publicidade hoxe

Leis confía en que os edís imputados “saian libres”, pero admite que “un novo Goberno” sería “o plan B”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A tenente de alcalde do Concello de Santiago, Reyes Leis, confiou en que os sete concelleiros imputados polo pago da defensa a outro concelleiro, Adrián Varela -investigado na Operación Pokémon-, “saian libres” dos cargos que se lle imputan, aínda que recoñeceu que existe “un plan B” que pasaría por “crear un novo goberno”.

“Evidentemente, crear un novo goberno co equipo que podamos contar, sería a solución. Como comprenderás non é algo que, nin sequera estou eu informada de quen estaría nese goberno”, engadiu, a preguntas dos medios, ao ser preguntada polo camiño que adoptarían en caso de saír sentenza condenatoria. “Non queremos chegar a ter que usar ese plan B”, matizou.

Tras recoñecer que en listas “non hai” xente suficiente, engadiu que a Lei electoral contempla “figuras” para abordar ese escenario. Si o fallo é negativo, os prazos serían “moi curtos” polo que entende que “tanto o alcalde” como “a cúpula do partido” están “totalmente informados do que vai ocorrer”.

“É algo que teñen que decidir entre eles como xestores do partido e como cabeza do concello”, engadiu, tras aclarar que non a chamaron “para tomar decisións” nese sentido nin para tantear nomes. “Entendo perfectamente que ten que ser así”, engadiu, valorando que sexa información que manexen “poucas persoas” e se poida garantir confidencialidade”.

A pesar diso, confiou en que “haxa sorte” e que no xuízo se poida explicar “ben” o que “realmente ocorreu”, que foi unha iniciativa tomada en base a un informe polo que se entendía que estaba a apoiar esa decisión” .

“COA CONCIENCIA TRANQUILA”

Reyes Leis acudiu esta mañá aos xulgados para trasladar aos seus compañeiros que está “con eles” e transmitir o seu “apoio”, confiando en que se faga “xustiza” para que “volvan estar tranquilos” traballando no Goberno municipal.

“A foto que quería ou que buscaba quen denunciou ou está detrás desta historia xa ten o que quería”, criticou, tras reiterar que aos concelleiros “non lles preocupaba” e que acudiron a declarar “coa conciencia moi tranquila”.

Sobre a presenza de Gerardo Conde Roa no xulgado, considerou que “ningún apoio é incómodo” e lembrou que o exalcalde “ten unha relación persoal con moitos dos concelleiros que están alí”. “Paréceme estupendo que estivese e lles demostrase ese apoio”, sinalou.

19 de maio de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.