Óscar Graña: “Para loitar por revalidar o título, teríamos que pagarnos a viaxe”
Así de dura é a vida do padexeiro. Non só na auga libran as súas batallas estes “superhomes”, a peor loita case é a dos despachos. Óscar Graña é tres veces Campión do Mundo, outras tres subcampión e bronce en dúas ocasións. Ademais conta no seu haber cunha morea de títulos europeos e podios de todos os tipos e cores. Sen embargo agora, se quere volver a pelexar porque España se sitúe de novo na elite do piragüismo mundial, ten que costearse a viaxe a Eslovaquia xunto co seu compañeiro Ramón Ferro. Imaxinan a selección de fútbol nunha situación semellante? Non, probablemente non.
Óscar Graña Blanco Un lugar: Pontevedra Un hobby: Calquera competición deportiva Unha comida: Un bo chuletón Unha virtude: A constancia Un defecto: Intentar ter todo previsto de antemán Un soño: Ser felz |
Antes de nada parabéns por ese premio que ves de recibir hai uns días. Premio Cidade de Pontevedra, orgulloso supoño…
Pois si, como ti dis moi orgulloso. Porque non é só un recoñecemento ó último ano deportivo, que foi o mellor da miña carreira, senón que supón tamén un recoñecemento por parte das distintas instancias da sociedade pontevedresa, que consideraron que o que fixen e o que fago é digno deste premio. Recibilo supón formar parte da historia da miña cidade e como pontevedrés que son é algo que calquera veciño desexaría. Supón unha gran satisfacción.
A verdade é que non é para menos, porque merecido telo. Vexamos. Só no último ano, campión de Europa e do Mundo, e se miramos atrás xa nin che conto…
Deportivamente o 2013 foi o mellor ano da miña carreira, que ademais foi máis exitosa do que podería ter imaxinado alá polo ano 91 cando empecei a practicar este deporte. Tres títulos mundiais, tres subcampionatos do mundo e dous bronces mundiais, ademais de dous títulos europeos e tres subcampionatos de Europa. Moito máis do que podería ter imaxinado.
A túa modalidade é a de maratón con embarcación dobre, co teu compañeiro Ramón Ferro. Fálanos desta especialidade, din que é unha das máis complicadas, en que consiste? É moi dura?
Trátase de competicións sobre una distancia de 25,8 quilómetros, onde damos seis voltas a un circuíto de 4,3 quilómetros e en cada volta baixamos da piragua para correr uns 200 metros, nese momento aproveitamos para coller algo de auga. Non sei se será a máis complicada, para min é a distancia na que me atopo máis cómodo e na que teño máis experiencia. A duración da proba rolda as dúas horas e o peor tramo é cando chegas a hora e vinte máis ou menos… Se non dosificaches ben e non te mantés hidratado, chegan os desfalecementos, calambres,…
E por que maratón? Sempre competiches nesta modalidade?
Empecei facendo distancia corta, pero no acababa de callar. Dinme conta de que ía mellor na media distancia e a partir de aí empecei a adestrar distancias máis longas. Orienteime a carreiras de medio fondo e empecei a quedar ben así que xa fun tirando cara a distancia longa.
Ser campión do mundo é o máximo soño de calquera deportista. No teu caso, cal é o título que máis valoras? Houbo algún campionato especialmente duro?
“Cruzar a liña de meta en primeira posición fai que toda a dor que traes acumulada das voltas anteriores desaparez” |
Si que é verdade que gañar un mundial é o máximo que podes pedir, polo menos na miña distancia, cruzar a liña de meta en primeira posición fai que toda a dor que traes acumulada das voltas anteriores desapareza e parece que ata che aparecen as forzas para seguir dando voltas… (Risas). O mundial que recordo con máis cariño é o do 2012 en Roma, porque foi un ano especialmente dificultoso e con moitas trabas ó longo de toda a tempada. Non partiamos como favoritos e máis de un xa dicía que non tiñamos nada que facer. Ó final gañamos e foi unha maneira de reivindicarse e calar moitas moitas.
Naquel momento por cuestións persoais chegaches a dicirlle a Ferro que se buscase outro compañeiro…
Si. No ano 2011 despois de ser campión de Europa, tiven que renunciar a participar no mundial de Singapur, xa que o mesmo día do campionato tiña unha proba de ascenso do traballo. Renuncio ó Mundial, aprobo o exame e ascendo, polo que a partir de aí teño que marchar catro meses a Ávila. Aí foi cando lle dixen a Ferro que buscase outro compañeiro parao Mundial do 2012. Pero el dime que no, que estea tranquilo e que adestre o que poida. Cando volvín de Ávila foron tres meses de adestramentos durísimos, e ó final conseguimos chegar a Roma en condicións e gañar o Mundial. Como dicía, ninguén daba un duro por nós e foi un momento deses que non se poden explicar con palabras.
Por que non é unha modalidade olímpica o maratón?
Porque a inclusión de novas distancias na Olimpiada depende do COI e iso quere dicir que si se meten novas distancias outras terían que saír, a vila olímpica está limitada para X xente e para que entren uns teñen que saír outros.
Canto tempo levas competindo con Ferro? Como empezastes a adestrar xuntos? Coñeciádesvos de antes?
Con Ferro levo competindo dende o ano 2002. Xuntámonos uns días e decidimos ir a un selectivo nacional. Ese ano perdemos e quedamos na casa, pero a partir de aí decidimos adestrar xuntos e foi o punto de partida de todo isto. Coñeciámonos de competir en regatas autonómicas, levabamos moi ben e incluso nas probas nos axudabamos,unhas gañábaas el e outras eu. Un día comentamos a posibilidade de preparar a maratón e dende ese momento aí estamos….
E como cadrades as vosas vidas para adestrar? Ó fin e o cabo isto por desgraza non é coma o fútbol, xa vemos que do piragüismo non se pode vivir, tendes os vosos traballos…
Como dis, da piragua non se pode vivir, e menos aínda dunha distancia que non é olímpica… Ferro é mariscador, é home de mar e dedícasea navalla e a ameixa. Eu teño máis sorte, son funcionario do Corpo Nacional de Policía, entón permítenme dedicarme máis en exclusiva a adestrar. Dentro do corpo existe a Agrupación Deportiva da Policía e isto permíteme compaxinar traballo e adestramentos, ademais da colaboración dos Xefes da Comisaría Provincial de Pontevedra, que é onde estou destinado. Solemos quedar sobre todo as fins de semana, xa que é cando el no traballa. En período de pre competición si que nos xuntamos 4 ou 5 días por semana.
“Eu ía para o balonmán, pero o dia que quedaramos para ir o club a anotarnos o responsable que tiña que vir a buscarnos non apareceu” |
Supoño que a crise tamén se notará pero a falta de apoios neste deporte creo que xa ven de antes, non si?
Claro que se nota, dende as institucións, a Federación, o Club… Hai recortes en tódolos lados. Está claro que isto non o facemos por diñeiro xa que co que conseguimos non poderíamos vivir
Malia todo son moitos os anos que levas neste deporte, tiñas 13 anos cando comezaches… Como foi aquilo? Como acaba un rapaz desa idade metido no piragüismo?
Pois eu ía para o balonmán, pero o dia que quedaramos para ir o club a anotarnos o responsable que tiña que vir a buscarnos non apareceu (risas). Ó día seguinte decidín probar no club de piragüismo Tampo de Marín, e ata agora.
Incrementouse a afección por este deporte? Despois dos éxitos que se viñeron acadando nos últimos tempos, vai collendo máis adeptos o piragüismo?
Parece que si , que a xente gústalle o piragüismo e que ós nenos pequenos lles tira este deporte e iso é bo. Moita parte da “culpa” tena David Cal, que puxo este deporte no lugar que merece e que fixo que sexa unha referencia en Galicia e en España.
Malia todo, sempre se di que a todo o que non sexa fútbol e como moito baloncesto, non se lle da importancia, aínda é así? Sentídelo así?
Por suposto, esa é a dificultade que temos os que practicamos deportes minoritarios. Mesmo dende as institucións se da esa situación, non é o mesmo ser Campión do Mundo de fútbol que de piragüismo… Pero é o que temos, a sociedade está así montada e pouco podemos facer para cambialo.
Así é que para darlle visibilidade, premios coma este Cidade de Pontevedra, agradécense máis aínda…
Pois si, sacáronme en máis portadas con este premio que cando gañei o título mundial…(Risas)
Ti mesmo dixeras, horas antes de saber a decisión, que ía ser moi complicado, xa que o ano pasado o gañador foi outro padexeiro, David Cal…
Eu pensei que era practicamente imposible que llo deran de novo a un deportista e para máis, a outro padexeiro… Pero ó final caeu! Ademais co peso que tiñan os demais propostos, que eran xente moi influínte en Pontevedra (o avogado Javier Munáiz e o historiador Xabier Fortes).
En canto ó futuro, como ves as novas xeración? Hai en Pontevedra canteira para continuar o bo traballo que vindes facendo ata o de agora?
Si que hai canteira, o problema é conservala. O máis difícil é conservar ós rapaces cando as axudas son escasas e as saídas profesionais practicamente nulas. Ese é o maior impedimento para que poidan dedicarse a isto con tranquilidade.
Xa para rematar, a nivel persoal como se presenta o futuro, Óscar? Que proxectos tedes en mente?
“No sei se poderemos ir, buscaremos apoios e a ver se hai sorte” |
Seguiredes dándonos títulos Ferro e máis ti?
O futuro é seguir adestrando, non sei ata cando (risas de novo!). Temos en mente preparar o Campionato de Europa que será a mediados de xuño en Eslovaquia. Somos os actuais Campións de Europa pero non é seguro que poidamos loitar por revalidar o titulo xa que la Real Federación Española de Piragüismo xa nos dixo que si queremos intentar revalidar o titulo temos que pagarnos a viaxe… No sei se poderemos ir, buscaremos apoios e a ver se hai sorte.