publicidade hoxe
Chiqui: “O obxectivo era estar en Copa e mentres matematicamente sexa posible, pelexaremos” - Cabecera

Chiqui: “O obxectivo era estar en Copa e mentres matematicamente sexa posible, pelexaremos”

Chiqui

Esta  á a súa quinta tempada no Ponte Ourense o que a converten nunha das veteranas e, sen dúbida, nun dos estandartes do equipo. Unha lesión inoportuna puxo fin antes de tempo á tempada de Jessica Diéguez, máis coñecida como Chiqui no mundo deportivo. É a segunda vez que a mala sorte se ceba con esta ourensá que, malia todo, motiva como a que máis as súas compañeiras e non perde as esperanzas copeiras.

ChiquiNome e apelidos: Jessica Diéguez Fernández “Chiqui”

Idade: 23 anos

Lugar de nacemento: Verín

Estudos: Ciclo Superior Técnico en Actividades Físico Deportivas e cursando actualmente o Ciclo de Fútbol Sala

Profesión: socorrista

Hobbies: ademais do fútbol sala; a música, tocar o violín e as amigas!

Como se atopa o equipo Chiqui? Como estades nestes momentos?

Bueno, pois as baixas están a pasar factura. Arrastramos lesións e a que máis e a que menos está tocada… Pero no que se refire ós ánimos estamos moi ben. Tivemos un principio malo, pero estamos moito mellor.

Estades pola metade da táboa, cambiastes un pouco os obxectivos iniciais?

Comezamos a tempada mirando cara arriba iso está claro. O noso obxectivo era facernos coa Liga e coa Copa Xunta de Galicia, e entrar en Copa de España tamén. A medida que foron pasando os partidos a cousa complicouse un pouco… Sabemos que agora mesmo o obxectivo da Copa xa está moi complicado, pero mentres matematicamente sexa posible, aí estaremos.

A esperanza non se perde…

Claro que no! Motivación cen por cen!

O principio da tempada foi difícil. E pasar por un cambio de adestrador sempre é complicado…

Si, non foi o mellor comezo, iso está claro. Fixemos unha moi mala primeira volta e iso acábase pagando. Non sabemos moi ben que nos pasou, pero o caso é que adestrabamos ben e iso despois non se reflectía nos partidos. No que se refire ó cambio de adestrador, a verdade é que nos adaptamos moi ben e a partires de aí tivemos mellores resultados. Así é que motivación haina!

Bueno, a posibilidade de entrar en Copa aínda está aí, e sobre todo, a de acadar a Copa Xunta tamén. Xa estades na final…

Si. Estamos na final e agora toca pelexar por ela. Non queda nada xa, en Maio tocará xogar de novo contra o Burela, que é o outro finalista, e neste caso non se pode fallar.

Si, porque a xornada pasada non houbo tanta sorte co Burela, acabastes caendo por ?

ChiquiNon, a verdade é que non. Fixemos un bo partido e puxémosllo difícil pero non puidemos facernos cos puntos. Empezamos facendo moita presión e aínda que elas foron as primeiras en marcar, empatamos rápido e o partido púxose moi intenso por ambas partes. Elas fixeron o segundo antes do descanso e aí xa, pouco a pouco fóronnos poñendo as cousas máis difíciles. Intentámolo de cinco pero… Non puido ser.

Falabamos das lesións ó principio e de feito ti non estás a xogar. Non poderás volver á pista esta tempada?

En principio está complicada a cousa… Teño unha luxación da rótula que fixen adestrando e foi cousa de varias semanas… Toca repouso.

Rabia?

Si.. Sobre todo porque xa me pasou o mesmo o ano pasado e non puiden acabar a tempada. Pero bueno, é o que hai! A apoiar ó máximo o equipo dende fora.

Son xa cinco tempadas no Ponte Ourense Chiqui, toda unha vida… (Risas)

A verdade é que si. Comecei a xogar no Verín e despois, dende que me chamaron de aquí, aquí quedei. A verdade é que é un luxo, estou moi contenta.

E con este equipo de feito acadaches moitos títulos, fainos un resumo.

Pois gañamos unha Liga fai dúas tempadas e tamén unha Supercopa de España e unha Copa Ibérica, ademais da Copa Xunta en varias ocasións. Uns moi bos resultados nas últimas tempadas. A espiña que nos queda cravada é a Copa, que é o título que nos queda por acadar, pero xa chegará!

ChiquiDespois a selección galega, que tampouco hai que esquecela…

Non! Que te chamen da selección sempre é unha alegría, por suposto! Coa selección quedamos subcampionas nun territorial de feito. Unha gran experiencia.

Esta semana toca descanso. Que virá ben, non?

Si, para recuperar sempre ven ben! É certo que ás veces con tanto parón tamén se perde ritmo, rompes a dinámica e a nivel físico ata pode ser contraproducente. Pero a nós neste caso vennos ben.

E a seguinte xornada,  día 26, toca Vallirana, recén ascendido, en postos de descenso… Debería ser un rival asequible…

Si, de entrada debería selo, pero non se pode baixar os brazos iso está claro. A priori imos con moitas posibilidades e temos que estar centradas e facer o noso xogo.

Pois moita sorte Chiqui e ata a próxima!

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 16 de Abril do 2014 | 2:56 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada