A Xunta destina 2,5 M€ para a comunidade galega en Venezuela, con partidas específicas para ás persoas afectadas polo terremoto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o reforzo dos apoios do Goberno galego á comunidade galega residente en Venezuela, a través de varias medidas de apoio que suman un total de 2,5 M€. Así, o Consello analizou esta mañá un informe sobre estas axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que outorga a través de diferentes programas que se reforzarán esta semana cunha convocatoria de axudas específica para as afectadas polos terremotos do 24 de xuño. Esta nova liña publicarase este mércores no Diario Oficial de Galicia.

En concreto, estas achegas extraordinarias destinaranse a axudar a sufragar gastos para paliar a situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual das persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos. “Mantivemos dende o primeiro momento un contacto moi intenso cos galegos en Venezuela a través das irmandades e das entidades da colectividade nese país que teñen moita actividade e, froito desas conversas, hoxe lanzamos unha liña extraordinaria de axudas para colaborar cos galegos que viron afectada a súa vivenda “, indicou.

Neste sentido, a concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva debido ao interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso. Tal e como apuntou Rueda, o crédito inicial destinado a esta liña é de 500.000 euros ”e poderá ser ampliable en función das necesidades que se vaian plantexando e do que nos vaian indicando as entidades”.

As solicitudes poderán presentarse desde o 6 de agosto ata o 1 de decembro de 2026, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, para facilitar a presentación, as persoas interesadas poderán dirixirse ás entidades colaboradoras de Venezuela —Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Hermandad Gallega de Valencia, Centro Gallego de Maracaibo, Centro Gallego de Puerto la Cruz e Asociación Fillos de Galicia dos Estados de Aragua e Lara, en Maracay—.

Outros reforzos

 

Tamén no marco deste reforzo, Alfonso Rueda explicou que a Xunta axilizou os trámites para o pagamento das achegas económicas individuais de carácter social das que este ano se benefician en Venezuela “máis de 1.200 persoas galegas por un importe de axuda total de máis de 1,3 M€”. Estas achegas buscan garantir a cobertura das necesidades básicas de subsistencia e a atención sociosanitaria das persoas galegas emigrantes e dos seus fillos residentes no exterior e que se atopen en situación de precariedade económica.

A isto engádese o reforzo dos acordos de colaboración de carácter social coas entidades galegas en Venezuela e as axudas á súa actividade e funcionamento ata os preto de 580.000 euros en total. Con eles, o Executivo galego apoia o labor esencial destas entidades na atención e asistencia social ás persoas e familias que máis o precisan.

Máis liñas de axuda

 

Dentro da batería de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para as persoas galegas do exterior, as residentes en Venezuela tamén poden acceder ás de emerxencia social, que teñen prazo de solicitudes aberto ata o 5 de outubro de 2026. Con elas outórgase unha prestación económica única a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos e aos seus descendentes, para atender situacións de necesidade derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevidas nos últimos 12 meses.

Contacto permanente

 

Esta batería de medidas enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade galega no exterior, neste caso coa de Venezuela con motivo dos terremotos rexistrados en xuño. Neste contexto, o Goberno galego mantén contacto permanente con ela, segue con atención a súa situación e ten activados todos os mecanismos ao seu dispor para atender as súas necesidades. De feito, en colaboración coas entidades galegas en Venezuela, mantén unha rede de oficinas de atención social, que permite atender e canalizar todos os mecanismos de apoio que pon á disposición a Comunidade Autónoma e informar a todas as persoas en situación de necesidade.

4 de agosto de 2026 | 00:47 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario