Máis de 4 M€ á mellora e ampliación da base contra incendios forestais de Antela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informoude que o Goberno autonómico vai destinar máis de catro millóns de euros á mellora, acondicionamento e construción de novas infraestruturas na base da Xunta de medios aéreos contra incendios de Antela, no concello ourensán de Sandiás. “As obras van comezar este mesmo ano e a previsión é que estean rematadas a finais do ano 2027”, indicou.

Rueda, quen fixo fincapé en que “levamos tempo traballando non só na prevención senón tamén na dotación de máis medios de extinción”, salientou que o obxectivo é modernizar unhas instalacións “que teñen 30 anos de vida” e, entre os traballos a realizar, resaltou a construción “dunha nova pista, melloras nos accesos ou construír un novo edificio” para os pilotos. Con estas actuacións, “a base terá capacidade para que operen ata seis avións de loita contra incendios, de carga en terra”.

Os labores enmárcanse no proxecto Cilumes Interopera e están cofinanciados nun 75 % polo programa operativo Interreg Poctep de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal.

No caso da nova pista de aterraxe, os traballos inclúen o acondicionamento do terreo, o movemento de terras, a creación de firmes e pavimentos e a drenaxe e sinalización.

A construción do edificio para as tripulacións suporá tamén o movemento de terras e cimentación, así como a construción da estrutura metálica, as fachadas e particións. Levaranse a cabo, así mesmo, os revestimentos, pavimentos e falsos teitos, así como a dotación das instalacións (climatización, electricidade, fontanaría etc.).

A maiores, dotarase a base con novas instalacións exteriores, coma os depósitos de auga e para retardantes, un novo cerramento perimetral, servizo de iluminación, equipos de bombeo, cuarto de mantemento, pérgola de aparcadoiro, sirena, antenas e pozo de captación que alimenta os depósitos, entre outras infraestruturas.

Mellora de infraestruturas contra o lume

 

Este proxecto en Sandiás enmárcase na planificación da Consellería do Medio Rural para mellorar as infraestruturas contra o lume, con especial atención á rede de bases de unidades operativas (BUO) e ás bases de medios aéreos.

Neste sentido, cómpre salientar o investimento de 5,61 millóns de euros no período 2025-2026 para a construción e reforma de ata cinco diferentes instalacións repartidas por toda Galicia. Así, as actuacións céntranse en Lalín, Valga, Portas e Tui, na provincia de Pontevedra, e no concello ourensán de Sandiás (co acondicionamento desta base de Antela).

Estas actuacións dan continuidade ás realizadas no 2024, entre as que destacan a execución das BUO de Muíños, Rianxo e Mondoñedo e a construción da base de medios aéreos transfronteiriza de Verín-Oímbra. Hai que mencionar, así mesmo, a construción e adecuación das instalacións da base de medios aéreos de San Xoán de Río, en Ourense.

4 de agosto de 2026 | 00:46 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario