Os viveiros galegos producen preto de 10 millóns de plantas forestais de alta calidade xenética
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, destacou hoxe que Galicia conta cunha das redes de viveiros forestais máis amplas do país, ao dispoñer de algo máis de 80 viveiros que producen preto de 10 millóns de plantas forestais de alta calidade xenética, salientando que arredor de 1,4 millóns son de frondosas autóctonas.
Fíxoo hoxe durante a súa visita a Viveiros Growin, onde recoñeceu a aposta deste entidade pola innovación ao incorporar intelixencia artificial e robótica para automatizar os seus procesos de produción.
Neste sentido, a directora coñeceu en primeira persoa como utilizan a IA para o transplante e clasificación de plantas, adaptando cada solución ás necesidades reais do sector viveirístico. Ao mesmo tempo, tamén comprobou o funcionamento dos brazos robóticos industriais cuxa tecnoloxía se integra nos sistemas de automatización desenvolvidos por Growin.
De feito, lembrou que a Consellería do Medio Rural conta con oito viveiros públicos repartidos polo territorio, os cales contribúen á conservación e mantemento dos recursos forestais. Ao mesmo tempo, sinalou que o sector dos viveiros forestais é unha das pezas de maior importancia dentro da produción forestal, xa que unha boa selección da planta a utilizar nas plantacións, asegura o seu desenvolvemento vigoroso no monte.











