publicidade hoxe
Moncho Fernández: “A ver se esta vitoria nos da un pouco de tranquilidade” - Cabecera

Moncho Fernández: “A ver se esta vitoria nos da un pouco de tranquilidade”

Moncho Fernandez

Un pouco máis tranquilos, así agardan os de Moncho Fernández afrontar os seis partidos que lles quedan para rematar a tempada. Despois da igualada vitoria desta xornada fronte ó Valladolid (84-83), parece que os nervios están algo máis temperados no Río Natura Monbus, e o futuro vese con máis optimismo.

“Entramos no partido moi ben, tal e como queríamos, e fixemos un traballo defensivo moi bo”

Malia todo na rolda de prensa posterior ó encontro de onte, o técnico asegurou que foron demasiados os erros cometidos, sobre todo nun segundo cuarto que marcou bastante o desenvolvemento do resto do partido.

“Entramos no partido moi ben, tal e como queríamos, e fixemos un traballo defensivo moi bo”. Así definiu Moncho Fernández os primeiros minutos de xogo, minutos que lles permitiron “anotar moito a través de accións defensivas e facer moitos puntos en accións de contraataque, con moita intensidade e fortes no rebote”.

Moncho FernandezNestes primeiros compases non deixaron marxe ó rival, e puxéronlle as cousas difíciles a un Valladolid ó que lle custaba anotar. Pero chegou o segundo cuarto e as cousas cambiaron bastante. “Inexplicablemente desapareceu todo o anterior, cometemos moitos erros de un contra un, sobre todo no xogo sen balón”. Segundo o técnico obradoirista, foi este segundo cuarto o que marcou o discorrer posterior do partido, a clave de que o Valladolid chegara vivo ó descanso e tivera aínda moito que dicir, “moitas canastras fáciles, demasiadas accións que regalamos”.

A clave, para Fernández, foi “que non soubemos entender ben o que tiñamos que defender, en gran parte por sobre axudar demasiado, sobre todo nas accións de penetración”. Isto permitiulle ós visitantes facer moitos tiros de tres, “nos que ademais tiveron un gran acerto”, e cos que fixeron sufrir a máis de un no pavillón do Sar. E de novo a perda do rebote, “case nove rebotes nos segundos cuartos que lles concederon moitas segundas opcións ó Valladolid, opcións que acabaron anotando”, engadiu o técnico local.

Nese punto, continúa Fernández, “o encontro entra nunha dinámica na que parece que o que se poña por diante é o que vai gañar, e nós poñémonos seis puntos por enriba”, pero o Valladolid non está disposto a ceder e responden de novo por medio das canastras de tres, “dúas delas por axudas que non deberíamos ter dado nunca, nunca, nunca”.

“No segundo cuarto non soubemos entender ben o que tiñamos que defender, moito por sobre axudar demasiado”

E así as cousas, coa balanza podendo decantarse para calquera dos dous lados, chegou o momento do Río Natura Monbus; “en Gipuzcoa saíunos cruz, en Fuenlabrada saíunos cruz e desta vez saíunos cara, así que estou contento coa vitoria”.

Moncho FernandezComo xa dixera antes do encontro, Moncho Fernández volveu a facer fincapé en que “é un erro moi grande mirar a clasificación do Valladolid, aínda que perdera puntos o que pense que é un equipo que se vai a render é que non coñece nin ós adestradores nin ós xogadores, e viuse que así foi”.

Por outra banda, “é certo que cando xogas sen presión os lanzamentos de tres van dentro e cando xogas coa presión de seis derrotas consecutivas, despois de perder nos últimos minutos como perdemos con Gipuzcoa ou con Fuenlabrada ou con Valencia, evidentemente todas as pantasmas aparecen”

Así é que, Moncho Fernández agarda que esta vitoria lle dea ó equipo a tranquilidade necesaria para afrontar o tramo final da Liga sen nervios e con ánimos.

“Somos un equipo que ten que traballar todo o tempo, somos un equipo que se non defende pásao mal e é certo que houbo moitos nervios en momentos puntuais”, tampouco rexeita falar da mala racha que veñen atravesando, “podemos falar das seis derrotas consecutivas, do que pesan, e é que ademais dende fai dous meses falta a semana na que tiveramos un pouquiño de tranquilidade, que no marche alguén, alguén se lesione…”

E son precisamente as lesións as que máis preocupan ó técnico “esta semana Rafa xogou porque é Rafa Luz, pero se lle vedes o nocello, o derrame e a hinchazón que tiñan metían medo, Pavel xogou con quince puntos de sutura na cella, e que non houbo día que non tiveramos problema”.

Esta vitoria sen dúbida, daralle folgos ó equipo para non virse abaixo “tranquilidade para afrontar o que nos queda, que a necesitamos, sobre todo despois destes dous meses que levamos, terribles en todos os aspectos”. Agora quédanlles seus partidos ós que esperan chegar sen nervios para “seguir medrando un pouquiño que é o que buscabamos, xunto con toda esta xente que se foi incorporando pouco a pouco, a ver se podemos ter un fin de tempada sen golpes nin lesións, sen acontecementos externos que nos están a matar”.  

 Fotos: www.obradoirocab.com

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 21 de Abril do 2014 | 2:16 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada