaba o meu irmán maior. Foi no mesmo momento no que me chamaron para facer unha proba co Celta, pero eu preferín tirar polo “seguro” xa que ademais así podería seguir vivindo con Pablo, meu irmán. Foron 3 anos, e a verdade é que foi unha etapa moi bonita na que tiven a sorte de aprender moito.

“Para min o Novás éo todo deportivamente, é o club do meu pobo”

Naquel tempo pasaches por varias categorías, chegaches a xogar en Asobal?

En Asobal non cheguei a xogar naquel momento, era xuvenil e adestraba co segundo  e o primeiro equipo, con xente coma Lvov, Valenzuela, Mikulic, e como non Jacobo Coello, compañeiro actualmente.

Ramón MartínezE como foi a volta? Por que decidiches volver e como foi esta segunda etapa no Rosal?

A volta foi xusto un ano despois de que o Novás ascendera a Primeira Nacional e a acollida foi moi boa. Cheguei co meu irmán e con Jacobo. Un dos motivos foi que en Vigo houbo algunha diferenza e non acabamos moi ben (…), ademais de que o proxecto do Atlético era moi interesante, e como se soe dicir, como na casa en ningún lado!

Que significa o Atlético para ti? Que significa este club na túa vida?

O Novás éo todo deportivamente, é o club do meu pobo, cunha afección incrible da que todos estamos orgullosos. Sacando os tres anos que estiven fora, o resto da miña vida deportiva está no Rosal, ata o punto de descartar a volta ao Octavio en Asobal fai uns anos.

Será bonito ser o capitán, non?

Claro que si, está moi ben xa que representas a todos os teus compañeiros, é algo do que se pode presumir. Aínda que tamén é certo que ser a voz do vestiario ás veces trae os seus problemas…

“Momentos recordo moitos; a selección galega en xuvenís, a absoluta, e sobre todo, o ascenso en Huesca”

Sei que non dirás nada malo, pero que lle dirías a esa afección da que falabamos? 

Pois que para todos é unha das mellores afeccións de España, pero para min é a mellor.  Sempre está aí, tanto nos partidos coma antes ou despois deles, apoiándonos e enchendo o noso templo todos os sábados. Non fai falta que pida a súa resposta a próxima semana, xa sei que aí estarán.

Como te defines como deportista Ramón? Cales dirías que son as túas mellores calidades? E as peores?

Para iso sería mellor preguntar aos meus compañeiros ou rivais, xa que non me gusta definirme a min mesmo. Se teño que dicir algo é que son un extremo rápido e con variedade de lanzamentos. O peor? Que moitas veces fago difícil o máis fácil.

Ramón MartínezE con respecto ó equipo? Que é o mellor que tedes? E aquilo que deberiades mellorar?

O mellor é a unión que hai no vestiario, somos unha familia aínda que cada ano entre xente nova. Temos unha boa base dende a portería, defensa, bo lanzamento exterior e uns grandes finalizadores. No que deberiamos mellorar é na concentración, xa que nalgunha ocasión ímonos do encontro nalgunha fase.

Cal foi o momento máis doce que viviches na pista ó longo da túa carreira? 

Teño varios, como as chamadas do Octavio e da selección galega en xuvenís, ir á selección galega absoluta, e sobre todo, o ascenso en Huesca fai unha década.

E o máis amargo?

O peor de todos, o de perder a un gran compañeiro e amigo, como Pablo Herbello. Foi un golpe durísimo para todos.

“Encheríame de orgullo acadar o ascenso e aínda enriba que sexa comigo como capitán”

Que suporía acadar o ascenso? Que significaría para vos?

O ascenso suporía o estar na categoría que coido merecemos. Iso faría feliz a moita xente do Rosal e encantaríanos volver a pelexar nesa liga.

E para ti a nivel persoal?

Para min suporía volver a cadrar con xogadores de gran nivel, e sobre todo, o orgullo de que o equipo volva subir por méritos propios. Encheríame de orgullo que aínda enriba sexa comigo como capitán.

Pois moita sorte Ramón!

Ramón Martínez

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Abril do 2014 | 4:50 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada