Juan Campos: “Un coche novo sempre é un reto e leva consigo dificultades engadidas”
É o único equipo galego que compite con turismo en circuíto a nivel nacional. Aínda que asegura que o piloto só é unha peza máis do crebacabezas, Juan Campos é o nome propio da Escudaría Cerdedoenrali e acaba de comezar unha tempada que dende logo non será sinxela. Tanto el coma os seus compañeiros coñecen a sensación de facerse co título nacional, acadárono no 2012, aínda que daquela o coche era outro e a categoría tamén. Agora o reto está en adaptarse ó seu novo Seat León Mk1 e á división 4 do Campionato de España de Resistencia. Un chanzo máis nunha traxectoria que non ten pinta de botar o freo polo de agora. |
Nome: Juan Campos Toimil (Cerdedo, 1969) Un lugar: Galicia Un hobby: Deporte en xeral Unha comida: Carne Unha virtude: o traballo Un defecto: a orde Un soño: cada día un! |
Acabades de estrear coche e categoría Juan. Cóntanos, que tal vos foi a semana pasada en Aragón? Contentos?
Estreamos coche este ano, tivemos que refacelo completo porque a unidade que compramos xa tiña varias tempadas as súas costas e precisaba unha posta a punto intensiva. Esa primeira proba foi de menos a máis. Comezamos lonxe dos postos cabeza, probablemente acusando a falta de quilómetros, pero a medida que avanzou a fin de semana fomos mellorando. Na primeira das carreiras conseguimos rodar no cuarto posto e con tempos similares aos dos pilotos punteiros da categoría. Unha pena porque a dúas voltas do final rompeunos a caixa de cambios e a avaría impediunos realizar a segunda carreira. En definitiva, contentos porque conseguimos rodar en bos tempos e o traballo de posta a punto foi excelente.
Que impresión che deu este novo Seat León Mk1? Como é este coche, moi diferente respecto ó anterior?
O Seat León Mk1 é un coche moi distinto ao Seat Ibiza SC Trophy co viñamos competindo en 2013. Trátase dun coche máis antigo, pero cun “set up” máis de carreiras, máis esixente na posta a punto. Tanto o piloto, como os enxeñeiros, e polo tanto tamén os mecánicos, teñen moito máis traballo. Pero todo isto tradúcese nun coche máis rápido e divertido. Digamos máis “persoalizable” a gusto do piloto.
E a categoría? Fostes cambiando de categoría e de coche nos últimos anos e os resultados sempre foron positivos, non? Cóntanos como foi esa evolución…
Levamos competindo na Copa de España de Resistencia 4 anos. En 2011 co Peugeot 207 THP, co que quedamos quintos da división 6 del CER ( Copa de España de Resistencia) e acadamos o mesmo posto tamén na Copa Peugeot. No 2012 co mesmo coche logramos o título da categoría. En 2013 cambiamos ó Seat Ibiza Sc Trophy e logramos un cuarto posto na División 5, e outro cuarto posto tamén Copa Seat Ibiza. Aquí teño que dicir que tiñamos opcións para lograr o subcampionato, pero por falta de presuposto non puidemos ir á carreira de Montmelo, igual que tampouco fomos á que se disputou en Alcañiz, porque vendemos o coche unha semana antes da carreira. Este ano cambiamos e estamos competimos na categoría inmediatamente superior; a división 4, que é a máis dura en canto ao número de participantes e en canto a nivel.
Por que o cambio? Como te decidiches a dar o paso?
CER (Campionato de España de Resistencia) está dividido en 6 divisións, das que a 6 é a inferior e a 1 a superior. Os coches divídense segundo prestacións, que se calculan en base á relación peso – potencia. O ano pasado xurdiu un comprador para o noso coche e co diñeiro ingresado e un gran esforzo económico tamén, decidimos facernos co León MK1 e dar o salto de categoría. Sempre é gratificante ir subindo chanzos.
Cales son os obxectivos para esta primeira tempada na categoría que está comezando agora?
Nesta temporada, despois de faltar á primeira carreira en Montmelo por problemas loxísticos, e despois deste mal resultado da pasada fin de semana en Motorland, o que nos queda é loitar por estar no podio de modo regular en cada unha das carreiras restantes; Jerez, Jarama, Cheste…
Como ves ó equipo? E ós demais equipos? Como cres que pode saír?
O noso equipo é o mesmo e nas tempadas anteriores e polo tanto é un equipo con moita experiencia no mundo da competición. Un coche novo sempre é un novo reto e sempre leva consigo dificultades engadidas, pero estamos traballando moi duro.
Como foi a pretempada? Que ritmo de adestramentos estivestes facendo?
A pretempada non foi todo o longa que nos gustaría. Tivemos que traballar moito na mecánica do coche para que estivese listo, e iso sacounos moito tempo… O que fixemos foi tratar de aproveitar a proximidade do Circuíto de Braga para a maioría dos test pretempada, aínda que tamén nos desprazamos a algún dos outros circuítos da península.
Sodes o único equipo galego que compite con turismos a nivel nacional, iso ten que ser un orgullo…
Si, somos o único equipo que compite con turismo en circuíto a nivel nacional e é isto xa de por si é para sentirse orgulloso. Sen embargo, tamén xera un problema, xa que o feito de que non haxa máis fai que a competición teña moi pouca repercusión mediática dentro da nosa rexión. Hai participacións puntuais dalgún piloto galego nalgunha proba, e cónstanos que este ano hai un piloto galego que ten un proxecto para correr a Copa León europea.
Pero por que cres que non hai máis? Falta nivel ou faltan apoios?
En Galicia hai un nivel moi alto en canto á competición do motor, pero Galicia sempre foi terra de rallys. Hai pouca afección aos circuítos, quizais porque no hai ningún aquí, na nosa comunidade.
E con esta situación custará atopar patrocinios… Máis aínda en tempos de crise…
En tempos de crise é difícil atopar apoios económicos, pero aínda así nós mantemos aos nosos patrocinadores ó longo dos anos e iso indica que somos un equipo serio e que or resultados son bos para quen confía en nós.
Como comentamos antes, no ano 2012 gañastes o Campionato de España, como recordas aquilo? Dado o nivel que hai por aí fora tivo que ser moi emocionante…
En contra de lo que pode parecer, foi un dos anos máis fáciles a nivel deportivo. Tanto o coche coma o equipo funcionaron á perfección e xa correramos con el varias tempadas. Cando todo se pon de cara as cousas parecen máis sinxelas. Moito máis complicada foi a pelexa no ano 2010 na Copa Peugeot, ou no ano 2013 na copa Seat Ibiza. Nesta ocasión por exemplo, medímonos a pilotos da talla de Esteban Vallin, que agora corre en rallys e que foi campión de España en varias ocasións, ou dos italianos Demarchi e Salerno, actuais líderes na categoría Máxima del CER.
Cal foi o teu mellor momento deportivo?
É curioso pero os mellores momentos deportivos foron na década dos noventa cando estabamos ligados ó mundo das motos. Naquel momento participamos en campionatos nacionais e continentais e mesmo tivemos unha participación puntual no campionato do mundo. Agora os coches son o noso “retiro” da competición, aínda que levamos xa uns cantos anos retirándonos! (Risas) E, por que non? Podería chegar aínda algún bo momento…
E o peor? Recordas algún especialmente duro?
O peor, sen dúbida, foi o duro accidente que tivemos no ano 2008 no rally do Albariño, que marcou de modo definitivo a nosa volta aos circuítos, buscando maiores medidas de seguridade.
O automobilismo é un deporte no que as diferenzas de orzamentos se notan moito, non sei como o percibides vós neste senso…
Somos un dos equipos máis modestos do Campionato de España, se non o máis modesto. O equipo está composto por seis persoas: o xefe do equipo, o chofer, dous mecánicos, loxística e piloto. O apartado de enxeñería e telemetría lévao un grupo de enxeñeiros da Universidade de Vigo e dunha empresa externa. O presuposto é moi axustado e o que máis gasto supón son os pneumáticos e as inscricións nas carreiras, incluso máis que os desprazamentos ou que os propios recambios do coche. Dos soldos xa nin falamos… En xeral a crise nótase; diminuíron o número de equipos e dos que quedan as estruturas tamén se viron reducidas. Sen ir máis lonxe, a pasada fin de semana na nosa categoría os equipos punteiros eran un francés, un italiano e un holandés, cando anos atrás estaba copado por españois.
Pode a pericia dun piloto competir contra os “cartos” doutra escudaría?
Os cartos marcan a evolución do equipo e do piloto. Se hai presuposto hai máis e mellor material, máis tempo para adestrar… Iso nos circuítos tradúcese en mellores tempos por volta e polo tanto mellores resultados…
Como comezaches ti nisto Juan? Que idade tiñas e como empezaches?
Levo na competición dende o ano 1988. Empecei por afección ás motos, axudando como mecánico nas copas de promoción do campionato nacional. Pouco a pouco vas subindo categorías, pasas por diferentes equipos… O broche foi a participación no Mundial de Estoril de 250cc, como asistencia non como piloto. Iso foi no ano 2000 e o salto ós coches veu no 2005. Primeiro en rallys e no 2010 en circuíto.
É algo ó que hai que dedicarlle moito tempo, iso dende logo. Pero para vivir non da…
Está claro que hai que dedicarlle moito tempo pero ninguén no noso equipo vive das carreiras. O meu traballo como médico de urxencias permíteme dedicarlle horas á competición e a todo lo que implica, de outra forma sería imposible seguir o ritmo.
A nivel físico tamén require preparación, non si? Ximnasio e demais…
O meu adestramento é duro sobre todo a ese nivel, a nivel físico. Traballo no ximnasio e co meu adestrador persoal. Fago bicicleta e natación, deporte de fondo e aeróbico, enfocado sobre todo á resistencia máis que á potencia. O CER disputa dúas carreiras de unha hora cada unha e separadas por apenas dúas horas. Isto supón un gran desgaste físico e ademais eu compito con xente moitos anos máis nova ca min, polo que non podo descoidar nin un ápice a forma física.
A pesares de que o piloto é un, levamos toda a entrevista falando do equipo…
Non se pode entender este deporte sen un equipo. O piloto só é unha peza máis nun puzzle difícil de completar se non encaixa cada peza de modo preciso.
Moitas grazas por ter conversado connosco Juan, e sorte!