A Xunta licitará as obras do Novo Chuac onde se levantará o novo edificio asistencial
A Xunta licitará por máis de 50M€ a fase 2.1 do Novo CHUAC da Coruña, que inclúe a escavación sobre a que se levantará o novo edificio asistencial. Así o anunciou hoxe a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, tras participar xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, así como a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Amparo Pousada Soliño e o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, na reunión da comisión de seguimento da ampliación do Complexo Hospitalario, que se celebrou na sede administrativa da Xunta na Coruña. Neste encontro deuse conta do avance das distintas actuacións que conforman a ampliación do Complexo Hospitalario, a maior obra dunha infraestrutura sanitaria que está a levar a cabo a Xunta.
A fase 2 do Novo CHUAC divídese en dúas etapas, co fin de axustar prezos e evitar sobrecustos que poidan alterar os prazos, como explicou Deza. Deste xeito, arrancarase con esta fase 2.1 que contempla actuacións previas que inclúen demolicións e escavacións, así como a execución dos movementos de terras necesarios para o posterior desenvolvemento das obras do novo edificio asistencial. Así mesmo, contémplase a xestión necesaria dos materiais naturais xerados neses traballos de escavación. A Xunta prevé adxudicar a obras a finais deste ano “para comezalas o antes posible”.
Así mesmo, a fase 2.1 contempla as demolicións de 17 vivendas unifamiliares en Curramontes, así como as diferentes redes de subministración existentes no ámbito de actuación.
Pola súa parte, o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, explicou que as obras están a avanzar con normalidade, sen interferir na actividade asistencial, grazas á coordinación e a planificación. Así, sinalou que a área sanitaria está a traballar intensamente co equipo redactor para garantir que o proxecto se adecúa ás necesidades da asistencia sanitaria. Ao respecto indicou que, nos dous últimos meses, realizáronse máis de 20 reunións co equipo técnico redactor do proxecto e os xefes de servizo, para trasladar as cuestións que eles consideraban.
Xunto ao anterior, o xerente indicou que o proxecto é moi amplo, cunha Fase 0.1 xa finalizada, e unha Fase 0.2 que abrangue reforma e ampliación da unidade de diálise e da unidade de reanimación; creación dunha unidade de probas funcionais de neumoloxía e área de rehabilitación cardíaca e respiratoria; ampliación do ximnasio e da área de terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares e a ampliación da unidade de resonancia magnética, coa dotación dun novo equipo.
Esta Fase 0,2 suporá un investimento de arredor de 10 millóns de euros. O vindeiro ano iniciaranse as obras para a instalación e dotación dunha nova resonancia, que xa está adxudicada.
Demolición Hotel de Pacientes
Por outra banda, na comisión deuse conta da finalización da escavación do Hotel de Pacientes, necesaria para a execución do sistema viario que rodeará ao novo complexo hospitalario, e cuxo investimento acadou 1,2M€. Neste senso, Deza apuntou que cos restos da estrutura e tabiquería (formigón, ladrillo, materiais cerámicos e pétreos) montouse unha planta de machaqueo para poder reducir e logo poder reutilizar este material, por exemplo, en recheos que precise a obra.
Torre Polivalente
Por outra banda, na comisión deuse conta da finalización da escavación precisa para abordar a construción deste inmoble. Como explicou a directora da AXI, foi unha intervención moi complexa, con traballos que se ralentizaron ao atopar material rochoso moi duro que precisou microvoladuras.
Unha vez rematadas estas obras, o seguinte paso é o inicio da estrutura do novo edificio para uso administrativo.
Na comisión informouse ao Concello que este verán se levará a demolición de 3 das 20 vivendas xa expropiadas para esta obra de ampliación do CHUAC. Trátase das máis próximas á futura Torre Polivalente.
Accesos
No que atinxe ás obras dos accesos ao CHUAC, despois da execución do viario provisional que permite manter os accesos ao complexo hospitalario durante o desenvolvemento da actuación, e da demolición do antigo viaduto de acceso sobre a AC-12, nestes momentos os traballos céntranse na construción do novo viaduto sobre a citada estrada.
Xa se escavaron os novos apoios e estanse executando as cimentacións profundas mediante pilotes. De forma paralela, están a completarse as escavacións dos encepados do viaduto e os muros que rodearán o CHUAC polo sur e que permitirá conectar os novos accesos coa rúa Curramontes. Deste xeito, as obras pendentes corresponden á execución dos tres viadutos e dos muros necesarios para completar a configuración dos accesos.
O investimento nos accesos ascende a 26M€, dos que o Concello asume 22,2M€ a través do convenio coa Xunta.











