publicidade hoxe
Lucía Vázquez: “É un deporte duro, solitario e moi sacrificado, tanto física como mentalmente” - Cabecera

Lucía Vázquez: “É un deporte duro, solitario e moi sacrificado, tanto física como mentalmente”

Lucía Vázquez

Dende Alemaña e cun pé posto xa na República Checa, Lucía Vázquez saca, non sabemos de onde, un pouquiño de tempo para charlar con nós. A tempada non comezou como agardaba, pero aínda así ela non perde o sorriso nin as ganas. Acostumada a pelexar, a sufrir e a agardar, sabe que para o Open deste ano a remontada está complicada, pero a verdadeira espiña que lle deixou a tempada pasada foi o Campionato de España, e ese é o seu obxectivo. Este, e o de levar o BTT ó lugar que merece sobre todo, no que ó feminino se refire, porque Lucía non ten pelos na lingua, hai machismo? Haino, e moito.
Lucía Vázquez

Nome: Lucía Vázquez Crespo (Vilaboa, 1985)

Un lugar : Galicia

Un hobby: ler e pasear

Unha comida: italiana

Unha virtude: perfeccionismo

Un defecto: demasiado perfeccionismo

Un soño: Ir ós Xogos Olímpicos

En primeiro lugar Lucía, como te atopas? Como te sentes neste comezo de tempada?

Esta temporada estou máis forte ca nunca, pero aínda non tiven a oportunidade de demostralo. A pretempada fíxose complicada por mor do inverno tan duro que tivemos este ano en Galicia, e iso inflúe nas primeiras competicións, sobre todo ó competir con rivais do mediterráneo que tiveron unha pretempada con moi bo clima.

Tiveches certos problemiñas ó comezo, non? Que pasou?

Notei que algo máis pasaba, o meu corpo non estaba respondendo como debía nas competicións e empecei a preocuparme. Unha analítica deu algo de anemia e as probas alérxicas deron positivo. Tocaba ser paciente e esperar a que ese período pasase porque a alerxia inflúe moito no rendemento; cansazo anormal, falta de forza e unhas sensacións horribles… Seguín adestrando e competindo e a verdade é que foi difícil porque os resultados non eran os agardados, pero coa mentalidade de que nunhas semanas pasaría e xa podería recuperar o perdido.

Dende logo tiveches que facer un gran traballo en termos psicolóxicos…

O meu obxectivo era estar forte a partir do mes de Maio, para estas probas que teño agora por Europa e para as Copas do Mundo. Ademais é o momento das últimas probas do Open de España e do Campionato de España, que se celebra a mediados de Xullo.

Revalidar o título do Open de España que acadaches o ano pasado e gañar o Campionato de España, eran os dous obxectivos da tempada, como os ves?

Estes eran os meus obxectivos a principios de tempada, pero con todos os problemas físicos que tiven o Open de España xa o dou por perdido, vai ser moi complicado vencer a xeral… Non tiro a toalla, son cinco probas en total e aínda quedan dúas nas que poden pasar moitas cousas, pero cos resultados das tres primeiras… O bo será seguir subindo na xeral e polo menos quedar dentro do podio.

Lucía VázquezValladolid, Xerez e Val de Lord foron esas tres primeiras, non? Na última a altitude tamén cho puxo difícil…

Nesa proba competimos a máis de 900m e eu que vivo a nivel do mar e que viña fisicamente tocada.. Paseino moi mal, fun moi afogada. O aire que respiraba non me chegaba e as forzas foron minguando minuto a minuto.

Por non falar da calor, que tamén pasa factura…

Si, sobre todo nos meses de Marzo, Abril e Maio porque en Galicia aínda non estamos acostumados á calor e asfixia. O corpo quere uns días de adaptación ó clima e cando pasas de vir de temperaturas suaves a extremas faise insoportable!

E como valoras esas dúas que quedan agora por diante? Palencia e Avilés como se presentan?

Vou con máis ganas e máis rabia ca nunca. Teñen que saír ben e espero que así sexa! Xa estarei no mes que tiña como forte na miña planificación e xa libre da alerxia e a anemia. Avilés é un circuíto que me gusta, moi parecido ó terreo que temos en Galicia e síntome cómoda. En Palencia é o primeiro ano que se celebra e non sei con que nos imos atopar.

E en canto ó Campionato de España é como unha espiña cravada, non?

Si, si o é. Nos campionatos, como son unha soa proba, xógaste todo nunha carreira e é algo que sen querer che mete unha presión adicional. O ano pasado partía como unha das favoritas e ó final pagueino caro. Este ano celébrase no mesmo lugar, en Panticos (Huesca), así que vou aínda con máis ganas de quitarme esa espiña.

Para os que se perden un pouco entre as variedades e demais, explícanos a túa modalidade, en que consiste?

O Btt (bicicleta todo terreo) ou Mtb (mountain bike) practícase con bicicletas de monte que levan suspensión na horquilla, e algunhas tamén atrás. Dentro da competición de Mountain Bike hai varias disciplinas, eu a que practico é o rally ou XC (cross country), a única modalidade olímpica. Trátase dun circuíto, de entre 4 e 7 km, que discorre polo monte con subidas, baixadas…. Cada circuíto é diferente dependendo do terreo. Ultimamente estanse vendo circuítos con partes artificiais para facelos máis interesantes, con saltos, con rock gardens, zonas de troncos, pasarelas, etc.

É un deporte duro e sacrificado, non si? Que che aporta?

É un deporte duro, solitario, e moi sacrificado, tanto física como mentalmente. Se queres estar a un bo nivel tes que renunciar a ser unha “persoa normal” e pasar a ser unha deportista as 24h do día.

Lucía VázquezComo acabaches subida na bici?

O culpable de que estea aquí é meu irmán, o tamén ciclista Óscar Vázquez. Un día, cando tiña 13 anos, fun ver unha competición que se celebraba na Fracha e quedei abraiada. Ó día seguinte collín a miña bici, prepareina e a “adestrar”! Comecei competindo en Cadete, con 14 anos e con vos resultados nacionais dende o comezo. Co apoio incondicional dos meus pais, aquí estou, 14 anos despois.

Catorce anos, case nada! Moitas cousas cambiarían… Nesta última tempada creo que a nivel técnico houbo algún cambio con respecto á pasada, non?

Agora temos a moda das rodas 27´5” e 29” e tiña que probalas, claro. Eu levo unha KTM Myroon Máster 29”, que é a bicicleta do meu equipo o Vicma Bike Team. Probeina e encantoume. Esta bici é diferente na maneira que ten de rodar, son moi boas en circuítos máis rodadores e en zonas técnicas, tan típicas das probas internacionais, esta roda grande ademais dáche máis seguridade.

A nivel internacional, cales son os obxectivos?

Pois neste mes de maio coincide que estou a competir en Europa e participarei nas dúas Copas do Mundo europeas. Agora mesmo veño de participar nunha proba de máxima categoría en Alemaña, antes das Copas que se celebran o 25 de Maio en República checa e o 1 de Xuño en Alemaña. Xa competín fai dúas semanas en Austria, onde finalicei no posto número 15. Os meus obxectivos son seguir aprendendo e seguir subindo o meu nivel internacional.

Lucía VázquezE despois está aí a posibilidade de que te convoquen para o Europeo coa selección, non? E para o Mundial? Como ves esta opción?

Pois así vai España! Aínda non sabemos se levan a algunha muller, a cantas, e a quen… Quen o faga ben esta semana na Copa do Mundo de República Checa, en principio, será a seleccionada para competir coa selección o Campionato de Europa, agora ben, o do Mundo xa será outro cantar. Está moi difícil, e papeletas teño poucas porque co Open de España tan malo que estou facendo non sei en realidade como está o meu nivel coas españolas.

As cousas son bastante diferentes noutros países con respecto a este deporte. Máis apoio? Máis afección?

Máis apoio, máis afección, e máis ganas de facelo ben. É outro mundo! Xa atopas moita diferenza en competir en España e en Portugal, con moita xente que se achega a ver as probas, moi boa organización, circuítos moi coidados e traballados… O apoio das institucións é o máis importante, que cobren menos taxas por facer probas, por inscribirte, por federarte. A repercusión mediática tamén fai moitísimo.

E máis aínda no que se refire á modalidade feminina. Que pasa neste senso? Continúa habendo discriminación a día de hoxe?

Estou notando máis influencia de rapazas nas competicións, e iso gústame moito. Moito é polo traballo das escolas de ciclismo, pero aínda queda moito que facer xa que seguimos estando en desvantaxe. Hai certos detalles ademais que che quitan as ganas… Como por exemplo que nos metan a competir cos máster e que, aínda que me doe dicilo, te atopes con moitos machistas que non teñen educación á hora de pedirnos paso ou adiantarnos, e ter que escoitar burradas ou recibir golpes cando te adiantan. Se a min me dan medo e me quitan as ganas de competir, imaxínate a unha rapaza que acaba de comezar ou que compite pouco, non repite. Noutros países as mulleres competimos nunha carreira nós soas, ou nos meten cos cadetes, que os rapaces respéctanos máis cos homes. Fora somos igual de valoradas ca eles. Fora.

Lucía VázquezXa levastes a cabo algunha reivindicación para chamar a atención sobre esta cuestión, non si? De que tipo?

Na primeira proba do Open de España, en Valladolid, querían que as mulleres sairamos de últimas. Nós, xunto cos homes elites, somos os únicos con categoría UCI (as probas do Open de España este ano son con puntos internacionais UCI) por non dicir que homes e mulleres elites somos os únicos que podemos conseguir unha praza para os Xogos Olímpicos. Pois aí, detrás dos cadetes, dos máster 30, máster 40, 50 e incluso 60… Detrás de todo, as mulleres. Así que decidimos facer unha sentada e chamar a atención, para que se decatasen da discriminación que estamos a sufrir, que é moi inxusto. Nos tamén adestramos e levamos a mesma preparación que un elite, e eles gozan de todas as vantaxes.

A nivel equipo como te atopas neste momento co teu?

Estou encantada neste equipo, o mellor equipo nacional do 2013. Temos todas as comodidades e os técnicos/auxiliares sempre están atentos a que todo vaia perfecto. O ambiente no equipo é de risas continuas, moito cachondeo e isto fai moi amenas as competicións. En España temos moi poucos ou case ningún equipo que traballe tan ben como o Vicma Bike Team e cos poucos recursos económicos que teñen seguen coa mentalidade da progresión internacional. Síntome afortunada. De feito gustaríame agradecerlles a confianza que depositaron en min dende o principio, a eles, e tamén ás empresas que me están a apoiar este ano; Ence e Cabo de Peñas. Faise moi complicado ter uns obxectivos tan grandes e non ter apoios económicos neste deporte tan caro, así que agradécese máis aínda o apoio, grazas a el devolvéronme a ilusión para seguir medrando e as ganas de pelexar polo meu soño.

Para pelexar por estar nos Xogos?

Non me gusta mirar moito ó futuro, porque non sei onde me atoparei dentro duns meses. Se teño que pensar en algo, o obxectivo é seguir progresando a nivel internacional e intentar acadar ese posto nos Xogos Olímpicos de Río 2016. A cousa está moi complicada pero non é imposible, e non está mal ter algún soño que te levante da cama todos os días.

Moitas grazas por conversar connosco Lucía e moita sorte!

 www.luciavazquez.net

Lucía Vázquez

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Maio do 2014 | 1:32 p.m.

Outros temas de Dende a Bancada