publicidade hoxe
Ceci: “Con Cristiano Ronaldo, con Ronaldinho… Escoitei de todo, e para min é unha honra” - Cabecera

Ceci: “Con Cristiano Ronaldo, con Ronaldinho… Escoitei de todo, e para min é unha honra”

Ceci Puga nun partido do Mundial de Fútbol Sala Feminino 2014

Un ascenso a Primeira Nacional, unha convocatoria para xogar coa selección española e por si fora pouco, un título de subcampiona do mundo baixo o brazo. Este é o balance que pode facer Cecilia Puga dunha tempada, a que está a piques de rematar, que mellor non lle puido saír. A xogadora do Poio Pescamar é unha das pezas claves do combinado nacional que dirixe José Venancio López e, aínda que ofertas seguro que non lle faltan, polo de agora a súa intención é continuar dando guerra no pavillón da Seca por moito tempo.

Ceci Puga

Nome: Cecilia Puga Tejero (Marín, 1987)

Un lugar: a praia

Un hobby: o pádel

Unha comida: solombo por exemplo, unha boa carne

Unha virtude: sempre intento superarme a min mesma

Un defecto: son bastante cabezona

Un soño: seguir estando o máis arriba posible tanto na selección como no Poio

Pasaron só uns meses dende que o Poio Pescamar acadou o ascenso á Primeira División do Fútbol Sala Feminino, como foi esta primeira tempada na máxima categoría?

Pois a tempada foi como esperabamos, unha tempada difícil. Agora xa se nos está a facer algo longa, pero cumprimos co obxectivo que tiñamos nun principio que era a permanencia. Acadada a permanencia podemos sentirnos satisfeitas. Foi un salto de categoría complicado, porque queiras que non houbo que adaptarse a un ritmo de competición máis alto e ó principio custounos adaptarnos. Pero bueno, fomos partido a partido, facendo ben as cousas e logramos manter a categoría que era o importante.

Foi con ese ascenso co que poderíamos dicir que comezou para ti unha nova etapa?

Pois a verdade é que si. Foi acadar o ascenso, empezar a xogar en Primeira División, recibir a convocatoria para esa primeira concentración coa selección española nas Azores e despois xogar o Mundial. Foi vindo todo seguido.

Como te decataches de que estabas convocada para xogar coa selección?

Pois a través do Presidente do club. Chegou un comunicado ó Poio informando sobre a convocatoria, e foi Juanjo o que me deu a noticia. Ó principio case nin o cría… Despois xa chamei a miña nai e xa llo contei a todo o mundo!

Foi unha sorpresa ou agardabas que puidera pasar?

Traballas todos os días para isto e sempre soñas con que chegue ese día. É un soño que tes dende pequena pero que ves tan lonxe que non cres que sexa posible. Creo que por sorpresa cóllete sempre.

A experiencia evidentemente tivo que ser incrible… Que foi o mellor? Con que te quedas?

Con todo! Impresionoume todo dende o principio, empezando polas compañeiras e os adestramentos. Estás adestrando cun grupo que, ademais de ser moi bo a nivel persoal, está formado polas mellores xogadoras de España. Foron 21 días todas xuntas e a experiencia e o aprendizaxe é incrible. E despois a xente, que se envorcou por completo con nós. O Quijote Arena estaba cheo a rebentar, un pavillón que nunca se enchera a pesares de terse xogado nel mesmo o Mundial de Balonmán. Houbo preto de 800 persoas que quedaron fora. Foi moi emocionante.

Ceci Puga nun partido do Mundial contra IránQue tal co adestrador? Estar ás ordes de José Venancio López tamén é unha gran oportunidade non?

Por suposto. José Venancio López é un dos mellores adestradores do mundo neste deporte, e estar ás súas ordes foi unha gran experiencia e un gran aprendizaxe.

Ademais foi chegar e encher, porque primeiro partido e primeiro gol! Que sentiches?

Si… Uf! Todo o que fai o equipo é importante, pero marcar un gol sempre é unha sensación aínda máis forte. No momento non sentes nada porque nin o asimilas. Ata que non pasa un pouco o tempo… Pero nin o gol nin o Mundial en si. É despois cando o ves cun pouco máis de distancia cando te das conta do que realmente significa.

Supoño que dende aquí o Club estaba a morte contigo…

Totalmente. Recibín moitísimo apoio e agradézoo moito porque che da moita forza. Mensaxes do Presidente, do Club en xeral, das compañeiras… Mensaxes a través das redes sociais tamén! Sentinme moi arroupada.

Ó final subcampionas, o resultado é moi bo pero non sei como o valoras ti…

Unha vez que estás aí sempre che queda esa espiña de poder gañar o Mundial e volver para a casa co título debaixo do brazo. Pero unha vez que te paras a pensalo e te das conta… Decátaste de que es subcampiona do Mundo e a verdade é que non está nada mal…

Ceci Puga celebrando un gol coas súas compañeiras da selección

Nada mal? Nótase que como ti mesma dis, es competitiva ehh…

Non me gusta perder a nada! Nunca! Xa dende pequeniña… Agora ben, se perdo, perdo con deportividade, que unha cousa non quita a outra. Pero si, son moi competitiva e sempre intento ir a pola vitoria.

 

 

Precisamente en aprender a aceptar as derrotas traballaches co voso adestrador esta tempada, non? Axudouche Marcio neste senso?

Si, supoño que si. Ó final sabes que isto é así e tes que aprender a levalo do mellor xeito posible. Pode ser que grazas a el fora aprendendo a que non me afectase tanto.

Competitiva e loitadora como Cristiano Ronaldo? Porque son moitos o que te comparan con el…

(Risas) Con Cristiano Ronaldo, con Ronaldinho… Teño escoitado moitas comparacións e loxicamente para min é todo un honor que me comparen con xogadores deste nivel, cun dos mellores xogadores do mundo! Eu encantada.

Cal dirías que é a túa mellor calidade na pista?

Creo que teño a miña personalidade xogando e que esa é a miña maior virtude. Supoño que tamén o tiro e o regate.

E aquilo que tes que mellorar?

Sempre se pode mellorar en todo pero imaxino que en defensa e en estratexia sobre todo.

Ceci Puga noutro partido do MundialCambiaches moito dende os teus comezos?

Home, o paso do tempo e a experiencia sempre che fan cambiar e pouco a pouco vas evolucionando, tanto a nivel de xogo como a nivel persoal. Cambias a maneira de ser e vaslle dando forma á túa personalidade, como xogadora e como persoa.

E a pregunta do millón Ceci, pódese vivir disto? No teu caso, dedícaste en exclusiva ó fútbol?

Non, non se pode vivir disto. Axuda a tirar para diante pero sempre que vaias pensando noutras cousas porque por si só non da para vivir. O malo é que lle dedicas moito tempo, moitas forzas e se te deixas levar, cando te das conta non tes nin anos cotizados nin outra cousa á que dedicarte… Hai que compaxinalo con outras cousas. No meu caso estou preparando oposicións para Policía Local. Neste nivel o fútbol sala esixe sacrificio, porque hai que adestrar horas e viaxar todas as fins de semana… É complicado, pero hai que seguir loitando para que o día de mañá estea máis profesionalizado.

Non te planteas marchar a outros países onde economicamente as oportunidades son moito mellores?

Non, a verdade é que nestes momentos estou moi ben aquí, estou moi a gusto no Poio Pescamar e non teño intención de marchar.

Pois unha alegría que se levará a vosa afección. E que afección ademais…

Si! É das mellores afeccións que hai en España. Sempre están aí apoiándonos e dándonos forzas, son incribles. De feito xa podían ampliarnos un pouquiño o pavillón da Seca que lle vai facendo falta! Estámoslles moi agradecidas.

Ceci Puga posando xunto coas súas compañeiras da selección e a copa de subcampionas

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 16 de Maio do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Dende a Bancada