A construción artesanal de instrumentos musicais a través da iniciativa ‘Resonancias 26’
A Fundación Artesanía de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo co Festival Música no Claustro, que se celebra en Tui ata o vindeiro 7 de agosto, coa organización de tres cursos de formación no marco da iniciativa Resonancias 26. As actividades desenvolveranse entre mañá, 4 de agosto, e o xoves 6, e estarán centradas na construción e no mantemento artesanal de instrumentos musicais, así como na creación dun caderno ilustrado para documentar o festival.
Nesta edición, Resonancias deixa atrás o formato de foro de debate para converterse nun espazo de aprendizaxe práctica arredor dos oficios artesáns vinculados á construción de instrumentos musicais, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de preto estes procesos da man de profesionais especializados.
Mañá comeza o obradoiro Debuxar o son, impartido pola ilustradora e artesá Iria Prol, co obxectivo de documentar o Festival Música no Claustro a través das ilustracións dun caderno persoal. A arquitectura da Catedral de Tui, os instrumentos musicais, así como os materiais e as ferramentas empregadas polas persoas artesás, converteranse nos principais elementos de observación e debuxo.
O traballo desenvolverase en formato caderno mediante exercicios breves, bosquexos rápidos, debuxo en directo e momentos para elaborar e compartir os resultados. Ao remate da experiencia, cada participante contará cun caderno propio que recollerá tres días de música, artesanía, patrimonio e creación.
A programación adaptarase a cada unha das xornadas. O martes a actividade centrarase na arquitectura do claustro e da Catedral de Tui, ademais de incluír sesións de debuxo durante o obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira. O mércores 5 o protagonismo será para o órgano e os instrumentos de corda fretada, combinando bosquexos rápidos con páxinas máis elaboradas durante o desenvolvemento do obradoiro de instrumentos musicais.
O xoves 6 realizarase debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical no claustro, traballando aspectos como a figura, o movemento e a composición. O taller concluirá cunha revisión dos cadernos e coa elaboración dunha páxina final de síntese. Como actividade complementaria, os participantes tamén poderán debuxar os concertos programados ás 21,00 h. nos tres días do curso.
Tamén mañá martes terá lugar o obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira, impartido polo lutier Adrián Vilaboa. A sesión ofrecerá unha introdución aos aspectos básicos da construción e do mantemento de frautas, clarinetes, óboes e saxofóns, seguida dunha parte práctica na que se analizará o estado do instrumento de cada participante e se proporán posibles melloras.
A programación de Resonancias 26 completarase o mércores 5 de agosto co obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada, impartido polo lutier José Catoira, artesán inscrito en Artesanía de Galicia. Neste taller abordaranse os fundamentos da construción e do mantemento de violíns, violas, violonchelos, contrabaixos e instrumentos de música antiga, combinando a explicación teórica cunha sesión práctica de análise e axuste dos instrumentos achegados polas persoas participantes.











