Antonio Serrat: “O obxectivo principal é acadar unha praza para o Mundial”
Antonio Serrat é unha das mostras de que o deporte galego non ten de que preocuparse. Os nosos éxitos están asegurados aínda cando se nos retiren referentes como David Cal ou Gómez Noya, todos tranquilos, outra xeración deles está xa en formación. Serrat foi sétimo no Europeo Sub 23 de Triatlón do 2013, e noveno do Mundo na mesma categoría. A fin de semana pasada fíxose coa Prata no Campionato de España de Duatlón e a lista vai continuar, iso seguro. |
En primeiro lugar parabén Antonio. Prata no Campionato de España de Duatlón Júnior da fin de semana pasada. Agardabas ese triunfo?
Moitas grazas! Pois a verdade é que cheguei con posibilidades de podio. Eramos conscientes de que podía estar aí, pero ó mesmo tempo tamén nos colleu nun momento difícil e non estaba en plenas facultades.
E logo?
Acababa de chegar de Chile. Estivemos alí dous meses, sete semanas exactamente, por un convenio coa federación chilena. Fomos alá todo o equipo para adestrar e competir xunto co equipo de Chile. Foron semanas de moito traballo e ademais hai que sumarlle a viaxe e todo… Tiñamos medo a non estar ó cen por cen debido ó cansazo acumulado, pero bueno, ó final traballamos ben.
Como foi a experiencia en Chile?
Moi boa! Ademais o idioma é o mesmo e iso xa é ter moito gañado. (Risas) Primeiro estivemos nunha Escola Naval e despois na casa de familias dos triatletas do equipo chileno. É similar a un intercambio, porque de feito agora veu connosco un rapaz chileno que vai estar aquí seis meses adestrando con nós. E está previsto que veñan tamén máis compañeiros chilenos.
E como foi o campionato Antonio?
Pos foi moi duro, pero estivemos aí. Formouse un grupo grande dende o principio e puidemos meternos aí. O que pasa é que o primeiro estaba moi forte e púxomo moi difícil. Estivemos pelexando aí durante toda a proba pero ó final non puido ser…
Bueno, o subcampionato é un bo resultado! Ti estás no Centro de Tecnificación de Pontevedra, non?
Si. Eu son de Vigo pero agora abriron unha residencia para maiores aquí no Centro de Tecnificación, e estou aquí. Entrei fai xa catro anos no centro, cando estaba en cuarto da ESO. E sigo aquí.
Quédache tempo para algo máis que para adestrar?
Estou estudando un Ciclo Formativo, que empecei este ano. Por suposto relacionado tamén co deporte! (Risas). O nome completo é Técnico Superior en Actividades Físicas y Animación Deportiva, o que se coñece como TAFAD. O Ciclo dáme certa liberdade no que se refire a ir a clase. Vou dúas veces por semana ou así… E o resto do tempo pois a adestrar!
Como o levas? É complicado?
Pois é duro. Pola mañá normalmente imos a nadar ou dedicámonos á bicicleta e pola tarde toca carreira. Os adestramentos dependen tamén un pouco do tempo e este inverno, con todo o que choveu tivemos que ir adaptándonos o mellor posible. Tamén por iso foi moi positiva a experiencia de Chile, co tempo que tivemos alá puidemos adestrar moito mellor claro… Lévoo o ben, mellor que o ano pasado dende logo!
“Meu pai xa facía triatlón antes de que naceramos miña irmá e máis eu, agora facémolo todos, menos miña nai” |
Claro, e que o curso pasado, no que se refire ós estudos era un curso importante…
Si. Segundo de Bacharelato é un ano crucial, e aí si que o levei peor. Por sorte puiden sacar o curso, aínda que non houbo tanta sorte con selectividade… Non quería quedar un ano preparando de novo o exame, así que por iso me metín no ciclo. Unha vez que o remate xa verei se fago a carreira ou como están as cousas para esas…
Estean como estean, seguro que o duatlón e o triatlón seguen presentes! Porque creo que na túa familia non poderiades estar máis vinculados a este deporte, non?
Si, a verdade é que si… (Risas). Meu pai xa facía triatlón antes de que naceramos miña irmá e máis eu. Triatlón, atletismo e de todo. Nós dende pequenos íamos con el e comezamos tamén a adestrar e a competir. A única que non fai é miña nai, que ten si cabe a labor máis difícil, a de estar atenta a nolos tres! Que si cargar as mochilas nas competicións, os abrigos, sempre fun lado para outro!
“Por moi forte que sexas nunha disciplina non serve de nada, a clave é ser regular” |
Entón ti es máis de triatlón que de duatlón, non?
Fago os dous, porque de feito o duatlón é unha moi preparación para o triatlón. Os propios campionatos son un gran adestramento.
En cal das tres disciplinas te sentes máis cómodo? Na natación, no ciclismo ou na carreira?
Cómodo, cómodo… É difícil ir en calquera delas, sempre vas sufrindo! (Risas). A natación quizais é a que máis me costa. Pode ser que a bici a carreira se me dean mellor, esta última sobre todo probablemente. Pero bueno, o triatlón é un deporte conxunto, e de pouco vale que leves moi ben unha das tres se despois baixas o nivel noutra. Por moi forte que sexas nunha non serve de nada. A clave é ser regular, canto máis regular sexas máis posibilidades terás.
En cada disciplina e tamén nas transicións, que non será a primeira vez que xogan unha mala pasada…
Si, si, por suposto! É case como outra disciplina máis do triatlón, e hai que adestralas ben. Tes que ser rápido á hora de poñer as zapatillas ou de coller a bici. Podes perder unha carreira por ser máis lento quitando o neopreno que o teu rival.
Pontevedra é unha cidade moi envorcada co triatlón, non? Moitas probas importantes se celebraron e se van celebrar aquí, iso tamén vos beneficia?
O campionato do mundo de triatlón este ano é en Pontevedra, e si que son moitas citas importantes as que tiveron lugar aquí. Home, para nós é importante porque tamén che da a oportunidade de disfrutar disto dende a casa e iso é unha sorte.
“Gómez Noya e Iván Raña para nós son referentes moi importantes” |
Hai nivel en Galicia? Está claro que o no hai máis que ver a Gómez Noya, pero en canto ás novas xeracións como a túa, continúa habendo nivel?
Dende logo que si. En Galicia sempre houbo xente moi boa, como dis está Gómez Noya e tamén Iván Raña, para nós loxicamente son referentes moi importantes. Agora estase a formar un novo grupo que tamén terá moito que dicir. Xente como Óscar Vicente ou Uxío Abuín.
Ou Antonio Serrat… Sétimo no Europeo Sub 23 do pasado e noveno no Mundial! Aí é nada!
Si… O principal obxectivo o ano pasado era clasificarse para o Europeo e intentar facer alí a mellor carreira posible. A experiencia foi incrible e acadamos un bo resultado.
E para esta tempada? Se falamos de obxectivos Antonio, cales son?
Pois a nosa intención é facer unha boa carreira no Europeo deste ano, que será en Austria polo mes de xuño. Aí é onde están postos os nosos ollos. O obxectivo é quedar entre os dez primeiros para poder conseguir unha praza para o Mundial e repetir a experiencia.
Pois esperemos que así sexa! Porque ademais este ano é o ano da transición, non?
Si. O ano que ven xa deixaría a categoría júnior e pasaría a categoría elite, entón… É un cambio difícil, veremos como vai!
Seguro que irá ben Antonio! Moitas grazas e moita sorte.