
Cristóbal Rodríguez: “Vou a dalo todo para estar en Río 2016, sería cumprir un soño”
Despois dunha moi boa tempada que o situou na novena posición na Copa do Mundo, a Cristóbal quédanlle por diante as dúas citas máis importantes do ano; o Campionato de España, do cal é vixente campión, e o de Europa, que tamén gañou na categoría xuvenil. Estes son dous pasos máis na súa escalada cara o máis alto do ranking mundial. O motivo xa o imaxinarán, pelexar por unha praza para os Xogos de Río 2016, unha praza que para el é un soño, pero que tendo e conta a súa progresión, ben pode ser unha realidade máis cedo ca tarde. |
Nome: Cristóbal Rodríguez Fidalgo (Viveiro, 1991) Un lugar: Galicia Un hobby: durmir Unha comida: espaguetis Unha virtude: Que a digan os demais Un defecto: Moitos Un soño: Unha medalla olímpica |
Acabas de volver de Moscú, dunha das probas máis importantes da tempada, a Kremlin Cup. Como che foi?
A verdade é que a competición foi ben, acabei no posto 23 e tendo en conta que viña de gañar o Campionato de España unha semana antes e que estamos a preparar o Campionato de Europa dentro dunhas semanas, pódese dicir que foi un bo posto.
Agora queda o máis importante, apurón final da tempada…
Si, agora mesmo estamos case ó final da tempada, quedan as dúas probas máis importantes; o Campionato de Europa e Campionato do Mundo nos que espero manter o nivel de competición que veño facendo esta tempada.
Entón a próxima cita cando é?
A mediados de xullo, no Campionato de Europa Sénior en Budapest, espero facer un bo papel alí.
Cales eran os teus obxectivos para este ano?
O obxectivo principal da tempada era coller un bo ranking mundial en categoría sénior, e actualmente son o número 60. O ranking é importante de cara á clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016. E iso era o máis importante.
Ves de acadar, hai nada, a novena posición na Copa do Mundo, que se di pronto! Supoño que orgulloso, non? Que se sente nese momento?
Si, a verdade é que foi un campionato difícil. Empecei a esgrima moi mal, pero conseguín recuperar puntos e subir á quinta posición. Mantívenme aí entre a natación e a hípica, e despois saía quinto para a que miña peor proba, que é a combinada, e conseguín aguantar nunha boa novena praza. Foi un momento realmente especial.
Cal dirías que foi o teu mellor momento como deportista?
A medalla no campionato de Europa Xuvenil en Turquía
No ano 2008, cando rompín un pé adestrando carreira unha semana antes da final do Campionato de España, perdín toda a tempada.
Entón Cristóbal, falamos das Olimpíadas xa?
O obxectivo final sempre son as Olimpíadas, non penso que sexa cedo, só faltan dous anos e menos de un para que empece a clasificación. Cando se fala dun obxectivo así dous anos non é demasiado tempo.
“Sobre todo humildade, humildade e humildade”. É unha frase túa, vese que non che gusta presumir. É a humildade un valor importante nun deportista?
É un valor importante na vida, moitas veces o peor inimigo dunha persoa é o seu propio ego, que é o que non lle permite avanzar.
E precisamente avanzar é o que non deixas de facer ti… Comezar, comezaches co triatlón, non si? Como é que remataches no pentatlón?
En Galicia a Federación Galega leva os dous deportes, empecei polo triatlón porque era o que se facía nas escolas, pero en canto me empezaron a amosar o pentatlón axiña me decantei por este.
É un deporte duro. De feito son cinco deportes para ser exactos. É unha das competicións máis duras que hai?
Case todos os deportes son duros, o que fai diferente ó pentatlón é a súa variedade física, técnica e psicolóxica. Encaixar todos estes elementos é a maior complicación deste deporte.
Cal é a disciplina que máis che gusta? Cal é o teu forte?
A esgrima ata hai pouco non era precisamente un dos meus puntos fortes, pero ultimamente estou subindo moitos puntos nesta proba e permíteme saír nunha boa posición.
E a que menos? A que peor levas?
Correr. Correndo tiven moitas lesións e non puiden adestrar cunha boa continuidade, polo que o certo é que teño un handicap nesta disciplina.
Que é o máis importante no pentatlón? Cal dirías que é a clave aquí?
Agora mesmo as probas da natación e hípica estanse convertendo nun trámite, xa que todos os atletas están nunhas marcas moi similares. Partindo desta igualdade, a esgrima e a proba combinada son a clave. Unha boa actuación na esgrima permíteche saír arriba e así na carreira ganar a competición.
Como compaxina un o adestramento de cinco deportes? Hai tempo para todos?
Non é tarefa sinxela, hai que combinar as cargas entre todos eles para render en todos.
Como é o teu día a día? Cantas horas adestras?
Pois o meu día comeza ás 6 da maña coa natación, as 9:30 hípica e ó rematar combinado, as tardes están reservadas para a esgrima. Ó final sae un total dunhas 7 horas diarias de adestramento.
Pero compaxinalo cos estudos ou co traballo será imposible… Queda tempo?
Estou estudando arquitectura, agora empezarei cuarto pero a verdade é que non está resultando fácil, sobre todo a asistencia ás clases. Pero bueno, de momento estouna facendo sen problemas.
E a nivel físico como consegue un que o corpo renda? Aínda por enriba, se non me equivoco, ti es asmático, non che pasa factura isto?
O noso corpo é moi agradecido, hai que coidalo cada día para conseguir un bo rendemento. Coa asma sigo usando un 75% do meu pulmón, pero grazas precisamente ó deporte teño uns pulmóns máis grandes que os dunha persoa da miña estatura e peso, polo que consigo respirar ben.
Cal é a túa base nestes momentos? Onde te atopas?
Estou vivindo en Barcelona, levo 8 anos adestrando no CAR de Sant Cugat del Vallés, e a verdade é que é unha gran axuda adestrar nun centro de alto rendemento. É a maneira de poder ter todo ó alcance.
Que é o máis difícil de todo, o que máis costa? As horas de adestramento, as viaxes, estar lonxe… Que é o máis duro?
As peores etapas son as de pre tempada, poden ser moi largas e ó non haber competicións non ves resultados. Pero tamén é a parte máis importante da tempada xa que deses adestramentos vívese todo o ano. O tema de estar lonxe da casa é duro tamén, falo cada día coa miña familia aínda que ás veces si que se fai máis difícil e gustaríame estar con eles.
Alguén a quen admires?
A Michael Phels!! É un gran atleta, sempre con ganas de máis e con ese gran espírito de competición.
Vémonos nas Olimpíadas, logo?
Esa é a idea, vou a dalo todo para estar en Río 2016, sería cumprir un soño.
Moitas grazas por conversar connosco Cristóbal.