A Xunta avanza que esta semana quedará rematada a sinalización das 52 etapas do Camiño do Litoral
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que ao longo desta semana está previsto que queden integramente rematados os traballos de sinalización do Camiño do litoral de Galicia, unha ruta con 52 etapas que vertebra a comunidade de norte a sur a través dun percorrido de máis de 1.370 quilómetros pola costa.
Durante unha visita a un dos tramos sinalizados ao seu paso polo concello de Soutomaior, a responsable autonómica explicou que xa están instalados 79 paneis informativos dotados con código QR para que o usuario poida obter máis datos sobre unha zona concreta ou a ruta en xeral e que se continúa avanzando na colocación do resto de sinais e elementos deseñados para identificar as diferentes etapas do trazado.
Cun orzamento duns 200.000 euros, os traballos que ultima o departamento autonómico inclúen tamén a colocación de 249 elementos de pequena sinalización, que permitirán seguir o itinerario de forma continua; 25 sinais direccionais, que reforzarán a orientación nos principais cruces e cambios de dirección; e 5 elementos especiais de sinalización, instalados en puntos singulares para mellorar a seguridade e a continuidade do itinerario.
En todo caso, unha vez completada a instalación dos paneis informativos nos 78 concellos polos que discorre o Camiño do litoral, a conselleira salientou que este verán xa se pode percorrer Galicia, desde Ribadeo ata A Guarda, a través dunha única ruta para peóns e ciclistas, deseñada para conectar os camiños costeiros xa existentes e que inclúe, ademais, dúas variantes fluviais nos ríos Miño e Ulla.
Neste sentido, salientou que o obxectivo principal do seu departamento ao promover esta actuación —prevista na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral para poñer en valor o patrimonio, a paisaxe e a singularidade da costa máis longa de España— é ofrecer a cidadáns e visitantes “outra forma de descubrir Galicia”, ao tempo que contribúe a fomentar un turismo sostible e desestacionalizado que permita explorar a comunidade tanto en xaneiro como en pleno mes de agosto.
Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén explicou que ademais da nova identidade gráfica e visual deseñada para identificar de forma uniforme todo o Camiño do Litoral e integrada coa paisaxe mediante materiais sostibles e de baixo impacto, o seu departamento desenvolveu unha aplicación específica para móbil (dispoñible para descarga desde o pasado 1 de xullo, en versión para iOS e Android) que inclúe todas as etapas do itinerario, información sobre os elementos recollidos no Catálogo de bens de valor cultural no litoral e outros datos de interese sobre o patrimonio natural característico da contorna.
En total, a Xunta mobilizou un investimento de máis de 1,5 millóns de euros para facer realidade o Camiño do Litoral, abranguendo todas as fases do proxecto, desde a definición do trazado ata a súa posta en servizo, incluída a identidade visual, a sinalización, a App e as actuacións e traballos previstos para a mellora do trazado, o reforzo da seguridade e a limpeza de fincas, que se seguirán desenvolvendo nos próximos meses.











