Silvia Aguete: “Está sendo unha tempada incrible, tanto no persoal coma no deportivo”
Silvia Aguete ten 26 anos, está estudando na universidade, gústalle xogar ó pádel e a súa comida preferida son as albóndegas. Ata aquí unha descripción que ben podería ser a de calquera rapaza do seu tempo. Pero non, non é calquera rapaza. Silvia é unha das mellores porteiras de fútbol sala de España. Aí é nada. Despois de asistir á súa primeira concentración coa selección nacional, finalmente quedou fora da convocatoria para disputar o Mundial, polo que o seu debut coa absoluta terá que agardar. Malia todo amósase máis que contenta por ter estado entre as mellores e continúa traballando máis duro se cabe. E é que se ten algunha cualidade que case lle fai sombra á faceta deportiva, dende logo, é a esixencia. |
Nome e apelidos: Silvia Aguete Outón Un lugar: Cádiz Un hobby: o pádel Unha comida: as albóndegas Unha virtude: a humildade Un defecto: teño moito carácter Un soño: vivir deste deporte |
Que tal está sendo esta primeira tempada no Poio? Que tal te afixeches ó equipo?
Está sendo una tempada incrible en moitos sentidos, tanto no persoal coma no deportivo. Ó principio sempre custa adaptarse a un novo club, sobre todo a un novo vestiario, pero puxéronmo moi fácil dende el principio.
Ademais vindo do eterno rival, o Leis Pontevedra. O cambio é significativo, non? Pasaches de ver o Pavillón da Seca en contra túa a velo apoiándote…
A verdade é que é unha sensación moi distinta á vivida no Leis, pero en calquera caso sempre é de agradecer que a afección te arroupe nada máis chegar. Están sempre, ás duras e ás maduras, é una afección moi fiel ó seu equipo.
Tamén está sendo o teu primeiro ano xogando en Primeira División, e o primeiro ano do equipo, que acaba de ascender. Como o estades levando?
Nótase moito o cambio de categoría, en canto á intensidade e sobre todo, á calidade das xogadoras que teñen tódolos equipos da liga. Quizais este ano estamos pagando a inexperiencia pero estamos traballando moi duro para obter o mellor resultado posible no noso debut.
Como ides na clasificación? Satisfeitas co traballo que estades a facer? E a nivel persoal? Satisfeita coa túa actuación?
Estamos moi contentas co traballo que estamos realizando, loxicamente sempre se pode mellorar en moitos aspectos pero para ser o noso primeiro ano na primeira división… Non está nada mal!. A nivel individual, eu son unha persoa moi esixente comigo mesma e agardo poder dar moito máis de min.
“É unha pena non poder ter dedicación exclusiva como ocorre no caso do fútbol sala masculino” |
A que te dedicas fora da pista de fútbol? Está sendo duro compatibilizar esta faceta coa túa vida? Supoño que a familia e os amigos pouco che verán o pelo…
Intento compatibilizar estudos, traballo e deporte, pero é moi complicado. No fútbol sala feminino a maioría das xogadoras atopámonos na mesma situación… É unha pena non poder ter dedicación exclusiva como ocorre no masculino.
Ti xa tiveras noutras ocasións a oportunidade de xogar en Primeira División, xa recibiras ofertas doutros clubs. Por que non te decidiras antes a deixar o Leis?
Si que é certo que me chamaran noutras ocasiones, pero eu sempre antepuxen os meus estudos e a miña familia, e na maioría das ocasións o cambio supoñía trasladarme a outra cidade, con todo o que isto leva consigo… Finalmente decidinme polo Poio porque necesitaba experimentar o que era xogar en primeira división, e ademais neste caso tiña a vantaxe de poder facelo ó lado da casa… Non había ningún motivo para deixar pasar esta oportunidade.
Como tomaron a noticia as túas ex compañeiras? Foi unha saída amistosa?
No Leis ademais de ex compañeiras teño moi boas amigas e, nada máis coñecer a noticia, alegráronse moito por min.
Que sentes cando escoitas dicir que es unha das mellores porteiras de España?
Sempre te fai sentir ben que a xente que te ve no campo teña unha boa opinión sobre a túa forma de xogar, pero son consciente de que podo mellorar en moitos aspectos e que nesta categoría hai moitas porteiras cun nivel moi alto.
E que sentiches cando fuches convocada para xogar coa selección española? Como foi aquela experiencia? Cóntanos.
“Ir concentrada coa selección española foi unha das experiencias máis bonitas que me deu este deporte en todos estes años.” |
No o esperaba para nada, unha sorpresa. Convocada coa selección española? Foi unha das experiencias máis bonitas que me deu este deporte en todos estes años.
Supoño que se aprende moito, se coñece moita xente,… Con que te quedas?
O mellor foi poder traballar con grandes profesionais deste deporte e poder aprender o máximo deles, ó igual que das miñas compañeiras.
Recibir esa convocatoria é un premio a toda a túa carreira e ó traballo feito ata este momento. Cando comezou todo isto? Como comezas a xogar ó fútbol e por que?
Empecei dende moi pequeniña a darlle patadas a un balón, máis que nada porque este deporte sempre estivo moi presente na miña casa, e queiras que non todo se acaba pegando… (Risas)
Como descubriches que o teu era a portería?
Púxenme baixo paus de pura casualidade nun adestramento e descubrín que se me daba mellor parar balóns que metelos (Risas). E dende aquela ata agora.
Aínda que por sorte isto cada vez ocorre menos, cando eras pequena á xente non lle soaba raro que unha rapaza quixese xogar ó fútbol?
No era o máis común, cando eu empecei era un deporte minoritario entre as rapazas, practicamente no se vía a ningunha. Hoxe en día iso cambiou pero aínda queda moito por facer
Que che dicían na casa? Que pensaban a familia e os amigos?
Na miña familia estaban encantados porque o deporte sempre o tiven moi presente dende moi pequena, sobre todo o fútbol, así que foi algo moi normal. E con respecto ós meus amigos máis do mesmo. De feito ós meus mellores amigos coñecinos practicando este deporte.
“Púxenme baixo paus de pura casualidade nun adestramento e descubrín que se me daba mellor parar balóns que metelos” |
En que situación cres que se atopa o deporte feminino? Cres de debería recibir máis apoios dos que ten?
O deporte feminino sempre estivo nun segundo plano. En moitas ocasións sentes pena de que o traballo que estas realizando no teña o recoñecemento que merece. En calquera caso hoxe en día xa cambiou moito a cousa e esperemos que a balanza se vaia equilibrando.
Como se adoita dicir, en España o que non é fútbol non aparece en ningún lado…
O fútbol move masas e é moi difícil facerlle sombra, pero esperemos que pouco a pouco deportes como o noso se vaian facendo o seu oco.
Malia todo, en Poio á afección é impresionante. E non é por mor do ascenso porque dende sempre o público apoiou moito ó equipo. De feito cando o equipo era de segunda a todos os visitantes lles chamaba a atención o público que había…
Temos unha afección impresionante que nos apoia todas as fins de semana no pavillón da Seca. A verdade é que temos que estar moi agradecidas nese sentido porque sempre están ó cen por cen con nos.
Que obxectivo vos marcades para esta tempada? E de cara á que ven? Ides pensando xa nela?
Esta tempada o noso principal obxectivo é asegurar a permanencia, pero en calquera caso, sempre é importante mirar cara arriba e intentar situarnos o mellor posible. De feito estamos traballando moito para elo. Con respecto ó ano que ven aínda é moi precipitado pensalo… Hai que ir paso a paso.
E a título persoal, como se che presenta o teu futuro? Verémoste por Poio por moito tempo ou tes outros proxectos en mente?
A día de hoxe so penso no Poio e nos meus estudos, prefiro non pensar moi a largo prazo… (Máis risas).
Moitas grazas Silvia e moita sorte!