Vero Boquete: “O noso obxectivo esta tempada é gañar a Champions”
Nestes momentos estás xogando no Tyresö FF, equipo da máxima categoría do fútbol feminino en Suecia, estades en pretempada, non? Porque o calendario é algo diferente…
Si, o calendario é un pouco diferente ó que estamos acostumados en España e noutras ligas europeas porque o inverno aquí é durillo… Entón a nosa pretempada vai de Xaneiro a Marzo, e despois empezamos as competicións; Champions, liga e copa. A verdade é que a pretempada está sendo dura, moitas dobres sesións e moito frío!!! Pero o equipo está moi motivado, o noso maior obxectivo é gañar a Champions e en marzo xogaremos os cuartos de final.
E a nivel individual? Como che están a ir a ti as cousas? Atópaste nun bo momento? Ó pouco de chegar a esta liga fuches nomeada mellor centrocampista de Suecia, ou sexa que empezaches forte…
Encóntrome nun bo momento, traballando duro e con moitos obxectivos que cumprir… Espero que este sexa un bo ano tanto aquí en Suecia como a nivel de Selección. Adestrar neste equipo, onde comparto vestiario con xogadoras do máximo nivel, e competir nesta liga profesional, faime mellor cada día.
Ó longo da túa carreira estiveches xa en varias competicións; aquí en España, en EEUU, en Rusia… Como foi esa traxectoria e eses cambios?
Ata o de agora é a miña ambición deportiva a que decide os meus “movementos” (Risas). Para ser mellor teño que competir cas mellores e nas mellores ligas, e ó mesmo tempo
“Marchei de Galicia, porque necesitaba seguir medrando” |
para loitar por títulos teño que estar nos mellores equipos… Por iso marchei de Galicia, porque necesitaba seguir medrando. Zaragoza foi a miña primeira parada e despois o Espanyol para poder loitar por todo. Crucei o charco a USA en busca do meu soño, ser futbolista profesional e estar entre as mellores. Rusia para xogar a Champions e Suecia polo proxecto ambicioso que ten este club. Todas estas etapas fóronme formando como xogadora e como persoa, unha boa carreira deportiva e de vida.
Como é esta liga na que te atopas? Hai moitas diferenzas coas anteriores?
A liga sueca é unha liga moi profesional, conta con 12 equipos e os dous primeiros acadan praza para a Champions. É unha liga onde o físico é importante pero tamén é unha liga táctica e cada vez máis técnica. Das que xoguei, esta é a mais completa. Si a comparamos coa española, as diferenzas son moitas, sobre todo en canto ó ritmo e a intensidade. Son moito máis altos aquí.
Supoño que pasar por distintas competicións tamén axuda a medrar como xogadora e a aprender… Como xogadora, e como persoa tamén…
Sen dúbida, son experiencias de vida que te forman como xogadora e deportista, e tamén como persoa. Coñecer outros países, outras culturas, outras ideas, outra forma de funcionar, de facer as cousas.. coñecer xente, facer amigos, aprender outras linguas.. Canto máis grande sexa o abanico moito mellor e eu disfruto todas estas oportunidades.
“Esta, xunto coa a alemá, son as ligas máis fortes de Europa e do mundo nestes momentos” |
De todas as ligas nas que xogaches, cal che gustou máis? Cal ía máis acorde a ti e ás túas características?
A liga americana foi a máis profesional, a que tiña maior asistencia ós partidos, máis repercusión mediática… Unha liga moi física pero que tamén contaba con moitas das mellores xogadoras, o que lle daba gran calidade técnica. O nivel era moi alto e eu adapteime rápido co cal disfrutei moitísimo! Rusia é diferente, a forma de traballar tamén é diferente e todo é máis arcaico. Tamén é máis frío e o fútbol era bastante agresivo. E en Suecia encontrei unha liga moito máis completa do que esperaba nun principio. O físico aquí é fundamental, e adéstrase moito, pero a táctica e a técnica tamén son moi importantes. Esta, xunto coa a alemá son as ligas máis fortes de Europa e do mundo nestes momentos.
E se tiveras que quedar con unha valorando en conxunto?
Un bo adestrador e un bo equipo con xogadoras que entendan o fútbol da mesma maneira é a clave. Por iso a miña etapa en Philadelphia e aquí en Tyresö son as mellores para min.
O país tamén axudará… Se unha está máis cómoda e máis a gusto reflectirase tamén no seu rendemento…
A verdade é que si, canto máis a gusto esteas con todo fora do fútbol máis e mellor poderás render, case sempre é así. Aínda que tamén é certo que ás veces os obxectivos e retos persoais son tan grandes que todo o demais queda nun segundo plano. Si teño que escoller un país diría España!! Non se vive mellor en ningún sitio! Especialmente a miña etapa no Espanyol, vivindo en Barcelona. Pero claro, deportivamente non é o mesmo… En conxunto USA sería o ideal.
Marchaches da casa moi nova, 17 anos? Iso é algo que lle agradeces ó fútbol, pola experiencia que gañaches, ou máis ben é algo que lle botas en cara…
Non hai nada que lle poida botar en cara o fútbol, doume e dame tanto, que calquera sacrificio ou esforzo valeu e vale a pena. Marchar da casa non foi doado, tes que deixar a familia, os amigos, a cidade e todo o coñecido. Falo por seguir un soño, pero ese soño é o que lle da sentido e valor a miña vida.
Se falamos de palmarés; campiona da copa da raíña en dúas ocasións, da W-League de EEUU, finalista da Women’s Professional Soccer tamén en EEUU, finalista da Superliga Española,… E foi precisamente en Suecia onde chegou o primeiro gran título, non? O título de liga. Ti me dirás pero non está mal eh!
Ogallá tivera máis, ou viñeran non futuro!!! Eu sempre digo que a meta é importante pero máis o é o camiño. Disfrutei tanto daquelo que me levou ó título coma do que non. As derrotas do pasado danlle máis valor os éxitos que consigo agora.
E que me dis da Champions? Xogala foi o soño que te levou a saír fora probablemente. Como foi esa experiencia?
“A Champions é a maior competición a nivel de clubs. Poder xogala é un premio e unha satisfacción, pero poder loitar por gañala?? Iso é moito máis” |
A Champions é a maior competición a nivel de clubs. O meu debut foi especial e en cada partido notas que non é un máis, sentes que é algo grande durante toda a semana. Poder xogala é un premio e unha satisfacción, pero poder loitar por gañala?? Iso é moito máis. Esa é a nosa ilusión e motivación agora.
Outro anaquiño importante do teu corazón, e da túa carreira deportiva, está na selección non? Que significa para ti xogar na selección española? Cal foi o mellor momento?
“Sería a primeira vez que España xogase un mundial absoluto, e iso sería un gran impulso para todo o fútbol feminino” |
Xogar na selección, en calquera, quere dicir que estás entre os mellores dun país, e tes o privilexio de defender con orgullo ó resto de compañeiros e ó voso deporte. Como futbolista, vestir a camisola da selección é o máximo, e cada partido é un regalo. Poder xogar torneos internacionais e todas as experiencias que iso leva consigo é unha das mellores cousas que podes ter como deportista. O mellor momento? O meu gol no último segundo fronte a Escocia que nos deu o pase a Eurocopa.
Estades xa a preparar o Mundial de Canadá 2015? O feito de estar aí xa sería facer historia…
Sería a primeira vez que España xogase un mundial absoluto, e iso sería un gran impulso para todo o fútbol feminino. A clasificación vai ben e esperamos seguir así para conseguir o pase canto antes.
En que situación se atopa o fútbol feminino en España? Pódese vivir deste deporte no noso país ou hai que marchar fora?
A liga española non é profesional e aínda que parece que cada ano vai a máis, as mellores oportunidades seguen estando fora. En España adestras nos peores horarios despois dun largo día de estudio ou traballo, aquí en Suecia adestrar é o teu traballo. En España, algúns equipos pagan o suficiente para vivir pero debes aproveitar o tempo para prepararte para o futuro porque o fútbol dura pouco e o que podes gañar é só para o momento. Outros países ofrecen mellores oportunidades pero e difícil facerse un nome para que te valoren.
Hai diferenzas entre o recoñecemento que acada este deporte en España e o que ten noutros lugares?
Si, noutros países a situación e moi diferente. Por poñer o exemplo máis claro, en USA o fútbol (soccer como lle chaman eles) é considerado un deporte feminino e o fútbol americano é o masculino, isto cambia todo dende a base! Así as xogadoras son auténticos referentes e iconas mediáticas, porque moven a millóns de persoas. Iso xera máis afección, máis patrocinadores, máis espazo nos medios…
Queda aínda camiño por percorrer? Con que trabas vos atopades?
Moito camiño!!! Pouco a pouco a situación vai mellorando, aínda que ás veces parece que non, todo vai moi lento. Precisamos un cambio social, un cambio na mentalidade da xente, unha mellor base cunha educación igualitaria. As trabas transmítense coa educación, cos valores, cos exemplos… España sigue sendo un país machista e iso dificulta a nosa situación e a súa mellora. Hai moito que facer a nivel institucional, federativo, de clubs.. Pero nos somos a clave, cos éxitos e o traballo todo pode ser mais doado.
Isto ocorre en moitos deportes por desgraza pero que no voso caso, en vista da situación do fútbol masculino, a diferenza é bastante máis chamativa…
Non podemos comparar porque non é real. Non pelexamos por ser e gañar o mesmo que eles, demandamos respecto, promoción e mellora da nosa situación. O fútbol masculino é outro mundo, ocupa o 95% do espazo nos medios, o 5% restante é para o resto dos deportes e case sempre o feminino vai detrás. A cultura deportiva do noso país é moi especial, pero por iso os éxitos noutras modalidades e deportes minoritarios teñen tanto valor. Quizais non un valor multitudinario pero si entre nos, os deportistas.
E xa para ir rematando Verónica, como foi esa terceira edición do Campus Vero Boquete que se celebrou en Decembro en Santiago? En que consiste este campus? Como decides poñelo en marcha e como está a funcionar?
Foi un novo éxito! Contamos con máis de 100 rapaces e rapazas que viñeron un ano máis a disfrutar e aprender xogando. Este é un campus de fútbol onde se traballan e intentan mellorar todo os aspectos técnicos e tácticos, pero faise nun ambiente lúdico, coñecendo nenos doutros sitios, compartindo experiencias e nun marco de igualdade. A idea era crear un campus na miña cidade, o primeiro que levase un nome de muller futbolista, que axudara a igualdade e integración, que educase mediante o xogo.. Despois de tres edicións podemos dicir que estamos inmensamente felices por como está saído todo e só temos ganas de seguir mellorando.
Pois só me queda a pregunta obrigada, volverás? Volveremos a verte xogar na liga española?
Encantaríame!!! Pero penso que terá que ser no futuro. E sendo sinceros, espero que nun futuro afastado, porque as mellores oportunidades agora mesmo están fora das nosas fronteiras. Así é que estar fora significará que sigo o máximo nivel.