Támara Echegoyen: “Teño a mesma enerxía para loitar por un soño olímpico, a medalla”
Moitos probablemente descoñecían o nivel ó que se atopa a vela feminina en Galicia ata que a pontevedresa Támara Echegoyen, xunto coa súa compañeira a coruñesa Sofía Toro, acabaron no máis alto do podio en Londres 2012. Xunto con elas tamén unha asturiana, Ángela Pumariega. As súas foron as primeiras medallas de ouro acadadas por galegas pero se todo vai ben, non serán as últimas. Coa modalidade Match Race fora da cita olímpica, Támara non dubidou. Nova disciplina, novo barco, nova compañeira. Pero as mesmas ganas. |
Nestes momentos, estamos en pleno Trofeo Princesa Sofía, unha cita moi importante pero non a única…
O noso obxectivo a curto prazo estaba neste Trofeo Princesa Sofía, temos unha semana moi importante e veremos como remata a cousa. Dspois teremos a proba Francesa da WC, dúas competición internacionais (Italia e Holanda), o Europeo (Finlandia), e o que é o noso obxetivo principal da tempada; o Campionato Mundial de clases olímpicas en Santander.
Calendario completiño. De feito adestrades en Santander
Este ano Santander converteuse na sede do equipo, polo Mundial do 2014 que será nesta cidade, e os adestramentos están xa en marca. Levamos xa dende comezos de ano adestrando alí, e despois trasladámonos a Palma para o World Cup.
Unha oportunidade de ouro este Mundial de Santander, hai dez prazas directas para Río en xogo…
Si! É a primeira ocasión para clasificar ao país para os XXOO e o noso obxectivo é aproveitala. Sería un gran paso cara Río. Só dez países quedarán clasificados directamente.
E como se presenta a cousa?
É unha oportunidade excepcional para loitar por estar na cima da clasificación. Estes catro anos de preparación teñen como obxetivo esa cita Olímpica, o camiño largo e duro pero témolo claro: clasificación do país, selección española e loitar por un metal nos XXOO.
E en termos xerais, como ides de ánimos? Estás a traballar cunha nova compañeira, con Berta Betanzos, como levades de cargadas as pilas?
O equipo está moi contento, perseguimos os mesmos obxectivos e traballamos na mesma dirección. Facemos un bo equipo e este é o noso punto máis forte. A confianza que temos a unha na outra fainos cada día mellores.
Supoño que por moi olímpica que unha sexa, cada nova Olimpíada ten que ser diferente. No teu caso máis aínda, porque a disciplina na que acadaches o ouro en Londres 2012, a clase match-race, desapareceu do programa olímpico. A que se debeu esta decisión?
A ISAF retira o Match Race buscando clases máis espectaculares, tamén opinaba que a inversión dos países para facer unha campaña de Match Race era moi elevada. Pero o certo é que a realidade foi que as competición desta modalidade foron as máis vistas con diferencia. Incomprensible totalmente!
De feito, os resultados así o din, segundo os datos de audiencia semellaba ser a modalidade máis interesante para o público…
Eu aínda non o entendo, retiraron a clase antes de ver os resultado nos Xogos de Londres 2012.
En vista disto, compites agora cunha nova embarcación, a 49er FX, coa dificultade engadida que isto supón. Hai que adaptarse de novo, cales son as diferenzas principais entre unha e outra modalidade?
“O equipo está moi contento, perseguimos os mesmos obxectivos e traballamos na mesma dirección” |
A primeira é o formato de competición; pasar do barco contra barco do Match Race, a flota (todos xuntos). A segunda diferenza é a técnica, para que nos entendamos , supón pasar de conducir un seiscentos a un fórmula 1. Evidentemente a táctica tamén é diferente… A verdade que é un gran cambio e un gran reto.
E ademais co engadido de formar ese novo equipo do que falabamos. Coñecías a Berta de antes?
Berta e máis eu somos boas amigas, compartimos dúas preparacións olímpicas. Sempre tiñamos o soño de poder navegar xuntas, pero non había barco, as dúas somos altas e pesabamos demasiado para navegar xuntas. O 49er danos a oportunidade de facelo, eso sí, a dieta! (Risas)
E ademais das diferenzas deportivas, está tamén a cuestión persoal, non? Os momentos tamén son diferentes, que hai de diferente entre a Támara de Londres e a de Río?
Unha gran experiencia en preparación olímpica, esa é a única diferenza, o demais é o mesmo. A mesma Támara e a mesma enerxía. Teño a mesma enerxía para loitar por un soño olímpico, a medalla.
Como recordas aquela experiencia? Foi a túa primeira cita olímpica, chegar e encher como se soe dicir…
Foi a mellor regata da miña vida; disfrutei de cada día, de cada regata, de cada reto e da sorte de poder competir nuns Xogos Olímpicos.
Cal foi o momento máis especial? Unha imaxe que che quedara gravada…
A marea vermella baixando polo pantalán para celebrar o noso éxito. Esa é unha imaxe que non esquecerei, a imaxe dun gran equipo. Se me preguntas por algún malo xa che digo que non recordo ningún, absolutamente ningún.
“A marea vermella baixando polo pantalán para celebrar o noso éxito, esa é unha imaxe que non esquecerei” |
Cóntanos algunha anécdota, algunha seguro que hai…
Unha conversación que tiven co xefe de prensa do equipo. Estabamos facendo unha entrevista e ao fondo estaban retransmitindo unha entrega de medallas, totalmente seria díxenlle: “ ten que ser unha sensación innolvidable subir ao alto do caixón”. Dez días despois estaba nel.
Ademais co engadido de que es a primeira galega en acadar unha medalla olímpica, xunto con Sofía Toro compañeira de equipo. Iso tamén é bonito gardalo como recordo…
Claro! Iso é unha pregunta de Trivial! (Risas)
Iso si, a partir dese momento tiveches que acostumarte ós flashes porque entre medallas ó mérito deportivo, premios á deportista revelación, recepcións da familia real…
Si! Premiaron o noso esforzo e traballo cos premios deportivos más importantes a nivel nacional. A verdade é que é moi gratificante!
En termos económicos imaxino que os recortes tamén se notarán, como o levades?
Loitando… (Risas!)
Que poden supoñer estes recortes, sobre todo de cara as novas xeracións? Se non apoiamos agora a base é de agardar que o notemos dentro duns anos…
Por suposto. A base é o piar do deporte de elite, o apoio as novas xeracións é a única forma de ter FUTURO. É imprescindible que todos poñamos da nosa parte para continuar realizando esta labor e así seguir acadando éxitos no futuro.
Moita sorte nesa carreira cara Río Támara. Estaremos atentos!
Fotos: www.tamaraechegoyen.com/ Jesús Renedo